Xosé Manuel Beiras: Un foro social galego VIII. Porto Alegre: a "utopía crítica"

Xosé Manuel Beiras: Un foro social galego VIII. Porto Alegre: a "utopía crítica" Xosé Manuel Beiras

"O internacionalismo que nos compre recompór ten que ser universal, ten que cruzar o capitalismo no seu conxunto, restablecendo alianzas entre as forzas anticapitalistas do centro e da periferia a partir de análises do sistema como un todo. Da capacidade de recompormos esa alianza estratéxica depende en grande parte a potenciación das forzas anti-neoliberais no mundo actual". Son palabras do brasileiro Emir Sader, profesor na Universidade Nacional do Rio de Janeiro, impresas no 2001, á volta do I Foro Social Mundial de Porto Alegre, no volume colectivo "Resistências Mundiais".

Nefeito: postos a analisar "a dicotomía das condicións da loita" social e política das clases explotadas, os pobos espoliados e as nacións asoballadas no centro e na periferia do sistema, o repaso do acontecido ao longo do s.XX pon de manifesto a creba que o impacto da contradición centro-periferia provocou nos nexos obxetivamente existentes antre as vítimas da explotación, a espoliación e a opresión neses dous recintos dun sistema en proceso de mundialización durante ese periodo secular. Primeiro, cando o estoupido da primeira revolución socialista, a soviética -acontecida nun país da periferia, e non do centro, conforme ás previsións do marxismo clásico- esgazou o tronco da esquerda social e política do entón nas ponlas comunista e socialdemócrata, favorecendo o isolamento da revolución internamente trunfante e a sua deriva cara un capitalismo de estado e un rexime estalinista. Máis logo, cando os movementos de liberación das colonias, lonxe de contaren co apoio dos partidos e sindicatos das esquerdas metropolitáns, topáronos alineados os máis diles coas posicións colonialistas. Finalmente cando, a partir da virada ultraliberal, a socialdemocracia se acomoda á globalización e reconvírtese en social-liberal, con ensayos de "terceiras vías" e demáis andrómenas escapistas: unha vez máis, "provocouse unha ruptura antre a esquerda do centro e da periferia do capitalismo" -conclue Sader.

Nese contexto, o proceso de xestación e madurecemento dos movementos anti-globalización foi restablecendo interrelacións e reconstruindo pontes antre o norde e o sul do universo social globalizado. Só que nun novo mapa, no que mudaran as coordenadas, os itinerarios e os interlocutores. As coordenadas xa non eran as da tensión bipolar de bloques da "guerra fria". Os itinerarios xa non eran os que transitaban pola urda das grandes internacionais históricas. E os interlocutores xa non o eran tampouco os sindicatos e partidos do movemento obreiro e as esquerdas tradicionais.. A metamorfose operada pola ofensiva contrarrevolucionaria ultraliberal trastornara todos eses elementos da paisaxe sociopolítica globalizada. Como constata Sader, "cando as forzas que resisten ao neoliberalismo na periferia voltaron a se fortaleceren -coas metamorfoses conseguintes tamén- non atoparon aos antigos interlocutores no centro do capitalismo, e tiveron que percuralos noutras direicións -como o demostra a cartografía do FSM do 2001 en Porto Alegre".

*****

Foi un fato de inteleituais e activistas brasileiros do espazo sociopolítico do PT os que tiveron a idea de promover un encontro internacional que fose unha réplica ao Foro Económico Mundial que os "think tanks" ultraliberais celebraban anualmente na vila suiza de Davos. Unha réplica dos movementos sociais emancipadores ao poder económico opresor. Unha réplica social global ao sistema capitalista globalizador. Os pioneiros brasileiros conectan cos promotores franceses de ATTAC, recén posta a andar cousa dun ano antes. Estamos no 2000. A idea calla, a proposta é asumida conxuntamente de imediato e con entusiasmo. Constituese un Comité Orgaizador para pór en marcha o primeiro Foro Social Mundial.

Escóllese a cidade brasileira de Porto Alegre, capital do estado de Rio Grande do Sul, onde o PT, que goberna, está a praticar a experiencia democrática pioneira dos "orzamentos participativos" -é dicir, elaborados coa participación activa do tecido asociativo cidadán. O Iº FSM terá lugar a fins de xaneiro do 2001: son precisamente as datas do Foro de Davos. Esa simultaneidade volve ainda máis gráficamente elocuente a mostración da relación antitética antre globalización e anti-globalización, antre poder económico ultraliberal no centro -Suiza- e contrapoder social emancipador na periferia -Brasil. En Porto Alegre, xaneiro do 2001, o(s) movemento(s) anti-globalización, o combate cívico da humanidade a prol dunha alternativa global, entra nunha nova fase. Pesia a premura coa que se orgaiza, o primeiro FSM rexistrará unha participación de 20.000 persoas e perto de 5.000 delegad@s procedentes de 117 países. Dous anos máis tarde, no terceiro dos FSM, acodirán a Porto Alegre 100.000 persoas e 21.000 delegados de 156 países diferentes. É o abalo dunha nova maré. "En pé os escravos da terra, en pé os que non teñen pan; que o mundo vai ser transformado, e unha nova orde vai reinar"? E il acertará désta a premonición da internacional?

*****

"Utopía crítica": é a expresión coa que define o ideario inicial, caleidoscópico il, do Foro Social Mundial Boaventura de Sousa Santos, profesor de socioloxía da Universidade de Coimbra, director do seu Centro de Estudos Sociais e máis do Centro de Documentaçao 25 de Avril, e tamén profesor visitante na universidade de Wisconsin-Madison.

Sousa Santos é unha das máis lúcidas e activas cabezas pensantes dos FSM, intensamente implicado no proceso do Foro dende o seu comenzo como participante nas suas actividades e máis como membro de un dos seus órgaos colexiados de xestión e direición. Estou por dicir que o profesor Santos é, ademáis, o inteleitual europeu que máis a fondo e sistemáticamente leva analisado a natureza e a etioloxía dos FSM nas perspeitivas epistemolóxica, sociolóxica e política, até elaborar a diagnose se cadra máis certeira e completa que eu saiba dese complexo fenómeno interpretado dende dentro como praxe, ou sexa, como combinación de pensamento e acción, mesmamente.

Eu escoitáralle maxistrais intervencións nas sesións do 2002 e 2003, nomeadamente unha delas no "Gigantinho" de Porto Alegre, o enorme ximnasio circular situado a carón do aínda meirande estadio -ao que, porén, as xentes non chaman Gigante- repleto de máis dunha ducia de miles de ouvintes fascinados nun silenzo espectante. Naquela ocasión, a sua matinación redefinitoria da noción de igualdade en simbiose coa de diversidade, nunha ética de igualitarismo con respeito da diferencia, aquela sua diáfana matinación, digo, alumeárame definitivamente unha temática crucial que eu levaba debullado insistentemente ao longo dos anos por mor da miña prática política no nacionalismo emancipador galego no marco peninsuar.

Volvino escoitar o ano pasado en Nairobi, co meu compañeiro Xavier Macías, nunha palestra con Wallerstein, Cassen e outros máis. Desta vez vencín a miña timidez e achegueime a saudalo e apresentarme. Non me deu tempo a dicirlle o meu nome mentras lle ofrecía o meu cartón da Fundación Galiza Sempre: "mas vocé é o Beiras", espetoume -e deixoume estupefacto. A seguida relembroume cando eu acudira como profesor convidado "á minha Universidade de Coimbra" -dixo- poucos meses despois da revolución "dos cravos" portuguesa. Fiquei pampo: xa apenas me lembraba eu de aquela estadía, envolta na brétema da lonxanía vivencial, malia ter sido un episodio intensamente arrequecedor e emotivo da miña andaina universitaria.

*****

Pois sí: unha utopía crítica. Sigamos o fío ideatorio de Sousa Santos. Por unha banda, "a dimensión utópica do FSM consiste en proclamar a existencia de alternativas á globalización neoliberal". Xa que logo, de primeiras, se repescamos na memoria treitos precedentes desta miña serie de matinacións, resulta que a utopía do FSM non xurde na inicial expresión dos movementos anti-globalización , na que afirman a sua identidade por negación da orde mundial existente coa que se confrontan -o sistema-mundo capitalista globalizado- senón na posterior afirmativa de que "outro mundo é posibel".

Porén, esa emerxencia destes movementos como réplica negadora da inexorabilidade da orde ultraliberal tinxe, en orixe, de negatividade a utopía que entrañan. Nefeito, o FSM no que desembocan e se artellan eses movementos sociais combate unha antiutopía -a "utopía antiutópica" do ultraliberalismo- que se apoia en dous peares. Un, "a ilusión do control total" sobor da realidade presente; e outro, "o radical rexeitamento" da posibilidade de alternativas ao statu quo establecido pola actual orde mundial -o consabido "final da historia", o paifoco ideoloxema do tal Fukuyama. Nesas condicións, o primeiro que fai o FSM é pór en custión ese control "totalitario", ou o seu pretenso carácter inexorable, para poder afirmar a existencia de alternativas, ou sexa, a posibilidade dun alter-mundo.

Como sinala Santos, "nun contexto onde a utopía conservadora ten un predominio absoluto, resulta máis importante afirmar a posibilidade de alternativas ca definilas". Eis por qué "a utopía do FSM avalíase máis como negatividade -definir qué é o que critica- ca como positividade -definir aquilo ao que aspira". Con todo, a faciana positiva desa utopía emergulla cando o FSM pasa de afirmar simplesmente a posibilidade de alternativas á globalización ultraliberal, a precisar que esa alternativa consiste nunha "globalización contrahexemónica": eis a conversión dunha posición anti-globalización nun proxecto e unha prática - un proceso sociopolítico -alter-globalizadores.

Finalmente, duas connotacións peculiares máis do FSM como utopía crítica. Unha, que "pretende romper coa tradición das utopías críticas" do ciclo oucidental da modernidade -moitas delas convirtidas, co paso do tempo, en "conservadoras", en corsés e freos da dinámica social, no canto de esporas e estímulos do avance histórico. Por iso, no FSM, "a demanda de alternativas é plural, tanto na forma das reclamacións canto no contido das alternativas". E a outra: a índole "radicalmente democrática" desa utopía. Velaí a fonte do pulo de rexeneración democrática da dinámica social e da sua necesaria proxeción na instancia política estrita, que alenta no pensamento e na prática dos movementos alter-globalizadores artellados no FSM.

Galicia Hoxe, 23/03/08