Xosé Manuel Beiras: Un foro social galego IX. Da utopía crítica á "epistemoloxía do sul"

Xosé Manuel Beiras: Un foro social galego IX. Da utopía crítica á "epistemoloxía do sul"Xosé Manuel Beiras

Remataba eu o día pasado sinalando a índole "radicalmente democrática" da utopía crítica acobillada no FSM. Veleiqui un enunciado concordante con esa diagnose: "É aí onde xurde a nova utopía que xa está na terra, que xa está eiquí: a dunha democracia tamén global, plural, transparente, na cal a sociedade civil controle o multiestado no todo e nas suas partes e asuma o problema social co poder da maioría en cada nación e na humanidade". E veleiquí aínda estoutro: "Achámonos nunha situación de bifurcación sistémica. Os poderosos preparan a construción dun mundo postcapitalista, unha nova forma de sistema híbrido desigual, a fin de manteren os seus privilexios. O desafío, para nós, é mostrarmos que somos tan imaxinativos coma os poderosos, e non menos audaces, mais cunha diferencia: precisamos vivenciar as nosas crenzas na democracia igualitaria -o que raramente facían os movementos da vella esquerda. Cómo facelo? É iso o que debemos discutir hoxe, mañán e despois de mañán tamén. É posíbel facelo, mais non existe unha certeza. A historia non garante ren. O único progreso que existe é aquilo polo cal loitamos".

A primeira aseveración é de Pablo González Casanova. A segunda, de Immanuel Wallerstein. Os dous asíduos participantes activos no proceso do FSM. Wallerstein, direitor do Fernand Braudel Center, é un dos máis sobranceiros analistas do actual sistema-mundo -expresión acuñada por il, mesmamente. O mexicano Pablo González Casanova, sociólogo, profesor e outrora reitor da famosa UNAM (Universidade Nacional Autónoma de México), elaborara unha esclarecedora noción de "colonialismo interno" na mesma época en que eu andaba a provocar o escándalo en celtiberia por definir a Galiza como "colonia interior" do Estado español -van alá perto de catro decenios. A descoberta da sua solvente teorización servírame daquela de aval proteitor -criterio de autoridade- fronte a moitos ataques da academia carpetovetónica, e tamén da indíxena fisterrán, que me lapidaban por herexe. Non o coñecín en persoa até o 2002, en Porto Alegre, mais era un amigo de vello, camarada fraterno na aventura das ideas.

E é que un dos miragres dos FSM é o proceso de converxencia ideatoria que se opera niles a partir de prismas ideolóxicos e posicións epistemolóxicas moi diversas e mesmo diverxentes en orixe, nunha dialética que as vai encaixando como pezas dunha arquiteitura de novo feitío sobre trabes mestras comúns a todas elas, que se van revelando seren tais no decurso do proceso combinado de pensamento e acción, de reflexión e combate. E, nesa armazón, a trabe de ouro está na periferia do sistema: esa arquiteitura ideatoria ten os alicerces nunha "epistemoloxía do sul".

Por caso: Casanova esplicita a necesidade de redefinir nocións como a de soberanía, a esixencia de reformular a socioloxía política e a teoría do Estado recibidas en herdanza polo pensamento e as orgaizacións anti-imperialistas que loitan no marco do sistema globalizado. Lúcidamente sinala que a actual globalización "mantén e reformula" as estruturas da dependencia "de orixe colonial" á par das do imperialismo forxado no pasado século. "O discurso da globalidade -advirte- non só obedece a unha realidade epistémica lexítima. Está a ser utilizado tamén para unha "reconversión" da dependencia". Paga a pena lérmolo na sua literalidade: "Nas liñas esenciais do mundo actual é indispensábel ver o novo da globalidade, mais tamén o vello -e no vello atópase o colonialismo da idade moderna, un colonialismo global que hoxe é tamén neoliberal e postmoderno". E conclue con esta rotunda aseveración: "A reconversión é, en grande parte, unha recolonización".

* * * * *

Portanto, no cerne da custión agóchase un problema científico que subxace aos plantexamentos da loita social e ideolóxica fraguada ou vertebrada nos FSM. É un problema de natureza do coñecemento denominado ciencia -"episteme", en grego- e, xa que logo, un problema de "epistemoloxía" -cando menos no eido das ciencias sociais, inanque penso que non só nese recinto, e nen sequer só no recinto da ciencia, senón que trascende ao espazo todo da cultura. En simplificación non abusiva, poderíase dicir que o cerne dese problema consiste na indebida universalización do conceito de ciencia forxado na historia moderna da cultura europea, convirtido en modelo canónico do coñecemento científico, e extrapolado ideolóxicamente a todo o universo humano como criterio definitorio do único saber solvente. A globalización leva ao paroxismo esa operación, convirtindo en dogma (seudo) científico de validez universal a ideoloxía ultraliberal que entroniza a hexemonía do saber do "norte" sobor do "sul", até o ponto de excluir de calquer consideración todolos saberes que non encaixen no modelo forxado no centro do sistema -ou dito doutro xeito, nas sociedades desenvoltas nos moldes do capitalismo central e da sua civilización científico-técnica industrial.

Eis o sentido da dupla advertencia de Casanova que veño de recoller máis arriba. Primeiro, ao desvelar as duas valencias que ten o "discurso (neoliberal) da globalidade": unha en canto expresivo dunha "realidade epistémica" -ou sexa, da ciencia oucidental universalizada- e outra en canto discurso ideolóxico hexemónico "utilizado (encubertamente) para unha "reconversión" da dependencia" que entraña "unha recolonización". Pero tamén, segundo, ao avisar da esterilidade da análise científico-social se non se proxectan os seus resultados nunha acción social e política contra a globalización imperialista, baseada nun prisma epistemolóxico do "sul", ou sexa nunha interpretación crítica do sistema-mundo elaborada cos lentes da periferia.

Nas suas próprias verbas: "Por máis profunda e esacta que sexa a análise do que acontece, a radicalización da análise, por si mesma, non dá lugar a unha acción política efectiva". Nefeito, "a falta de pontes antre o que poderíamos calificar como análise radical e a acción política alternativa deixa a análise confinada en sí mesma, como reflexión, como protesta ou como laio, mais sen maior trascendencia". E velaí o problema desa "rara ruptura antre o discurso científico e o político, antre a análise do que acontece realmente e o que se debe facer para que a especie humana salve o planeta acabando cos excesos do consumo e da fame".

* * * * *

Esas matinacións de Pablo González Casanova están escritas pouco antes do comenzo da serie dos FSM en Porto Alegre. Vai ser xustamente ese proceso xa artellado do FSM o que aborde -co "miragre" de converxencia ideatoria ao que antes me referín- as diversas facianas do problema plantexado, póndo en obra unha arquiteitura ideatoria de novo feitío cos lentes, a regra de cálculo e os trebellos operativos da periferia. E máis a construción de pontes de novo deseño coa acción política transformadora capaz de conducir á humanidade a facer realidade un alter-mundo, unha alternativa radical, e radicalmente democrática -revolucionaria portanto- á globalización ultraliberal que o movemento do FSM afirma como posíbel.

Os alicerces desa arquiteitura van afincarse mesmamente nunha "epistemoloxía do sul", nunha filosofía da(s) ciencia(s) -sociais- contrahexemónica, alternativa e dialéticamente contraposta á conceición do coñecemento e da ciencia xestada no desenvolvemento histórico do capitalismo central e das sociedades burguesas "oucidentais". Para ese labor comprirálle desvelar tódolos valores "invisibilizados" pola globalización imperialista e aguilloar a emerxencia das formas de coñecemento, cultura e relacións sociais vertebradoras do alter-mundo afirmado e percurado na loita fronte ao sistema-mundo actual. É o que Sousa Santos denomina "socioloxía das ausencias" e "socioloxía das emerxencias", as duas liñas de traballo inteleitual que il considera cardinais para resolver "o problema espistemolóxico da validez do coñecemento científico mesmo para avanzarmos nas loitas contrahexemónicas". Mais esa andaina ben merece capítulo aparte -se é que aínda non estades aborrecidos por mor da miña leria... interminábel?

Galicia Hoxe, 30/03/08