Xosé Manuel Beiras: Un foro social galego XI. O FSM de Porto Alegre-2001 a Mumbai-2004 (I)

Xosé Manuel Beiras: Un foro social galego XI. O FSM de Porto Alegre-2001 a Mumbai-2004 (I) Xosé Manuel Beiras

Porto Alegre vai ser a sede das tres primeiras edicións anuais do Foro Social Mundial, celebradas consecutivamente nos meses de xaneiro do 2001 ao 2003. A fulgurante expansión da participación nesa cimeira -auténticos encontros asamblearios de alcanzo universal- desencadea, no curto prazo de tres anos, unha veloz difusión do FSM polos máis diversos recantos do planeta, tánto na periferia coma no centro do sistema. Con esta singular característica: non é tanto que agromasen novas orgaizacións e movementos cívicos e sociais canto que, primordialmente, emergullaron dende a penumbra, "visibilizáronse" e reactiváronse moitas que xa existían nos diferentes países e andaban a loitar en cadanseu ámbito social e cadansua área temática de combate fronte aos problemas causados ou exacerbados pola globalización imperialista. E descobríronse unhas ás outras, recoñecéronse recíprocamente na tarefa común a todas elas -e buliron a tecer a urdime do FSM, xa non só como evento anual duns poucos días de duración, senón como acontecer cotián e labor permanente de colaboración no pensamento e na acción fronte ao belicista ultraliberalismo do "capitalismo do desastre", que diría Naomi Klein.

* * * * *

Como catalizadores dese proceso de nova "revolución permanente" -atípica, claro é- comezaron a orgaizarse, imediatamente após o primeiro Porto Alegre, edicións continentais do FSM -que a seguida proliferarían a nivel estatal, nacional e sub-estatal, segundo a morfoloxía do artellamento político-institucional dos diferentes povos e comunidades nacionais. En Europa, os primeiros Foros comezan a partir do madrugador precedente do "Congreso cidadán europeu", que se celebra en Liexa en setembro do 2001 e constitue unha réplica fulminante ao drama acontecido en Xénova un par de meses antes: a premeditada demonización mediática e salvaxe represión policial berlusconián da enorme mobilización -arredor de trescentos mil cidadáns- contra a cimeira do G-8, que se saldara coa morte do mozo Carlo Giuliani, centos de feridos e o intento de criminalizar e dividir o movemento anti-globalización en Europa.

O Congreso de Liexa arremete contra o fetichismo da recén estreada unión monetaria e a deriva ultraliberal e antidemocrática da UE: "A construción europea actual -denúnciase na Declaración final do Congreso- está esencialmente determinada polos intereses das institucións financeiras e das grandes empresas. Portanto a Unión Europea, no seu estado actual, representa un poderoso motor da mundialización neoliberal. Apoia ás orgaizacións internacionais que a sustentan, coma a OMC, o FMI, o Banco Mundial e a OTAN. Ademáis, a sua lóxica institucional é tan complexa e opaca que os proprios parlamentarios europeus denuncian o "déficit democrático" que enxendra. Por iso queremos reconquistar os espazos perdidos pola democracia en proveito do poder financeiro, e promovermos unha construción europea baseada nos intereses dos cidadáns e as cidadás. Unha Europa pacífica e solidaria cos demáis povos do mundo".

Mais o "Congreso dos cidadáns europeus" non se confina na simples negación do existente: transforma a sua "moción de censura" á UE no boceto dunha política económica e social alternativa, tanto intra-europea coma no marco do sistema mundial globalizado. O esquelete desa alternativa vertébrase en catro eixos programáticos cardinais. O primeiro diles enuncia unha política fiscal inversa da imposta pola globalización financeira. "A política fiscal europea actual oriéntase primordialmente a favorecer aos especuladores e ás empresas transnacionais" -afírmase. "Os cidadáns, e en maior medida as cidadás, son as vítimas desa lóxica que enxendra desigualdades" e orixina crises financeiras de "consecuencias sociais desastrosas". En contraposición a ese modelo, "é urxente tomar medidas destinadas a restablecer un control político sobre a economía para poñela ao servizo de tódolos cidadáns e non do mundo financeiro". As medidas propostas van dende o establecemento, a nivel europeu, dunha "taxa Tobin" e dun imposto sobre as transaccións internacionais en bolsa, até a harmonización fiscal con modelos redistributivos, a implementación dos orzamentos participativos e o "desmantelamento dos paraisos fiscais".

O segundo eixo céntrase na construción dunha "Europa social", meiante o afortalamento dos servizos públicos, o restablecemento dun mercado laboral regulado e dunha seguridade social redistribuidora, a instauración dunha "renda básica" de subsistencia e máis o control democrático do Banco Europeu -e portanto da política monetaria, actualmente en mans de tecnócratas á marxe das institucións políticas. O terceiro eixo arremete contra a OMC e deseña unha orgaización alternativa do comercio mundial, baseada na sua "democratización radical" e na "modificación da sua lóxica" de funcionamento: "O mundo non é unha mercaduría e a humanidade non é un recurso". En consecuencia, "as regras do comercio mundial deben subordinarse a criterios meioambientais, sociais e culturais estritos", e excluir do seu ámbito "os sectores vitais para a satisfación das necesidades humanas fundamentais": auga, soberanía e seguridade alimentares, cultura, educación, saúde... Por fin, o cuarto eixo deseña os vectores dun modo alternativo de desenvolvemento, e portanto da creba do modelo que somete a periferia ao xugo do capitalismo central: "Esiximos que os dereitos económicos sexan defendidos do mesmo xeito que os dereitos civís e políticos", até o ponto de "podérense xulgar os crimes económicos como crimes contra a Humanidade, imprescriptíbeis por natureza". Nen sequer en Nuremberg se actuara así cos Krupp, os Thyssen e demáis "bailleurs de fonds" do nazismo...

* * * * *

Se me demorei en comentar a Declaración do Congreso de Liexa é por varias razóns. Unha delas é o valor sintomático que ten na singular conxuntura internacional na que sai á luz. Nefeito, ese congreso dos cidadáns europeus, ademáis de ter lugar poucos meses despois dos acontecementos de Xénova -como xa indiquei- celébrase no remuíño da convulsión causada polos atentados do 11 de setembro en Nova York e Washington -consumados só duas semanas antes. O valor sintomático consiste en que a cidadanía europea máis lúcida e activa non se deixa intimidar, nen pola agresión da violencia institucional ultraliberal padecida en Xénova, nen pola ofensiva reaccionária suscitada polos atentados do 11-S, que aproveita a conmoción da opinión pública de boa fé para criminalizar toda discrepancia da orde mundial establecida, e utiliza os atentados como pretexto para pór a andar a premeditada estratexia neo-con ianqui da guerra contra "o eixo do mal". Esa cidadanía europea, lonxe de deixarse apouvigar, denuncia e ataca as raíces da traxedia humán enxendrada pola globalización -e, portanto, as raigañas da violencia anti-sistema- e proclama algunhas das liñas vertebradoras dunha alternativa radical ao modelo causante da problemática global. E faino dende Europa, ou sexa, dende o centro dese sistema, e encarando á UE coas suas responsabilidades, tanto cara dentro do seu espazo político canto cara fóra, cara a periferia do planeta.

Outra desas razóns estriba na dinámica que vai inducir nas subseguintes edicións europeas do Foro Social: as de Florencia e Paris, nos outonos do 2002 e 2003. Unha impronta decisiva nesa dinámica vai ser a introdución esplícita da dimensión política dos problemas da globalización nos debates do FSM e, xa que logo, a necesaria interlocución das orgaizacións sociais incardinadas no Foro coas diversas forzas políticas da esquerda propriamente dita, ou "rupturista" -fosen extra-parlamentares ou con presencia nos aparellos de Estado. Deste xeito abórdase a reconstrución das pontes, ou construción de pontes novas, antre a "sociedade civil" e a "sociedade política" -conforme á terminoloxía gramscián- sen o cal resultaría ao cabo imposíbel, ou dificilmente se podería, construir ese "outro mundo posibel" arelado e propugnado pola constelación de movementos sociais alter-globalizadores.

Finalmente -eis a terceira caste destas miñas razóns- esta nova dimensión política introducida pola óptica europea na dinámica dos Foros de Florencia e París -e operada sen deturpación da sua natureza social, ubicados xa que logo na dialética da "sociedade civil"- esa dimensión anovadora, digo, sintoniza coa situación daquela emerxente na América Latina, onde os procesos rupturistas están a trasladarse á instancia política a traveso de proxectos e forzas políticas de nova índole e deseño e morfoloxía variada segundo os países, os povos e as suas peculiares estruturas sociais e culturais. Isto vai facerse patente nas edicións de Porto Alegre do 2002 e 2003, arredor de dous campos magnéticos primordiais: Brasil e Venezuela. Cando, para o 2004, se acorde trasladar a cimeira do FSM á India, en Mumbai, para achegala aos cidadáns do continente asiático, a dialética antre "sociedade civil" e "sociedade política" faráse aínda máis patentemente relevante nos debates. Mais diso falaremos outro día, ou?

Galicia Hoxe, 13/04/08