Lourenzo Fernández Prieto: Ciencia, innovación... e universidades

Lourenzo Fernández Prieto: Ciencia, innovación... e universidades

A creación dun novo ministerio que reúne universidades con ciencia e innovación pode ser unha boa noticia pero introduce tamén algunhas interrogantes. Trátase en todo caso dunha mudanza histórica, pois por primeira vez a educación superior ficará fóra do Ministerio de Educación para vincularse directamente ao concepto clásico de ciencia e máis ao novo concepto de innovación. Este cambio está inscrito nas tendencias actuais e xa, de xeito máis tímido, se avanzara no segundo Goberno de Aznar, cando investigación se uniu a industria pero mantendo daquela universidades en Educación, o que xerou disfuncións que fixeron o cambio pouco eficaz. Por outra parte, xa houbo no pasado un Ministerio de Educación e Ciencia. A novidade reside pois en identificar a investigación, universitaria ou non, coa xeración de innovacións que favorezan directamente aos sistemas produtivos.

No concepto da tripla hélice, máis ben da tripla aspa, a innovación viría favorecida pola acción conxunta de Administración, sectores produtivos e organismos públicos de investigación, traballando na mesma dirección para converter a innovación na panca principal do desenvolvemento. Pártese da evidencia histórica de que nas sociedades modernas é a capacidade innovadora máis que calquera outra variable a que garante o crecemento e o desenvolvemento. Sendo esta a teoría, o novo ministerio ten que demostrar a capacidade para levala á práctica e aquí é onde se abren os interrogantes.

Para empezar, as universidades nin aparecen sequera na denominación do novo ministerio, sendo como son o principal motor da investigación: máis do 60% de toda a produción científica, pero sobre todo o nicho exclusivo para a formación do capital humano dedicado á investigación. As universidades son organismos docentes e investigadores e o seu persoal é docente e investigador (PDI). As dúas pólas son necesarias para producir, reproducir e transmitir o coñecemento científico en todos os campos. Por esta razón o novo ministerio significa esgazar en dous a educación: universitaria e non universitaria. As vantaxes derivarán de que esgazar non supoña derramar a compoñente docente.

Outra tarefa ineludíbel para dar sentido ao novo ministerio, e facer efectiva a teoría, debera ser a unificación de organismos e competencias de investigación, dispersas en diferentes ministerios. Para ser motor da tripla hélice, a unificación estratéxica resulta imprescindíbel. Moito labor ten por diante, entre el a capacidade para garantir a coordinación coas comunidades autónomas que xestionan unha parte central da I+D. Polo demais esta nova tendencia, trasladada a Galicia, significa repensar a investigación que, situada de forma preferente en Innovación, está repartida cando menos entre cinco ou sete consellerías.

La Voz de Galicia, 16/04/08