Eduardo Galeano, a voz ética dos invisibles
Eduardo Galeano, a voz ética dos invisibles
O escritor uruguaio reivindicou a óptica dos excluídos polo sistema capitalista neoliberal na resentación en Santiago do seu libro 'Espejos, una historia casi universal'
Recuperar, a través de 600 pequenos relatos, a historia desde o principio dos tempos. Coa óptica dos invisibles, os excluídos. É o obxectivo de Espejos, una historia casi universal, a última obra de Eduardo Galeano, que o autor uruguaio presentou onte en Santiago nun acto organizado polo Club Internacional de Prensa en colaboración coa Editorial Siglo XXI.
O libro é "unha invitación á viaxe que me gustaría compartir cos lectores, polo mundo e polos tempos, ao longo de 600 pequenas historias, que non fai caso das fronteiras do mapa...", explicou Galeano. "A cor das cousas depende de quen mira, e este libro mira desde os ollos das mulleres, os negros, os homosexuais, o Sur do mundo, as culturas esquecidas, perdidas ou ignoradas...", engadiu.
"Hai todo un sistema de poder que traballa para convencernos de que as inxustizas da historia son fatalidades do destino, que a historia pode ser obedecida pero imaxinada. Para que a esperanza teña fundamento, o asunto é distinguir entre as dores evitables e as inevitables. Non nacemos para sufrir, pero hai un sistema organizado que fai que para boa parte dos habitantes do mundo o planeta sexa un inferno", salientou.
Galeano é na actualidade un dos máis importantes pensadores do movemento altermundista. "Formeime nos cafés de Montevideo. Os meus primeiros mestres foron os españois republicanos exiliados. Deles aprendín que as voces dos vencidos son voces que vale a pena escoitar, e o significado da palabra internacionalismo. Eu son internacionalista, no sentido de que podo ser compatriota de xente nada moi lonxe da miña terra, ou en tempos afastados. O libro Espejos é consecuencia da miña longa certeza internacionalista. Do descubrimento do pasado agochado, da memoria secreta da humanidade. A globalización non é internacionalismo. É liberdade de tránsito para o diñeiro e as mercadorías, pero non para as persoas", asegurou.
"O mundo está rexido polo gran casino mundial das Bolsas, dominadas por especuladores. O capital financieiro aniquilou completamente o capital produtivo. Os países do Sur foron articulados no mercado mundial, xa antes da globalización, ao servizo das necesidades dos outros, e non das propias", matizou.
Amosouse ademais, a este respecto, moi crítico con Estados Unidos. "O gran mentireiro que é Bush, responsable da invasión de Iraq a partir dunha mentira, dixo unha vez unha verdade. Que a autonomía alimentaria é unha cuestión de seguridade nacional. Os países que non son capaces de abastecerse a si mesmos son vulnerables. Estados Unidos é o país que máis subsidia os produtos de consumo agrícola. As organizacións internacionais como o BM e o FMI, dominadas en realidade por uns poucos, prohíben as axudas aos agricultores do Sur", lembrou.
Xunto á reivindicación da perspectiva dos excluídos, a denuncia da degradación da democracia é unha constante no pensamento de Galeano. "A crise da fe popular nos políticos é un problema das democracias de todo o mundo. Cando os gobernantes menten con impunidade, prodúcese unha crise esencial. Bush e Blair recoñeceron que mentiran ao dicir que Iraq tiña armas de destrución masiva. E o pobo reelixiunos, recompensando a mentira. A democracia, ou aprende a dicir a verdade, ou está condenada", sinalou.
Galeano referiuse tamén á loita das mulleres e das minorías indíxenas. "As mulleres non son peores nin mellores que os homes. O mundo estivo durante séculos nas mans dos machos, que o fixemos mal. É bo que as mulleres comecen a compartir os dereitos ata agora monopolizados polos machos. As mulleres non son minoría movéndose polos seus dereitos, senón que son a metade da humanidade. Do mesmo xeito que os indíxenas non son minoría, senón maioría, en Bolivia, Ecuador ou Guatemala. A historia separatista de Santa Cruz é a dunha minoría branca que despreza, por ignorancia, aos indíxenas", comentou.
ALTERMUNDISMO
"Se non tivese esperanza, non estaría aquí falando"
Eduardo Galeano ofreceu onte en Compostela unha conferencia nun acto no que foi presentado polo escritor e xornalista Manuel Rivas. Hoxe asinará libros na libraría compostelá Follas Novas a partir das 12.00 horas, e mañá trasladarase a Ourense para falar do seu novo libro no Centro de Desenvolvemento de Caixanova, no número 9 da Avenida de Pontevedra.
Galeano naceu en Montevideo en 1940 no seo dunha familia católica de clase media. Comezou a traballar de moi novo. Aos trece anos xa publicaba caricaturas para o diario El Sol, un xornal socialista uruguaio. Foi represaliado polas súas ideas na ditadura uruguaia nos anos 70, e despois na Arxentina. Exiliouse en Cataluña, desde onde traballou en publicacións españolas. No 1985 volveu a Uruguai, e na actualidade vive en Montevideo, onde dirixe a editorial El Chanchito. É autor de obras imprescindibles do pensamento universal como Las venas abiertas de América Latina, que lle abriu os ollos ao mundo sobre a explotación dos países latinoamericanos. Crítico do neoliberalismo e das súas consecuencias en todo o planeta, é desde os 90 unha das voces máis recoñecidas do movemento altermundista, desde o que clama contra os retrocesos nos dereitos dos traballadores, as guerras imperialistas, a usurpación da democracia por parte dos consellos de administración das empresas transnacionais, a pobreza do Terceiro Mundo e a exclusión e a discrimación no Primeiro Mundo, a fame, o racismo, o machismo, o xenocidio das culturas, a destrución da natureza...
Recentemente, a editorial Laiovento publicou unha escolma de artigos seus en galego baixo o título Cartas ao señor futuro. "Non creo en receitas de felicidade", afirmou onte en Santiago. "Pero creo que os camiños que levan a cambiar o mundo son múltiples, diversos, complexos, silenciosos, alleos á simplificacións... Se non tivese esperanza de que o mundo pode mudar, non estaría hoxe aquí falando...", dixo.
Galicia Hoxe, 13/05/08
- Inicie sesión ou rexístrese para enviar comentarios
- 1924 lecturas

