Manuel Miragaia Doldán: Filosofía

Manuel Miragaia Doldán: Filosofía

Vivimos tempos de utilidades inmediatas. A ciencia aplicada parece que constitúe o único eido da cultura con interese. O imperio da economía invade todos os recunchos, mentres a creación intelectual baixa enteiros na valoración do mercado, por mor da teima social a prol da simple eficacia produtiva. Pasouse dunha época na que os intelectuais, e mesmo o ámbito docente, gozaban dunha gran consideración e influían no resto da comunidade, a outra, como a actual, na que as súas ideas foron substituídas polas modas e praceres mediáticos, máis proprios dun estado de benestar acrítico. Escolas e universidades están destinadas a ficar, por algunhas actuacións políticas, como catacumbas de docentes resignados ou indiferentes á perda da posibilidade de incidir no cambio cultural e social.

Cómpre recobrarmos unha cultura plena, sólida e rigorosa, que axude a vivirmos reflexivamente. E que maior esforzo intelectual e reflexivo existe que a Filosofía? Non é, como afirmaba Dewey, a educación froito da capacidade de pensar e, á súa vez, esta indispensábel para ler e escribir ben? Non é, por certo, necesario preguntarnos sobre a propia existencia, formularnos as cuestións últimas? Non é rendíbel estimularmos a capacidade crítica, a busca da verdade, a racionalidade dialóxica, todo con criterios antidogmáticos?

Non é positivo integrarmos as diversas partes da cultura, parceladas pola ciencia, con criterios globalizantes, como os que vía Ferrater Mora na Filosofía? Non é fundamental o seu estudo, como adquisición dunha cultura requintada e integral, esencial para a formación da persoa? A Filosofía é útil e necesaria, e urxe recuperala no sistema educativo.

Por iso para min o máis escandaloso do novo decreto da Consellaría de Educación da Xunta que regula o Bacharelato é a dupla diminución de horas da Filosofía. Digo dupla porque, por unha banda, á esencial Filosofía de primeiro redúceselle unha hora das tres que tiña, e por outra, engádeselle o currículo de Educación para a Cidadanía, mi­nusvalorada pese ás declaracións contraditorias anteriores dos socialistas. Paréceme impresentábel que se substitúa por Ciencias para o Mundo Contemporáneo, cuxos contidos xa se encontraban en varias materias. E que se continúe privilexiando a minoritaria relixión, que desde a ditadura non existía en segundo.

Galicia Hoxe, 28/05/08