Rafael Martínez Castro: ¿Por que non eliminar a Filosofía?

Rafael Martínez Castro: ¿Por que non eliminar a Filosofía?
Rafael Martínez Castro, Profesor titular de Filosofía, Universidade de Santiago

As reformas educativas deseñadas polo Goberno PSOE-BNG conducen á desaparición efectiva da filosofía no bacharelato. O estudo dun saber ten requirimentos por baixo dos cales perde consistencia. Eis o efecto inelutable das drásticas reducións anunciadas. Engadidas a outras anteriores, desprazan a filosofía a unha aldraxante condición residual. O que o Goberno PSOE-BNG decreta é a irrelevancia da filosofía.

A aparatosidade terminolóxica con que no anteproxecto desta reforma se presentaban as novas materias contrasta coas drásticas reducións horarias. A prolixa exposición de obxectivos e contidos evidencia a falsidade do documento, tan de fiar coma un deses folletos turísticos que ofrecen coñecer toda Rusia en dez días. «Comprender e analizar a forma específica de categorización e relación lingüístico-simbólica que o suxeito humano establece co mundo e cos semellantes»; este é só un dos 16 obxectivos de idéntico calibre que os profesores deberán acadar na materia Filosofía e Cidadanía. A contradición desenmascara á Xunta. Unha materia de dúas horas é unha materia menor; e como tal é percibida polos alumnos.

¿Por que non eliminar a Filosofía do bacharelato? Esta é a cuestión que a Xunta elude. A reposta non é obvia; hai países de gran tradición filosófica nos que esta materia ten unha moi escasa presenza nos estudos secundarios. O senso da pregunta depende moito da tradición e as condicións concretas nas que se suscite. ¿Por que manter, agora e aquí, a filosofía nos estudos secundarios? Non é sitio este para dar unha resposta. Só quero incitar á pregunta e, se acaso, abrir algunha fenda.

No seu decreto, a Xunta asume o papel relevante que a nosa tradición educativa outorga á Filosofía na formación intelectual dos nosos estudantes. Unha reformulación máis moderada dos obxectivos podería servir como punto de partida para unha reforma da Filosofía no bacharelato que daquela, seguindo os principios que a Xunta asume, precisaría ser potenciada e non coutada.

Poida que esa reforma requirise esforzos de adaptación por parte do profesorado. Sería razoable esixírllelos. O profesorado é o principal axente de todo cambio. As autoridades educativas, porén, parecen empeñadas en seguir a reformar contra dos profesores. Para saír da contradición e crear as condicións que satisfagan as esixencias que eles mesmos enuncian, os nosos gobernantes deberían empezar por preguntarse: ¿Como tirar o máximo rendemento dos profesionais de que dispoñemos? Son moitos e moi cualificados.

La Voz de Galicia, 21/06/08