USC: Universidade Aberta fai balance de dous anos de goberno compartido

USC: Universidade Aberta fai balance de dous anos de goberno compartido e considera o resultado da experiencia como manifestamente millorábel

No ano 2005, UA considerou necesario sumar esforzos para conseguir un goberno sólido e integrador que reforzase á Universidade de Santiago de Compostela nunha situación de crise económica intensa e nun momento no que compría enfrontar o reto da adaptación ao EEES. Esta situación materializouse nun acordo de goberno UA-PUP para concorrer ás eleccións a reitor de 2006, ao que posteriormente se sumou CU. Chegados ao ecuador do mandato desta alternativa, que logrou a confianza da maioría da Comunidade Universitaria, cómpre facer balance do grao de consecución dos seus obxectivos

Despois de dous anos de traballo leal co acordo suscrito e o programa electoral presentado, que foi desenvolvido por Universidade Aberta en todos os órganos de dirección e goberno, consideramos que algúns aspectos fulcrais daquel acordo non funcionan como era de esperar.

Pretendimos superar prácticas e dinámicas que criticáramos dende a oposición, superar fracturas e desequilibrios e rachar algunhas hipotecas do pasado. E lográmolo na medida do posíbel nalgúns ámbitos: Co establecemento de criterios consensuados e definidos na área de infraestruturas que facilitan a xestión; co establecemento dunha estructura xerencial; co impulso na área de cultura, convertida en canle de presentación e penetración social e territorial da USC; coa redefinición da USC como unha universidade con vocación internacional cos pes na terra e a cabeza no mundo. A xestión en PDI cinguíuse aos criterios existentes e púxose en marcha –non sen dificultades- o Plano de Choque de dotación de prazas nas áreas máis deficitarias, para comezar a redución dos desequilibrios acumulados no cadro de persoal, ademais de incorporar criterios de investigación na adicación do profesorado. Son algunhas das accións positivas que se poden citar pero non as únicas.

Mais o establecemento de novos criterios docentes, de investigación e xestión para a definición do cadro de PDI, imprescindíbel para afrontar as necesidades estratéxicas da USC, atopa máis atrancos do esperado para poder cumprir un compromiso de goberno co que nos presentamos diante da comunidade universitaria hai dous anos.

O máis preocupante é que o goteo de decisións non consensuadas e mesmo arbitrarias nalgunhas áreas de goberno viñeron xeraron diferenzas importantes que se manifestaron finalmente na recente dimisión dun alto responsabel da área de investigación. Ademais, no deseño das novas titulacións os procedementos substitúen aos criterios e á planificación estratéxica, dando xa lugar a problemas no desenvolvemento dun proceso chave para definición da USC dos próximos 20 anos.

A transparencia, a existencia de criterios públicos e obxectivabeis e a equidade na súa aplicación, principios de goberno definidos e referidos ao longo de todo o programa electoral, non rexen na acción cotiá de toda a equipa de Dirección. As diferenzas son claramente percibidas pola comunidade universitaria, con independencia do grao de acordo coas decisións finalmente adoptadas que até o presente manifestou o conxunto da equipa de dirección.

Chegados a este momento plantearemos a necesidade de recuperar as bases e os principios do acordo programático orixinal e de introducir as correccións necesarias no rumbo do goberno da USC dende a mesma responsabilidade institucional que nos levou a promover este goberno.

Conclúese pois que a actuación do goberno compartido da USC é manifestamente millorabel e que é preciso efectivizar de maneira máis intensa as liñas do acordo programático para conseguir recuperar o cambio de rumbo comprometido dende Universidade Aberta.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2008