Lourenzo Fernández Prieto: Máis ciencia e menos obras

Lourenzo Fernández Prieto: Máis ciencia e menos obras
Lourenzo Fernández Prieto, vicerreitor da USC

Este é o resumo do debate do Estado da nación que non podemos facer. O empeño recorrente en activar a economía con obras públicas resulta decepcionante. Estamos en plena crise, é certo, pero non só económica senón de proxecto e de modelo. Non logramos saír da receita de Fraga -hai vinte anos- e de Calvo Sotelo, José, o ministro de Facenda de Primo de Rivera -hai oitenta anos-. Nin do modelo de accesos a Galicia do segundo Plan de Desarrollo deseñado polos tecnócratas do Opus Dei -hai corenta anos- que tanto contribuíu a lexitimar a ditadura de Franco na súa parte final como un réxime modernizador. Tan eficiente foi aquel modelo que seguimos pensando que o franquismo trouxo o «desenvolvemento» e mesmo hai que recoñecer que son variantes do mesmo modelo as que configuran unha parte importante da nosa economía produtiva e, o que é peor, da proposta política dominante. Diso seguimos vivindo nas propostas políticas e nos debates públicos: ¿cantas autopistas máis?, ¿cando chega un AVE que xa chegará tarde? Vai sendo hora de mudar de século e converter os eslogans en programas e os programas en políticas.

A economía do coñecemento é máis que un eslogan, é un elemento central da economía produtiva do futuro. Por certo que tampouco é unha gran novidade, xa o defendían os que na Ilustración primeiro e no institucionismo republicano despois fomentaron a universalización da educación e unha ciencia ao servizo da sociedade. Sabemos hai tempo que as disparidades entre os países non se miden polas infraestruturas senón polas súas capacidades innovadoras e que estas dependen en boa medida de dispor dun sistema de innovación ben engraxado, no que as universidades son un eixo máis que central. ¿Ulo producir coñecemento endóxeno?, ¿dedicar tempo e recursos a deseñar modelos que poden fracasar pero que resulta imprescindíbel experimentar? A tripla hélice conformada pola Administración, as empresas e as universidades é importante para deseñar o futuro, pero dela, en Galicia só temos ben desenvolvida unha das pas: a universitaria. Desenvolver as outras sen fortalecer esta non parece a fórmula axeitada.

No debate formulado neste momento arredor do financiamento universitario vénse de optar pola inercia en troques de pola innovación. Prefírese construír unha autoestrada Santiago-Lugo arranxábel cun enlace Santiago-Curtis-A-6 que entronca tamén coa transcantábrica ou seguir con concentracións parcelarias de hai cincuenta anos que serven adoito para converter terras de labor en solares. Por citar dous exemplos que amosan as inercias. E polo demais non se trata tanto de cantidades, sempre escasas, como da oportunidade de discutir un modelo novo que marque obxectivos ás universidades e rigor en gastos e investimentos. O contrario é o que vén de facer o Goberno de Madrid: recortar primeiro en universidades públicas porque estamos en crise. Por outra parte, os escándalos nos Estados Unidos asociados á recente crise evidencian que a famosa eficiencia do privado non supera á do público máis que no luxo e na ostentación consentida.

La Voz de Galicia, 12/10/08

Outras novas relacionadas: