Xosé Manuel Beiras: Galiza no Foro Social Europeu. II. Unha nova Europa construída dende os povos

Xosé Manuel Beiras: Galiza no Foro Social Europeu. II. Unha nova Europa construída dende os povos

Foi ise o tema do Seminario que protagonizamos no FSE de Malmö. E abofé que non estou a empregar un plural "maiestático". Falo en plural porque plural foi o protagonismo dese seminario, plantexado en forma de mesa redonda. O rótulo co que aparecía enunciado no programa do Foro dicía, literalmente, "O dereito de autodeterminación: unha nova Europa fundada nos dereitos dos povos". E unha breve alusión orientativa ao contido temático acompañaba a ese rótulo: "Diferentes experiencias confirman a forza do dereito de autodeterminación e os dereitos das minorías nacionais como un elemento progresista na loita contra a globalización neoliberal. A fonte dun internacionalismo realmente solidário está na autodeterminación das nacións, na sua liberdade para transformar a Europa neoliberal nunha Europa Social dos Povos".

O Seminario fora proposto, por iniciativa conxunta galega, catalá e vasca, a traveso da Rede CONSEU (Conferencia de Nacións sen Estado de Europa), de xeito que a Fundación Galiza Sempre, o CIEMEN catalán, e máis a Askapena euskaldún iamos ser o protagonista colectivo e plural do debate como ponentes da mesa redonda. Mais acordamos encetar un labor de colaboración entre a FGS e a CIG, que participa activamente no FSM dende a sua fundación, elaborando en man común a ponencia galega. Así se fixo e, en Malmö, Macías e máis eu combinamos para a sesión con Moncho Boán, que leva as relacións internacionais da CIG -inda que apandei eu coa defensa da nosa tese no debate. Disque non saín mal librado.

A nosa participación nesa palestra tiña dous obxectivos cardinais. Un, facer presente a Galiza e dar razón da cuestión nacional galega. Outro, expór a nosa diagnose da UE e a nosa posición encol dunha Europa alternativa baseada nas comunidades nacionais, no contexto da dialéctica entre as realidades e dereitos dos povos/nacións e a globalización ultraliberal. Ofrézovos, a seguida, algúns anacos escolmados dese texto, rotulado "A perspectiva da nación galega", e estruturado en catro seccións: "Antecedentes do nacionalismo galego"; "Povos e globalización"; "Crítica da Unión Europea"; e "Alterglobalización e cuestión nacional". Velaí vos van.

* * * * *

O movemento político contemporáneo a prol do exercizo da súa soberanía polo povo galego arrinca da sublevación de 1846, sofocada polo exército da monarquía española: os chamados "mártires de Carral" marcan o comezo do proceso de loita cívica, cultural e política pola autodeterminación da nación galega, que tivera Estado propio dende o remate do Imperio Romano - o Reino Suevo - até a baixa Idade Media - o Reino de Galiza. Durante o S.XIX, ese combate democrático desenvólvese primordialmente en catro frentes. No cultural, pola rehabilitación sociolingüística e a recuperación do uso escrito do idioma propio: é o "Rexurdimento" literario, dende Rosalía de Castro. No social, pola emancipación do campesiñado: é o movemento abolicionista dos "foros", forma de servidume á que estaba sometida a case totalidade da povoación labrega. No económico, pola descolonización: o país, daquela primordialmente agrario e pesqueiro, estaba convertido nunha "colonia interna" do Estado español. No xurídico-político, pola accesión do dereito consuetudinario autóctono ao rango legal e a consecución dun aparato de estado baseado na soberanía propia.

O proceso dá un salto nos primeiros decenios do S. XX: no combate polo idioma (Academia Galega, 1906; Irmandades da Fala, 1916) e a súa eclosión literaria (Xeración "Nós"); o triunfo do agrarismo abolicionista (Lei de redención dos foros, 1926); e a consolidación política do nacionalismo organizado (Asamblea Nazonalista de 1918). Á altura de 1930, nos intres nos que se extingue o rexime dictatorial de Primo de Rivera e entra en crise a monarquía española, o nacionalismo galego acadou madurez abondo para unificarse orgánicamente -coa fundación do Partido Galeguista en 1931- e lanzarse á fantástica carreira que en só cinco anos vai mudar a fasquía sociopolítica do país. Até o punto de que o país tería sido completamente diferente do que foi, e problemas políticos aos que aínda hoxe nos enfrentamos levarían máis de meio século resoltos, de non ser pola traxedia de 1936, que deu ao traste con todo o labor feito, estivo a piques de exterminarnos como povo, fixo recuar o noso proceso de autodeterminación a un estadio equivalente ao previo á fundación das Irmandades (1916) e da Asamblea Nazonalista (1918).

* * * * *

No eido socioeconómico configurouse nos últimos anos un proceso mundializador xerarquizado, desigual, e con graves consecuencias, tanto cara á posibilidade dunha estratexia de desenvolvemento autocentrado, acorde coas necesidades específicas de cada país, como no incremento da dependencia, disfrazada de interdependencia, por efecto das decisións adoptadas por poderes alleos, sen control posíbel sobre as mesmas. Para nós, resultan de especial relevancia as implicacións da mundialización en termos de progresiva destrución das bases materiais e distorsión das estruturas económicas e morfoloxías sociais xenuínas das realidades nacionais, pois esas implicacións resultan especialmente graves cando se trata de nacións sen Estado e, por tanto, inermes no plano político-institucional por careceren dun aparello de Estado propio. Esa carencia foi un factor determinante do confinamento da Galiza no espazo socioeconómico da "Europa periférica".

No contexto da globalización asistimos, por outra banda, a unha auténtica subversión involutiva dos postulados democráticos nos que se asentaba a orde xerárquica e as engrenaxes entre os tres poderes. Esta perversa metamorfose trasládase de xeito máis descarado ás institucións supraestatais creadas nos procesos de integración económico-política, como a Unión Europea, e ás construídas pola "comunidade internacional" durante o longo período da "guerra fría", como acontece coa ONU. Paralelamente, a metamorfose deu lugar a que o poder económico xa opere fóra do control do poder político (mercé ao combinado "desregulación máis privatización" xeneralizadas) e máis a que o poder político actúe de facto á marxe do control democrático dos cidadáns. Entrementres, agudízanse e fortalécense os resortes e funcións medularmente represoras do poder político fronte ao medre das masas de cidadáns prexudicados nas súas condicións sociais de existencia pola perda dos instrumentos ou o abandono das funcións económicas, sociais e até culturais do modelo de Estado preexistente.

* * * * *

A primacía do proxecto económico pódese rastrexar desde os inicios da construción da actual UE, en contraste coas concepcións dos europeístas que daquela ideaban unha vertebración acorde coa realidade socio-política e cultural, a Europa das "comunidades básicas", ou sexa, os pobos e nacións con ou sen estado. A globalización veu agravar unha tendencia que hoxe permite constatar a consolidación dunha unión económica eficaz para as estratexias e accións do grande capital transnacional, pero moi precaria politicamente.

Os dirixentes europeos mantiveron que o Tratado de Lisboa, asinado en decembro de 2007, era a "esencia da constitución europea", pero que esta vez ía ser aprobado excluíndo o referendo cidadán. Neste Tratado a UE concíbese como un proxecto neoliberal, punta de lanza da mundialización capitalista e sucursal do hexemonismo estadounidense. Así concibida, a UE é basicamente un proxecto económico ao servizo do capital, que absorbe cada vez máis competencias para protección das multinacionais, que aumenta as desigualdades, que desmantela a protección social, que procura a división e competición entre si das clases traballadoras para anular os dereitos laborais históricos, que declara e consagra a integridade territorial dos actuais estados membros, que recorta as liberdades e que ten un crecente carácter militarista.

A orientación neoliberal da Unión Europea está a destruír o modelo social que caracterizou a Europa na maior parte do século XX, nun proceso acelerado cunha serie de normas que deseñan un horizonte de altísimas cotas de traballo precario, agravado por novas Directivas, como as que fan referencia aos inmigrantes extraeuropeos ou á duración do tempo de traballo, que reduplican a desregulación e a destrución das conquistas sociais. O afondamento e reformulación democrática do proxecto político europeo segue a ser ollado como un atranco polas forzas económicas protagonistas da transnacionalización, e resulta boicoteado tamén polos grandes estados chauvinistas, que monopolizan a actual estrutura institucional, e tentan impedir a emerxencia cívica dunha nova Europa articulada desde a súa base plurinacional, pluricultural e plurilingüe.

* * * * *

No marco da nosa activa participación desde 2001 no proceso do Foro Social Mundial, compartimos a aspiración de reformar en profundidade o sistema de institucións internacionais, e subscribimos a Campaña Mundial impulsada polo Foro UBUNTU que sinala o risco de uniformización cultural, a merma da influenza das institucións políticas perante a hexemonía do mercado e a debilidade e marxinación das institucións internacionais. Desde a nosa perspectiva de nacións-sen-estado, os criterios para unha nova arquitectura institucional da UE e máis das UN deben basearse nos conceptos de "povo" e "nación", restituíndolles a plenitude do seu valor como significantes socioculturais e sociopolíticos. É a morfoloxía dos estados a que debe axustarse ás realidades sociais dos povos e nacións, e non ao revés. Compre que a arquitectura das Nacións Unidas se axuste a ese concepto, no canto de seren uns Estados Unidos disfrazados baixo a denominación de ONU. Trátase, pois, do mesmo enfoque que cando reclamamos que a Unión Europea articule a Europa dos povos no canto de representar á Europa dos estados.

Este enfoque, ademáis, reforza duas aspiracións de especial relevancia no contexto actual: a democratización real e efectiva das sociedades, e o restablecemento do deseño orixinariamente multicéntrico das Nacións Unidas. A rexeneración democrática das relacións sociais e políticas é a resposta necesária ao deterioro da relación entre Estado e cidadanía que padecen as institucións dos aparatos de estado actuais. E o redeseño multicéntrico das Nacións Unidas é unha resposta indispensábel tanto á uniformización sociocultural e identitaria canto á polarización centrípeta do poder que padece a humanidade na globalización capitalista e ultraliberal.

Galicia Hoxe, 12/10/08