Lourenzo Fernández Prieto, vicerreitor da USC: 'Estamos moi por baixo das outras universidades'

 Lourenzo Fernández e outros dous vicerreitores do colectivo 'Universidade Aberta'Lourenzo Fernández Prieto, vicerreitor da USC: 'Estamos moi por baixo das outras universidades'
Cinco vicerreitores arremeten contra Touriño por tratar de ocultar a caída de financiamento das universidades galegas
Aseguran que os 11 millóns extras prometidos pola Xunta non chegan para compensar a inflación

Críticas de 'Universidade Aberta' sobre os orzamentos

“Neste intre estamos por debaixo do un por cento, moi por debaixo das universidades andaluzas, das catalás, das madrileñas, das manchegas, de Cantabria, do País Vasco, de Asturias, de Castela León”. Con estas palabras o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Lourenzo Fernández, denunciou o “incumprimento” por parte da Xunta das promesas de financiamento universitario.

Lourenzo Fernández fixo de voceiro do colectivo Universidade Aberta. Foi nunha rolda de prensa esta mañá en Santiago na que tamén participaron os vicerreitores de Cultura, Infraestruturas e Profesorado do Campus de Lugo da USC. O grupo acusa ao presidente Emilio Pérez Touriño de tratar de ocultar o recorte coa “confusa presentación dun financiamento complementario de 11 ou 15 millóns”.

Universidade Aberta considera que estes millóns non compensan a caída dos ingresos comprometidos pola Xunta no marco do plan de financiamento das universidades galegas. E é que estas transferencias dependen a súa vez dos ingresos da propia administración, que probablemente descenderán en 2009.

Por iso, ante as promesas de Touriño de que as universidades non van notar a crise, os vicerreitores alertan que “probabelmente dispoñamos dos mesmos cartos do ano pasao sen sequera enxugar a inflación”.

Apoio a Senén Barro

É máis, Fernández denunciou “un cambio de prioridades políticas que relegan as universidades galegas e as colocan moi lonxe de acadar o nivel de financiamento doutros países e outras comunidades autónomas”. Universidade Aberta, un colectivo próximo ao nacionalismo, expresou ademais “o seu apoio ao Reitor da USC e aos Reitores galegos na reivindicación dun maior financiamento”.

O vicerreitor tamén reclamou que a Xunta negocie un novo plano de financiamento “canto antes” co obxectivo de acadar o 1 por cento do Produto Interior Bruto. Fernández denunciou que “os novos obxectivos que formulou o presidente da Xunta supoñen por unha banda adiar o plano de financiamento á próxima lexislatura”.

A Nosa Terra, 13/10/08