USC: Pechan filas con Senén Barro para pedir máis cartos

USC: Pechan filas con Senén Barro para pedir máis cartos
Os socios nacionalistas de Senén Barro no goberno da USC aparcan reproches e pechan filas co reitor na demanda dun novo plan de financiamento no SUG

Se no mes de xullo os socios nacionalistas do reitor Senén Barro no goberno da USC aireaban nun comunicado as diferenzas internas e cualificaban como "manifestamente mellorábel" o cumprimento do pacto de goberno, agora, de novo coa pantasma da seca económica pairando por Fonseca, Universidade Aberta volve facer un comunicado esta vez para aprazar as demandas realizadas antes do verán e "superar esta crise". "Hai un asunto superior", resolveu o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, que reiterou o seu apoio a Senén Barro e aos outros dous reitores de Vigo e da Coruña, Alberto Gago e Xosé María Barja, respectivamente, na súa solicitude de renegociar o plan de financiamento universitario vixente ata 2010. "Por iso estamos aquí, por esta estratexia de demanda dunha solución. As dificultades sempre unen", concluíu Fernández Prieto. Ante o novo marco imposto pola crise económica, UA pediu a inmediata negociación dun novo modelo para custear as universidades, de tal forma que poida estar negociado en decembro, en canto estean deseñadas as liñas mestras dos orzamentos galegos e antes de que se poña en marcha o proceso electoral.

Os vicerreitores de Universidade Aberta insistiron en que a "confusa presentación" dun financiamento complementario "de 11 ou 15 millóns agocha un descenso na achega da Xunta ao financiamento incondicionado" que, ao seu ver, "fai prever que nin sequera chegará a compensar o decrecemento que vai experimentar". Así, "probablemente" a USC dispuña da mesma partida có ano pasado sen contar a inflación.

"Non dubidamos da boa vontade do Goberno", afirmou Lourenzo Fernández, pero matizou que a postura da Xunta "mantén incertezas".

O colectivo sinalou que os novos obxectivos formulados polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, supoñen "atrasar o plan de financiamento para a próxima lexislatura" e "afastar sine die o obxectivo de que o financiamento universitario alcance o 1% do PIB".

Esas dúas cuestións "configuran un cambio de prioridades políticas" que "relegan as universidades galegas e colócanas moi lonxe de alcanzar o nivel de financiamento doutros países e outras comunidades". "Proponse que Galicia sobreviva con universidades dun nivel inferior ao que teñen na actualidade e cun financiamento inferior a case todas as universidades españolas e europeas", criticaron.

Dispostos a ser avaliados e a corrixir as eivas

Non se trata dun "problema de cantidades, senón tamén de criterios". Para UA é da "máxima urxencia" definir un plan de financiamento que, máis aló do incremento dos recursos, garanta con precisión os obxectivos docentes e investigadores, o seu cumprimento e o maior rigor no gasto e no emprego dos recursos. Neste sentido, indicou Lourenzo Fernández que "estamos dispostos a ser avaliados e mirados con lupa" e a "corrixir todo o que haxa que corrixir", manifestou.

O novo plan propugnado por Universidade Aberta debe ter en conta as necesidades da incorporación ó Espazo Europeo de Educación Superior e favorecer un salto adiante na investigación a través dun amplo acordo.

11 ou 15 millóns non a maiores Garmendia dá 13 millóns para o espazo europeo

A ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, afirmou onte que España si cumprirá co obxectivo previsto de alcanzar o 2% do PIB para o 2010, materializado nun 55% de financiamento privado para a I+D+i.

Durante a presentación dos Orzamentos Xerais 2009 (PGE) relativos ó Ministerio de Ciencia e Innovación, Garmendia apuntou que se alcanzará este obxectivo a través das próximas reformas que vai acometer o departamento: a estratexia das universidades para que estas en 2015 sexan "máis modernas, internacionais e competitivas"; reorganización dos Organismos Públicos de Investigación (OPI"); e a nova Lei da Ciencia e a Tecnoloxía.

Neste sentido, sinalou que España se sitúa na cabeza de Europa, en terceiro lugar por detrás de Islandia e Finlandia, respecto á porcentaxe de PIB da I+D pública doutros países de Europa en 2007. "Temos aínda pendente a aposta pola I+D+i empresarial, necesaria para que teñamos produtos e servizos dispoñibles, que agora mesmo é do 47%, e o obxectivo dese 2% total está configurado por un 55%", indicou.

Garmendia explicou que o orzamento consolidado en 2009 para o seu departamento será de 6.939 millóns de euros, 441 millóns máis do que se orzou no pasado exercicio, e cun crecemento relativo do 6,8%. A principal partida orzamentaria, o Plan Nacional de I+D+i, conta con 3.139 millóns; séguenlle as dos OPI"s con 1.557 millóns de euros; as achegas ó CDTI, con 900 millóns; as bolsas universitarias suman 694 millóns; e os gastos de xestión 120 millóns.

O Ministerio de Ciencia destinará en 2009 un total de 1.010 millóns de euros para a Secretaría de Estado de Universidades, un 2,8% máis có ano anterior. Delen 13 millóns de euros serán para que as comunidades desenvolvan o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), un 46% máis que en 2008.

DATOS

O vicerreitor de Infraestruturas da Universidade de Santiago, Xoan Carlos Carreira, aclarou que o 85% do plan de financiamento provén do incondicionado da Xunta -que supón uns 300 millóns a repartir entre as tres universidades-, que evoluciona "segundo os ingresos non financeiros da Xunta". Carreira precisou que as previsións indican que os ingresos non financeiros "van descender", polo que as institucións universitarias "recibirán menos". "Eses 11 millóns servirán para compensar o descenso", resaltaron. Carreira precisou que cada 1% menos supón tres millóns de euros e recordou que a redución estatal foi dun 6% cento.

"O financiamento das universidades galegas é moi inferior á posición que teñen e no conxunto do Estado é substancialmente inferior ao que sería lóxico polos nosos resultados", sentenciaron.

Galicia Hoxe, 15/10/08