Universidade Aberta: Un tempo novo con necesidades vellas

Universidade Aberta: Un tempo novo con necesidades vellas
Lourenzo Fernández Prieto, María Dolores Domínguez Santos, Elías J. Torres Feijó, Xoán Carlos Carreira Pérez e Celia Besteiro Rodríguez, vicerreitores da USC

1.Dende o Goberno da Universidade de Santiago, Universidade Aberta quere manifestar o seu apoio ao Reitor da USC e aos Reitores galegos na reivindicación dun maior financiamento para as universidades.

2.Dende o Goberno galego incumpríronse os compromisos anunciados e remítese agora ao cumprimento dun plano de financiamento criticado no seu día polos partidos do goberno.

3.A confusa presentación dun financiamento complementario de 11 ou 15 millóns, agocha o descenso na achega da Xunta ao financiamento incondicionado e fai prever que nin sequera chegará para compensar o decrecemento que vai experimentar, polo que probablemente dispoñamos dos mesmos cartos do ano pasado sen sequera enxugar a inflación.

4.O problema vai mais aló do 2009. Os novos obxectivos que formulou o presidente da Xunta supoñen por unha banda adiar o plano de financiamento para a próxima lexislatura e pola outra alonxar sine die o obxectivo de que o financiamento universitario acade o 1% do PIB.

5.Ambas cuestións configuran un cambio de prioridades políticas que relegan as universidades galegas e as colocan moi lonxe de acadar o nivel de financiamento doutros países e outras comunidades autónomas. Proponse pois que Galiza sobreviva con universidades dun nivel inferior ao que teñen na actualidade e cun financiamento inferior a case todas as universidades españolas e europeas.

6.Dende UA enténdese que é preciso analizar cómo se pode mellora a xestión económica nun contexto de crise, pero sobre todo consideramos que se debe iniciar unha nova etapa para enfocar axeitadamente o novo escenario político-económico que transcende o problema do ano 2009. É preciso reflexionar sobre o modelo de universidade que temos e definir, co máximo consenso posíbel dentro e fora da comunidade universitaria, o modelo que queremos para o futuro. En todo caso é unha necesidade inaprazábel, pois canto máis se retrase a súa formulación en peor situación estarán as Universidades galegas e especialmente a Universidade de Santiago para afrontar a nova situación.

7.Consideramos da máxima urxencia atoparnos co goberno e a sociedade na definición dun Plano de financiamento que, alén do incremento dos recursos, garanta a máxima precisión nos obxectivos docentes e investigadores que se demandan ás universidades, o cumprimento deses obxectivos, o maior rigor no gasto e un eficaz emprego dos recursos.

8.Un novo Plano de financiamento debe ter en conta as necesidades da incorporación ao espazo europeo e favorecer un salto adiante na investigación a través dun amplo acordo do que participen as universidades, todos os departamentos do goberno implicados e os actores sociais.

9.UA está a disposición da Universidade de Santiago e do seu Reitor para superar esta crise, adiando as demandas feitas antes do verán, ao tempo que manifesta a súa vontade de comezar a traballar desde agora mesmo con todas as persoas e colectivos na configuración do modelo de universidade e da alternativa necesaria para afrontar esta nova etapa.