USC: A USC quere levar as súas empresas alén mar

USC: A USC quere levar as súas empresas alén mar

O plan de creación de empresas da USC aproveitou este cumio para saltar fronteiras. Os promotores de Uniemprende estreitan estes días contactos con campus de Chile, México e Brasil para colaborar na creación de empresas baseadas en proxectos científico-tecnolóxicos xurdidos da universidade.

Desta colaboración nace Uniemprende Internacional que, segundo explica o director do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, Carlos Hernández Sande, no primeiro no que traballará é en ofrecer unha formación específica. Xa están deseñando os contidos dun máster internacional en emprendemento, de dous anos de duración.

Pero o proxecto tamén ten unha clara vocación de proxectar as empresas nacidas no seo da USC ó outro lado do Atlántico. "As empresas que saen do ámbito universitario case sempre teñen uns mercados demasiado fraccionados, moi pequenos. A miúdo morren porque non teñen suficiente mercado'', explica. "Coa plataforma Uniemprende Internacional non teremos que pór en marcha unha sucursal en México para facilitar a internacionalización destas empresas. Alí xa existen centros de transferencia de tecnoloxía, e do que se trata é de aproveitar eses contactos'', exemplifica.

Ó tempo, a USC lidera un proxecto estatal: I+D Unifondo, que arrincará este ano con 12 millóns de euros. Trátase dun fondo de capital risco que reúne 18 universidades españolas e diversas entidades bancarias para impulsar empresas de base investigadora. Hernández Sande defíneo como un "grupo financeiro'' encargado de garantir o capital inicial necesario para converter unha idea innovadora nunha empresa e asegura que constitúe "o proxecto máis importante que hai en Europa'' nestes momentos. Unifondo dará cobertura a un sistema con 600.000 alumnos, 39.000 profesores e 26 oficinas de transferencia de tecnoloxía.

Galicia Hoxe, 21/02/04