USC: USC lidera a creación dun fondo de capital risco

USC: USC lidera a creación dun fondo de capital risco
Investirase na creación de empresas xurdidas da investigación universitaria

As universidades galegas, a través da sociedade de capital risco UNIRISCO, captaron a participación de 14 universidades españolas para crear un fondo de capital risco de ámbito nacional. I+D Unifondo constituirase formalmente en abril e, no prazo dun ano, podería dispoñer de 20 millóns de euros, que se investirán en empresas de base tecnolóxica que xurdan do contorno das universidades.

Trátase dunha decidida aposta polo emprendemento universitario. "Seremos a estructura financeira creada por universidades máis importante de Europa", segundo explica o catedrático Carlos Hernández, conselleiro-delegado de UNIRISCO e inspirador da nova plataforma universitaria.

Ademais das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, participan neste proxecto as universidades de Cantabria, León, Valladolid, Carlos III de Madrid, Alacante, Valencia, Miguel Hernández de Elche, Murcia, Granada, Sevilla, Pablo Olavide de Sevilla, Cádiz, Illas Baleares e Gran Canaria.

USCalidade, nº 3, marzo de 2004