Manoel Santos: Parar a Europa Global

Manoel Santos: Parar a Europa Global

A Unión Europea sempre fixo un ímprobo esforzo para que as directivas e tratados que definen o proxecto que comezara no 1951 co carbón e o aceiro foran incomprensíbeis para a cidadanía. Cando esta ten acceso á información, pois non sempre acontece. Intentar por exemplo descifrar os centos de documentos refundidos no Tratado de Lisboa é misión imposíbel para os do común. Témonos que fiar do que nos digan. Os uns, os traxados que mandan no Consello, falan dunha superpotencia, máis xusta e segura, con pleno emprego e grandes empresas; mais os outros, os movementos sociais, de que se está a construír unha UE do capital e non das persoas e que, asemade, é infausta para o resto do mundo. Vaia, que iso da Europa social, democrática e sustentábel está tan lonxe como o despegar da aldraxada África.

No entanto, existe un documento de 2006 titulado Unha Europa Global: competir no mundo, bastante sinxelo e de só 20 páxinas, que confirma as denuncias dos movementos e que aconsello ler a todo o mundo. Clarifica en que punto están os desexos dos poderosos, pois é a estratexia da UE para os vindeiros anos. Subtítulo: Unha contribución á estratexia de crecemento e emprego da UE. Como me dixo Tom Kucharz, de Ecoloxistas en Acción e experto nestes labirintos políticos, tenden así a man ás empresas (crecemento) e á cidadanía (emprego).

A Europa Global trata máis ca nada de garantir que as empresas europeas sexan competitivas. De feito, a estratexia foi consensuada con Business Europe, a patronal continental.

Para dar conta dela hai que revisar e corrixir a meirande parte de directivas da UE, pois moitas cousas -servizos sociais, dereitos laborais, leis ambientais, etc- teñen que cambiar a nivel interno. A nivel externo a UE precisa sobre todo recursos naturais -importa o 80% das materias primas- e xa que logo moitas lexislacións doutros países deben mudar.

Estímase que a UE necesita que máis de 5.000 leis cambien no planeta para entrar nos seus mercados a sangue e lume.

O mecanismo son os Tratados de Libre Comercio que está a negociar con medio mundo e que tratan de impor unha desregulamentación global, que tamén terá efectos aquí, con máis deslocalizacións e co "relaxamento" dos dereitos laborais, ambientais e sociais. Velaquí o obxectivo máis urxente dos movementos sociais europeos.

Galicia Hoxe, 02/11/08