Lourenzo Fernández Prieto: Unha universidade europea

Lourenzo Fernández Prieto: Unha universidade europea
Lourenzo Fernández Prieto Vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago

O problema non é Bolonia, somos nós. Do retraso na construción dun espazo europeo universitario só no Estado español somos responsables a súa sociedade e os seus Gobernos. Do que se constrúa finalmente, tamén. Somos os últimos de Europa nisto, pero seguimos sendo dos primeiros en malgastar recursos europeos. No retraso está inscrito unha parte do problema, entre eles a confusión, a ausencia dun debate rigoroso, mesmo a súa torpeza. Cando toda Europa, de ministros a asociacións de estudantes, debatían como desenvolver a Declaración de Bolonia (1999) aquí discutíamos a LOU e a forma de goberno das universidades por razóns de política non académica.

Cando por fin empezamos, temores, inercias e o corporativismo das profesións reguladas -enxeñerías nomeadamente- paralizaron o desenvolvemento e aínda hoxe segue parada a transformación das enxeñerías. Cando as universidades formularon a financiamento do novo modelo, en vez de avaliar as necesidades mirouse para outro lado. De feito, o actual Plano de Financiamento das Universidades Galegas non contempla o custe do novo modelo. O modelo empezou a construírse polos másteres, en vez de polos graos, trasladando unha desorientación que se aprecia nas recentes protestas. Pero hai vinte anos que os másteres foron implantados polo mercado en España como titulacións non oficiais, impartidos mesmo fóra das universidades por organismos e corporacións. No novo modelo os másteres pasan ao sistema público como oficiais e financiados a prezos públicos. O asunto dilatouse ata aborrecer á comunidade universitaria española que xa estaba preparada en boa medida para esa nova forma de ensino-aprendizaxe activo que Bolonia tamén debe incorporar. Un novo modelo formativo que xa se implantou en 1971 coa Lei Xeral de Educación en todo o sistema educativo non universitario e grande parte do profesorado universitario xa practica.

Bolonia resúmese en lograr un sistema de formación universitaria equivalente en toda Europa que permita ao titulado dun país exercer noutro sen as trabas actuais, mellorar a calidade da formación universitaria e lograr así unha capacidade de competencia mundial fronte a Estados Unidos. Para iso opta polo sistema anglosaxón de formación tripartito grao-máster-doutoramento que se estendeu por todo o mundo, o que, ben visto, supón recuperar o modelo (bacharel-licenciado-doutor) abandonado no continente europeo a prol do modelo francés a comezos do século XIX. As vantaxes dunha formación máis curta e homologábel no mundo enténdena ben africanos e latinoamericanos que buscan unha alternativa ao monolítico e dominante modelo norteamericano para formar ás súas elites académicas e científicas. Un reitor mozambicano -vello guerrilleiro da Frelimo- facíanos ver as bondades do que estamos facendo en Europa hai menos dun mes en Maputo.

A creación dun sistema europeo de educación superior unificado está inscrito no proxecto europeo, se me apuran na Comunidade do Carbón e o Aceiro e no Mercado Común, desde logo na Unión Europea: a unificación de mercados, incluído o laboral, contén xa a necesidade da homologación de títulos universitarios. A Europa do euro e a construción política da Unión alentan a mesma necesidade. Vinte anos de programa Erasmus constitúen, de feito, o ensaio xeral do proceso no que agora andamos. Fagámolo dunha vez.

La Voz de Galicia, 30/011/08