¡Benvidos ao debate!

¡Benvidos ao debate!

Apisonadora

Nos últimos anos, viñemos reclamando desde fírgoa información e debate sobre o presente e o futuro da Universidade, fondamente preocupados polas políticas que sobre ela se cernían e se cernen. A información fómola recompilando pacientemente, día a día, esculcando nos boletíns, nas bibliotecas e, sobre todo, en internet. Hoxe dispomos dunha base de datos de máis de 40.000 elementos. Non estamos, pois, “desinformados”. E iso a pesar dos -para nós- evidentes intentos de manter na escuridade, na opacidade, o proceso de reconversión mercantilista das universidades. Onde si podemos dicir que fracasamos foi en promover o debate. Durante anos ninguén parecía querer discutir nada: todo estaba decidido (eran cousas de Europa, dicíase) e non había volta atrás, polo que o único que quedaba era acomodarse mansamente ao proceso que se nos impoñía. Mentres a roda do "cambio" esmagaba todo ao seu paso, o silenzo era estrepitoso: nin as autoridades académicas (reitorías, decanatos...) nin as administrativas (gobernos autonómicos, goberno central) estaban dispostas a discutir nada. A información e o debate quedaron limitados a pequenos redutos ("numantinos", dicía un reitor) de profesores e estudantes, con moi escasa repercusión nos ámbitos institucionais e nos medios de comunicación, que triunfalmente proclamaban as virtudes e excelencias do que se empezou a chamar o "Proceso de Boloña".

Pero de repente todo se desata (?). O malestar xeneralizado e crecente dos profesores (por máis que este malestar se pretenda negar) foi producindo un goteo de análises e opinións en libros, revistas académicas e medios de comunicación que pouco a pouco foron debuxando unha cara distinta do Proceso de Boloña daquela outra aséptica, incluso venturosa (como todo o que pretenda equipararnos a Europa), que desde ámbitos oficiais se divulgou nestes anos. Quíxose manter sobre o proceso de Boloña un “perfil baixo” (eles saberán por que), no seo dunha institución que, a pesar da súa crise, quere ser, e segue a ser, un espazo de reflexión e de interrogación, e só era cuestión de tempo que, facendo uso destas “competencias”, se producise unha “rebelión contra o silenzo”. Foi necesario que os estudantes se mobilizasen e que os reitores se asustasen (polas mobilizacións dos estudantes e polos recortes orzamentarios) para que agora se queira dar unha resposta. É expresión desta inquietude a “carta confidencial” que os reitores remitiron ao Goberno, na que advertían "que el movimiento 'anti-Bolonia' tiene dimensión estatal y se recrudece", reclamando "una respuesta institucional, clara y genérica por parte del Gobierno"; "que el Gobierno lance un mensaje público en positivo sobre lo que representa Bolonia" (véxase a nota publicada en El País, o pasado día 27 de novembro, titulada Los rectores afectados por las revueltas piden ayuda al Gobierno).

Desde entón, e non sabemos se forma parte dunha estratexia calculada, todo indica que se inicia unha forte campaña mediática de propaganda sobre Boloña. Benvida sexa se con isto se abre, por fin, un debate que debe producirse tanto no seo da sociedade (porque cremos na Universidade como institución ao servizo de toda a sociedade, non só dunha parte) e no seo da comunidade universitaria. Non vale xa descualificar aos que se opoñen ou expresan reticencias fronte a Boloña como “conservadores”, “inmobilistas” e/ou “desinformados”, máis cando ata agora foron estes últimos os que, por ir contra corrente, tiveron que ofrecer nos seus escritos máis probas e argumentos que os que puxeron sobre a mesa os que se declaraban a favor. Sabemos que é unha reclamación inútil, pero pediriamos aos medios de comunicación máis rigor nas súas análises. Se, con respecto á economía, viñeron mantendo durante estes últimos trinta anos un pensamento único que defendía e xustificaba un modelo que se está descosendo por todos os lados, e que ameaza de forma grave a unha parte importante da poboación mundial, con respecto á educación e ás institucións educativas (que teñen un sentido social para a integración, para a redistribución do saber e do coñecemento e, por extensión, para a conquista de maior xustiza social) alimentan tamén a visión canónica que teñen elaborada nos seus documentos as mesmas institucións económicas (BM, FMI, OMC, OCDE, etc.) que deseñaron este mundo desbocado, cada vez máis desigual e inxusto. Os “desinformados” pediriamos aos “informados” que constrasten a Carta Magna elaborada polos reitores dun conxunto de universidades europeas reunidos en Boloña en 1988 cos documentos políticos elaborados a partir de 1998 e que deron lugar ao Proceso de Boloña. Lean estes últimos documentos (os políticos) á luz dos documentos oficiais que, sobre educación en xeral, e sobre educación universitaria en particular, tiñan elaborados as citadas institucións multilaterais (BM, FMI, OMC, OCDE...) e lobbies empresariais (como a European Round Table), documentos que están escritos desde a visión da ortodoxia económica que agora está en cuestión. Lean eles, os “informados”, e tamén os medios de comunicación, as múltiples declaracións que, durante todos estes anos, políticos, reitores e empresarios fixeron ao respecto de aliñar a “produción” universitaria –tanto en referencia á ensinanza (a tal efecto o concepto nada inocente de “competencias”) como á investigación– ás demandas empresariais. De aí que o “mito” (que non é tal) da mercantilización da universidade alimentárono eles sós.

Todos estes, e outros temas sobre a educación superior, deberan someterse a debate. Agora as autoridades políticas e as académicas, que durante anos negaron información e debate, sendo os seus responsables, están preocupadas, e saen en tromba (a resposta do Goberno aos reitores empeza a traslucirse na prensa) a afirmar que a oposición a Boloña se debe á falta de información. Benvida sexa toda a que aporten. E, anque tarde, ¡benvidos ao debate!

fírgoa, 30/11/08

Outras novas relacionadas: