Galicia: Preservar o carácter público da Universidade

Galicia: Preservar o carácter público da Universidade

O deputado do BNG demandou á Ministra de Ciencia e Innovación "unha moratoria do proceso de adaptación ao espazo superior europeo para reflexionar sobre o modelo universitario que se quer" e advirte dunha "privatización encuberta"

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, dirixiuse este mediodía á Ministra de Ciencia e Innovación para pedirlle "un parón" do proceso de reforma universitario e abrilo ao debate social e político, e, sobre todo, preservar o seu carácter público.

A Ministra de Ciencia e Innovación comparecía esta mañá na Comisión correspondente para dar conta do proceso de adaptación do sistema universitario español ao espazo superior europeo xurdido da Declaración de Bolonia.

Preservar o carácter público da Universidade

Jorquera á Ministra que o proceso de reforma universitaria se debe facer preservando o carácter público da Universidade. Neste sentido, amosou a súa preocupación polas reiteradas afirmacións da Ministra de intensificar a iniciativa privada no ámbito universitario e tomar como referencia o modelo anglosaxón.

"Non negamos que teña que haber unha colaboración entre as empresas e a Universidade, ou que se adapte ás necesidades territoriais, pero desde o BNG, o criterio de eficacia non debe ser só en termos mercantilistas. Preocúpanos unha deriva crecente cara un sistema privado", advertiu.

Ademáis, aludiu á conflitividade na Universidade nos últimos meses, e enfatizou as voces críticas sobre como se está a facer o proceso de adaptación a Bolonia. "Preocúpanos que o proceso acabe estabelecendo unha Universidade de primeira e unha de segunda, condenando aos galegos a un papel periférico".

Advertencias sobre o borrador do Estatuto do persoal docente

Tamén chamou a atención sobre o borrador do Estatuto do persoal docente investigador, "rexeitado por todos os sindicatos de distintos espectros ideolóxicos. Puxo dacordo a todas as centrais sindicais". No borrador, afirmou, non só carece dunha memoria económica , senón que tamén contempla a contratación por obra e servizo para actividade docente, e a compatibilización da función pública co traballo, entre outros aspeitos.

Debe haber diálogo para a reforma universitaria

O parlamentar do BNG puxo de manifesto que "é evidente que o proceso se fai sen debate político e social sobre que modelo universitario se quer. Vosté dí que Bolonia é irreversíbel pero tamén é un proceso flexíbel xa que non é unha directiva da UE. Están a seguer criterios ríxidos e conducindo o proceso dunha maneira tecnocrática, sen debate social e sen definir o modelo Universitario".

Asemade, subliñou a cuestión financeira, "ten que haber máis recursos económicos se quer afastar o pantasma da privatización". Demandou tamén diálogo coas CC.AA para pactar un plano de financiamento.
Jorquera instou á Ministra a "reorientar o proceso, a abrir un debate público e dilucidar o modelo universitario que se quer, e sobre todo, preservar o carácter público".

"Creo que o Estado español non se pode permitir outra reforma educativa fracasada, é mellorar parar e non correr riscos", sinalou.

Xornal Galicia, 10/02/09