Galicia: Vigo: Desaparece a diplomatura de empresariais?

Galicia: Vigo: Desaparece a diplomatura de empresariais?
O reitor Alberto Gago sinala que isto se debe á adaptación das titulacións ó chamado proceso de Boloña

O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, aclarou onte que a implantación dos graos universitarios lle corresponde ó Consello Galego de Universidades (CGDU) e que "non obedece ó capricho dun reitor" ou a unha decisión individual, en relación coa creación dunha nova titulación para a escola de Empresariais.

Nunha rolda de prensa, o reitor referiuse á polémica suscitada pola desaparición da diplomatura de Empresariais, que ata agora se imparte na escola universitaria situada na rúa Torrecedeira, e confirmou que, coa posta en marcha dun grao en Dirección e Administración de Empresas no campus vigués a partir do curso que vén, a Diplomatura "falece" -en 2009-2010 xa non haberá alumnos en primeiro nin da licenciatura nin da diplomatura-.

No entanto, recordou que esta decisión se enmarca nas liñas que o Consello Galego de Universidades aprobou "por unanimidade" para a implantación deses graos. Así, apuntou que esas normas estiveron expostas a emendas e que, por parte da Universidade viguesa, só o Consello de Goberno fixo matizacións.

Segundo esas liñas, non se admitirán duplicidades nas titulacións nin convivencia de graos "cunha alta coin- cidencia de obxectivos e contidos". Ademais, recóllese que a creación de novos graos se contempla nunha fase posterior, a partir de 2010.

Así, Alberto Gago insistiu en que a decisión sobre a transformación das carreiras en graos e a creación de titulacións novas lle corresponde ó consello e sinalou que, en todo caso, "pode haber máis dun grao en ciencias empresariais pero hai que facer unha oferta diferenciada". Respecto disto, referiuse ó caso da Coruña, que reclama dous graos neste ámbito, pero cuxa oferta "non é atractiva".

Con respecto ó proceso que seguiu a Escola de Empresariais da Coruña, Gago explicou que o centro pediu un grao propio -á marxe do da licenciatura-, unha petición que causou unha "sorpresa maiúscula". Segundo o reitor, a Consellería de Educación "dixo que non procedía", polo que a Universidade coruñesa pediu informes externos para defender a súa petición.

O reitor precisou que, neste momento, os membros do Consello Galego de Universidades -presidido pola conselleira de Educación e con presenza dos tres reitores e dos partidos políticos- aínda non coñecen eses informes, e que nin sequera hai data para a convocatoria dunha nova reunión, debido á situación de espera polo cambio da Administración autonómica.

"Se o consello di si á petición da Coruña, haberá novos títulos tamén en Vigo e Santiago, e se a decisión é negativa, non os haberá en ningunha facultade", engadiu. Gago afirmou que, se este órgano autoriza os dous graos da mesma carreira na cidade herculina -en contra das normas aprobadas por el mesmo-, as consecuencias son "imprevisibles", e poderíase abrir a polémica tamén con outras titulacións.

PROTESTAS

Sobre as manifestacións tanto do director da Escola de Empresariais como de varios representantes políticos, que denunciaron un eventual peche do centro de Torrecedeira, o reitor afirmou que, desde o principio do proceso, informou a comunidade universitaria dos pasos dados. Gago descarta "encabezar na rúa unha rebelión inconsistente, irracional e paradoxal", á vez que precisou que nunca ninguén lle pediu información sobre a implantación dos graos.

Galicia Hoxe, 15/03/09

Outras novas relacionadas: