Galicia: Manifesto na defensa da universidade pública galega

Galicia: Manifesto na defensa da universidade pública galega

As persoas abaixo asinantes, interesadas en que a universidade siga a manter o seu carácter pleno de servizo público, diante do proceso de implantación do chamado Espazo Europeo de Educación Superior e das reformas estruturais que a Universidade está a sufrir (estatuto PDI, nova Lei da ciencia, etc.), MANIFESTAMOS que:

  • A declaración de Boloña estase utilizando como un pretexto para desenvolver no sistema universitario do Estado español unha fonda reforma mercantilizadora do coñecemento.
  • Este proceso tense desenvolvido desde unha perspectiva puramente tecnocrática, esquecendo as máis elementais consideracións do debate democrático, da participación da cidadanía e dos sectores universitarios máis directamente afectados.
  • Estase poñendo por diante o obxectivo razoábel da homologación de títulos e da mobilidade para levar adiante cambios que teñen como finalidade a redución do gasto público nas universidades (simplemente ao reducir licenciaturas de 5 anos a graos de 4, suprímese o 20% deste gasto) e abrir un espazo maior para as empresas privadas na educación superior, sobre todo no posgrao (escolas de negocios, universidades corporativas, hospitais privados).
  • A actual implantación dos títulos de grao implica unha mingua na educación universitaria, xa que se rebaixa a importancia e a calidade dos contidos e incide nas chamadas “competencias”, modelo que, dificilmente, se acomoda ás esixencias do ensino superior.
  • A implantación dos mestrados está carecendo dunha verdadeira planificación que responda ao interese xeral da sociedade, provocando un proceso de competitividade entre as universidades públicas, de elitismo do acceso á educación superior -non hai máis que comprobar o desorbitado prezo destes, a escaseza das bolsas e a proliferación de préstamos ao estudo -e de busca de rendibilidade económica inmediata, ao tempo que trata de fomentar a proliferación de centros privados de posgrao, en particular de empresas trasnacionais con redes en centros de todo o mundo.
  • A universidade pública corre o risco de ver agravada a desigualdade no acceso por motivos económicos, ao se converter nun servizo obxecto de consumo, obviando que a educación é un dereito e non unha mercadoría.
  • Este sistema de títulos non ten como obxectivo o aumento da calidade -cuxa utilización no discurso está sendo puramente formal e burocrático- senón a posta á disposición do sector produtivo dunha masa de traballadores e traballadoras tecnicamente cualificada que se axuste ás necesidades dun mercado de traballo amplamente precario.
  • As políticas de profesorado que actualmente se están a levar a cabo -introdución de figuras laborais, multiplicidade de contratos de obra ou servizo para investigación, borrador do estatuto do PDI, constantes avaliacións da súa “produtividade”, introdución de estudantes en funcións docentes- están producindo unha segmentación e precariedade efectiva nas súas condicións de traballo.
  • Estanse poñendo en marcha medidas que degradan a función docente, ao tempo que premian a realización de investigación e prestación de servizos á medida dos intereses inmediatos das empresas, como se reflicte no actual borrador de estatuto do PDI e da nova Lei da Ciencia.
  • Na investigación, estase dando unha incorporación acrítica á cultura da patente, sen calibrar as consecuencias para o futuro do sistema público de investigación (privatización do coñecemento fronte a ciencia aberta) e as consecuencias para as propias universidades que soportan os custes derivados das patentes, sen estar obtendo ingresos de retorno.
  • A insuficiencia de financiamento público e a desmedida importancia que se lles está a conceder á transferencia de resultados de investigación e á captación de financiamento privado, entendidas como unha prestación de servizos ao mercado produtivo, determinan que a universidade pública terá unha dependencia excesiva do sector empresarial, en detrimento da súa autonomía e do seu servizo á sociedade.
  • A configuración das universidades públicas como empresas que compiten entre si para producir coñecementos economicamente útiles para o mercado conducirá a unha clasificación xerarquizada das universidades públicas na que aquelas que estean na periferia -caso das galegas- ficarán reducidas a meras institucións de formación profesional de traballadores e traballadoras precarias.
  • Estase producindo o esquecemento da verdadeira misión da universidade como servizo público da educación superior -a creación e difusión do coñecemento e da cultura mediante a docencia, o estudo e a investigación en beneficio das necesidades do sistema produtivo e non das necesidades específicas da poboación.

Diante destas consideracións, RECLAMAMOS dos poderes públicos

  • A apertura dun debate público e democrático sobre a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior que teña como obxectivo principal o mantemento da misión de servizo público da universidade.
  • A revisión do proceso de implantación dos títulos de grao.
  • Que se proceda á planificación dun mapa de títulos de Mestrado que responda ás necesidades reais da sociedade galega e do seu sistema universitario.
  • Un financiamento público sostíbel das universidades galegas de xeito que as permita manter a súa autonomía e a súa capacidade para responder ás necesidades dun ensino superior de calidade.
  • Que se garanta o acceso universal aos estudos de educación superior sen que ningunha persoa teña que renunciar á súa formación universitaria por causas económicas, incluíndose os mestrados e, particularmente no caso galego, o mestrado de secundaria.
  • O deseño dunha política de profesorado que permita a estabilidade no emprego e a realización en condicións dignas do seu labor docente e investigador.
  • O deseño dunha política de ciencia aberta e pública onde o coñecemento producido na Universidade se poña a disposición da sociedade e non se privatice en función dos intereses dos economicamente poderosos.

Outras novas relacionadas: