USC: Universidade Aberta Informa

USC: Universidade Aberta Informa

A toda a comunidade universitaria:

Os membros de Universidade Aberta no Consello de Dirección da Universidade de Santiago de Compostela queren comunicar e explicar a súa decisión de cesar nas súas responsabilidades de goberno na Universidade de Santiago de Compostela.

UA desexou sempre e en todo o momento colocar o que entende seren os intereses xerais da USC por riba de calquera outra consideración e sen obediencia a ningún outro factor. Eses intereses xerais están concretizados na letra e espírito do acordo de candidatura e de goberno de decembro de 2005, entendido sempre como un compromiso coa Comunidade Universitaria e a sociedade, en que hoxe nos reafirmamos. As vicerreitoras e os vicerreitores de UA tentamos cumprir cos obxectivos e valores que o acordo de 2005 expresa. Na actualidade, xa non temos posibilidade de garantilo minimamente coa nosa presenza no actual goberno da USC.

Dada a situación financeira e académica da nosa Universidade, UA recusouse a promover en 2006 unha candidatura que deixase fora os grupos que apoiaban o que na altura era o Equipo de Goberno, para evitar unha fractura de consecuencias negativas para a institución.

Durante o actual mandato tentou viabilizar o acordo programático con grandes dificultades. Manifestou as súas discrepancias no seo do Consello de Dirección, comunicoullas ao Reitor e ao Equipo e fíxo públicas as súas críticas para coñecemento de toda a Comunidade Universitaria, en aras da transparencia e a lealtade que con ela comprometeu, tendo mesmo que soportar ao longo de todo este período o veto a algunhas das súas propostas e a dimisión dalgúns dos seus máis próximos colaboradores en algunhas áreas, como aconteceu na RIAIDT.

Á vista do que UA consideraba incumprimentos e decisións erradas en áreas fundamentais do goberno, UA quixo abrir unha vía de diálogo no pasado verán para reorientar o rumo do goberno. Perante o incumprimento da Xunta de Galicia dos seus compromisos en relación co financiamento universitario, decidiu deixar a un lado esas tentativas de recondución para dar prioridade ao apoio incondicional ao Reitor na reclamación dun financiamento suficiente por parte do goberno galego.

Recentemente, diante dun futuro que esixe o máximo dos consensos, e para evitar confusionismo e tensións no equipo de goberno, o Prof. Fernández Prieto dimitiu para expresa e publicamente promover, e sen apriorismos, unha candidatura para ese tempo novo. UA comprometeu o seu apoio e garantía ao Consello de Dirección e á USC. A reacción excluente da PUP e a consecuente negativa do Reitor a relevar a Fernández Prieto por un membro de UA, supón unha ruptura do pacto e culmina unha longa cadea de desencontros e unilateralidade que fai xa imposíbel a nosa continuidade.

Para Universidade Aberta esta é unha decisión dolorosa, moi dolorosa: fixemos todos os esforzos posíbeis de reorientación dun rumo que consideramos errado. Partindo da situación grave de 2006, chegamos a onde podíamos chegar e cremos que a nosa continuidade no actual Consello de Dirección deixou de ser positiva para a USC.

A USC hoxe é felizmente máis rica, plural e diversa que nunca e ningún grupo debe ceder á tentación de monopolizar o seu sentir nin a non escoitala en todas as súas dimensións. Continuaremos traballando, sumando a nosa experiencia de goberno, en facer realidade unha universidade en que ninguén se sinta excluído/a.

Agradecemos moi vivamente a colaboración e a comprensión, críticas en ocasións, prestadas por tantos membros da comunidade ao longo de todo este tempo. Cremos que hoxe o noso coñecemento da USC é maior e estará ao servizo, desde xa, da procura dunha alternativa sustentada nos principios de abertura, diálogo e non exclusión, de modernización e excelencia que sempre promovemos. Cremos que os importantes retos deben afrontarse con decisión, audacia e valentía, incorporando e ouvindo a todos e a todas.

Foi unha honra poder servir a Universidade de Santiago de Compostela desde a nosa responsabilidade como vicerreitoras e vicerreitores.

Asdo. Lourenzo Fernández Prieto
Asdo. María Dolores Domínguez Santos
Asdo. Elias J. Torres Feijó
Asdo. Xoán Carlos Carreira Pérez
Asdo. Celia Besteiro Rodríguez.

LIÑAS PARA A CONFORMACIÓN DUNHA CANDIDATURA CONXUNTA PARA A ELECCIÓN DO REITOR DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA ENTRE A PLATAFORMA UNIVERSITARIA PROGRESISTA (PUP) E UNIVERSIDADE ABERTA (UA)

A Plataforma Universitaria Progresista (PUP) e Universidade Aberta (UA), de cara ás próximas eleccións de reitor, que se han de celebrar en 2006, acordan concertar a formación dunha candidatura conxunta e encabezada polo profesor doutor SENÉN BARRO AMENEIRO.

A devandita candidatura estará sustentada na representación equilibrada e a corresponsabilidade, co fin de fornecer á USC do impulso preciso para lle facer frente aos retos inmediatos que representan, principalmente, a constitución do Espazo Europeo de Educación Superior e a potenciación da USC como referente universitario en todos os niveis, nun contexto educativo máis aberto e competitivo.

Os asinantes aspiramos a constituir un novo goberno da USC integrador, forte, de amplia base e capaz de concitar o maior consenso posíbel entre a comunidade universitaria, coincidindo en valorar como compromisos principais desta candidatura conxunta os seguintes:

1. Dispor de obxectivos definidos, explícitos, avaliábeis e amplamente respaldados pola comunidade universitaria.
2. Impulsar, con determinación conxunta, novas políticas acaídas aos novos retos, en materia de Profesorado, Investigación e Titulacións.
3. Garantir requerimentos de eficiencia e transparencia na elaboración e cumprimento dos criterios de goberno e dos procedementos de xestión administrativa na USC.
4. Preservar o carácter público da Institución, regulando con rigor e transparencia a realización de labores de investigación e docencia realizados polo seu cadro de personal.
5. Reforzar a centralidade das accións e liñas estratéxicas da USC nos seus fins básicos: docencia, investigación e transferencia de coñecemento, subordinando a elas calquera outras accións institucionais.
6. Garantir á comunidade universitaria un acceso equitativo aos recursos disponíbeis para os labores de docencia e investigación.
7. Reactivar os órganos de goberno e representación, cunha clara delimitación das súas responsabilidades, em prol dunha vida universitaria máis comprometida e participativa.
8. Impulsar a implicación dos órgaos de goberno con responsabilidades na organización da docencia (Centros e Departamentos, fundamentalmente), na proposta e organización de estudos e titulacións.
9. Reforzar a presenza da USC como universidade de referencia ante sociedade e no sistema universitario en particular.
10. Dotarnos de liñas propias para a incorporación da USC ao Espazo Europeo de Educación Superior, subliñando os nosos sinais de identidade diferenciais.
11. Promover a profesionalización da xestión administrativa, cunha clara asignación e diferenciación de funcións e competencias entre os órgaos de goberno e os de xestión profesional.
12. Racionalizar e modernizar os procedementos tendentes á simplificación da xestión.
13. Corrixir as asimetrías, particularmente as que afectan á singularidade do campus de Lugo.