Colectivo Francisco Sánchez: Manifesto: Bases para o desenvolvemento dun Sistema Universitario Galego

Colectivo Francisco Sánchez: Manifesto: Bases para o desenvolvemento dun Sistema Universitario Galego

As universidades de Galicia no momento presente están nunha profunda crise derivada do seu caótico e desorganizado crecemento, da súa incapacidade de asumir nengún proceso racional de reforma, debido á súa subordinación ós intereses dos grupos de profesores e PAS que traballan nelas, e á súa escasa preocupación polos intereses dos seus alumnos e da sociedade galega en xeral.

Por iso consideramos:

1.- Que as funcións específicas das universidades públicas son a creación e a transmisión do coñecemento basicamente a través do ensino.

2.- Que a racionalidade académica dimana da subordinación de toda a estructura da universidade ó logro das súas funcions específicas, e que para conseguilo axeitadamente é necesario, en primeiro lugar, distinguir tres tipos de coñecemento e racionalidade dotados dunha lóxica propia na súa investigación e na súa docencia: a racionalidade e o coñecemento tecnolóxicos, a racionalidade e o coñecemento económicos e a racionalidade política e institucional.

3.- Aínda que a universidade pode crear calquera tipo de coñecemento, a racionalidade propia dunha universidade, se é unha universidade pública, debe de ser a racionalidade política e institucional, derivada da súa natureza de institución pública.

4.- As universidades públicas, como parte da administración do Estado, deben ser financiadas polo mesmo, co fin de que poidan desenvolver as súas funcións específicas.

5.- Pola propia natureza da institución universitaria, o Estado ten a obriga de financiala, pero tamén ten, a través do seu ordeamento xurídico, a obriga de garantir que os principios de igualdade, liberdade de expresión e pensamento e solidaridade sexan os que rixan o funcionamento das universidades públicas.

6.- Do mesmo modo o Estado debe exercer un control institucional, pero non político, das universidades públicas.

7.- As universidades deben ter autonomía para poder lograr a creación do coñecemento e a súa transmisión a través do ensino, pero esa autonomía ten que estar subordinada ó ben común, que non é únicamente un valor de natureza económica, senón tamén social, política, artística e moral.

8.- As universidades públicas deben ter autonomía no seu goberno, non co fin de defender os intereses particulares de algúns ou de todos os seus membros, senón co fin de cumplir as súas funcions específicas.

9.- O goberno das universidades públicas debe ser democrático, pero concibido dentro do seu marco institucional específico e rexido pola racionalidade académica, e non debería organizarse como un símil do corpo político dunha nación.

10.- Non se pode admitir no ámbito das universidades públicas a consolidación de grupos de persoas que, no nome dunha suposta lexitimidade política partidista, ou ben   paralela ou simultaneamente   duns supostos coñecementos técnicos, pretendan monopolizar o exercizo do goberno académico, apelando ás súas conexións políticas ou á súa suposta natureza de expertos xestores.

11.- No goberno das universidades públicas debe existir unha igualdade de acceso ós seus órganos para todos os membros da comunidade universitaria, dacordo cos criterios que estableza a lexislación, e non polo suposto coñecemento dunha ciencia ou unhas técnicas de xestión das universidades que se definirían como de validez inapelable.

12.- Isto e así porque cada membro da comunidade universitaria, profesor, PAS ou alumno, debe exercer unha función específica nela, para a que son necesarios unha serie de coñecementos específicos.

Eses coñecementos e técnicas de investigación, docencia ou administración, son propios de cada campo de coñecemento, no que cada membro da comunidade exerce á súa competencia. Por iso non se pode admitir que algúns membros da comunidade universitaria pretendan posuir unha competencia inapelable nunha suposta técnica do goberno das universidades .

13.- Non existe nin a ciencia nin a técnica do goberno universitario. Por iso non se pode admitir a consolidación de grupos de profesores ou xestores, que pretendan convertirse nunha clase de tecnócratas supostamente neutros   con dereito a gobernar as universidades e administrar os seus recursos no nome de esa suposta.ciencia.

A consolidación deses grupos de tecnócratas, supostamente expertos en procesos de avaliación, que conseguen establecer o seu dominio institucional grazas ás súas conexions políticas partidistas, supón a creación de oligarquías universitarias, que grazas ó seu control das institucións e os recursos económicos pode dar lugar a un proceso de patrimonialización das universidades públicas.

15.- O proceso de patrimonialización das universidades públicas galegas, que se intenta levar a cabo en nome do desenvolvemento económico e apelando á racionalidade tecnolóxica, non supón o logro do ben común nin siquera no eido económico, e moito menos nos eidos social, político, artístico ou moral.

16.- Nese proceso fanse apelacions ó I+D, facendo crer á comunidade universitaria e á sociedade galega que da promoción das plantillas de determinados grupos de investigación e do gasto nun tipo concreto de proxectos depende o futuro de Galicia.

Todo isto sen seren capaces de amosar ningún tipo de cálculo económico verosímil e confundindo sistemáticamente a realidade económica e empresarial co interese académico, profesional ou económico, de algúns grupos de investigadores.

17.- Neste proceso de formación dunha oligarquía académica, os grupos que pretenden monopolizar o control das institucións universitarias desenvolven unha complexa serie de normativas, que cambian constantemente no curso do tempo e que se contradín sistematicamente e nas que sempre cabe unha ampla marxe de interpretación..

18.- A proliferación normativa, o seu carácter complexo, e as contradicións na súa interpretación conseguen crear na comunidade académica unha sensación de confusión, desorientación e cansanzo, que contribúe ó manexo máis eficaz das normas por parte das oligarquías destes supostos tecnócratas.

19.- Todo isto vai acompañado por unha excesiva acumulación de poder persoal e unha excesiva centralización na toma de todas as decisións estratéxicas, que quedan á marxe do control dos órganos colexiados de goberno, que están a sufrir un gravísimo proceso de deslexitimación pola falta de participación neles dos distintos estamentos da comunidade universitaria, sobre todo os estudantes.

20.- Ise proceso de incremento desmesurado de normas e procedementos, vai acompañado pola proliferación de todo tipo de cargos remunerados nomeado polos equipos de goberno e que son ocupados por profesores, e non por funcionarios da administración e os servizos.

Todos ises cargos acaban por constituir unha rede piramidal que pretende centralizar o control de toda a actividade universitaria, e supón un gasto innecesario, dado que ises procesos poderían ser simplificados e descentralizados.

21.- As posibles conexións entre as oligarquías de cada universidade e as autoridade políticas galegas, que parecen actuar movidas únicamente por unha lóxica partidista e oportunista, teñen como consecuencia no momento presente que o SUG (Sistema Universitario Galego.- careza de racionalidade académica e de capacidade para adaptarse ó Proceso de Bolonia e ás necesidades de formación que a sociedade galega demanda.

22.- Ocultar todas as disfuncións do SUG, de todos coñecidas, limitándose a pedir máis recursos sen ter unha vontade real de reforma non pode contribuir nin ó desenvolvemento económico de Galicia, nin ó logro do seu ben común…

Por todo isto teríase que demandar das autoridades políticas e das comunidades universitarias:

a.- A coordinación entre as tres universidades de Galicia co fin de que se poida construir un sistema universitario galego no que as universidades poidan desenvolver as súas funcións propias.

b.- Que as autoridades políticas exerzan as súas funcións por enriba dos seus intereses partidistas, localistas ou provinciais, e que non cedan ás presións das oligarquías que controlan as universidades galegas.

c.- Que se facilite a movilidade de profesores, PAS e alumnos, con liberdade de traslados, se fose necesario, co fin de racionalizar o mapa de titulacións de grao e posgrao, ata agora inexistente en Galicia.

d.- Que se evite a concentración de poder nas universidades en órganos persoais e redes de xestores e avaliadores, facilitando a descentralización administrativa, que debería estar baseada nas Facultades, como centros asociados ás titulacións de grao e posgrao, como ocorre nas universidades chamadas de excelencia.

e.- Que se facilite a liberdade de expresión dos membros da comunidade universitaria, e se incremente a claridade da xestión, o que é indisociable do seu proceso de simplificación.

f.- Que se manteña o carácter publico das universidades galegas e se frene un posible proceso de patrimonialización das mesmas, que podería estar asociado ás redes de creación de empresas, se non hai un estricto control do mesmo.

Colectivo Francisco Sánchez, 15/04/09