USC: Senén Barro: “A decisión de Fernández Prieto de marchar foi moi anticipada”

USC: Senén Barro: “A decisión de Fernández Prieto de marchar foi moi anticipada”
O reitor da USC encara a última parte do mandato cun remozado equipo tras romper cos nacionalistas
A pesar do desenlace, cre que a coalición foi positiva para a institución e espera que poida repetirse a medio prazo

En pouco máis dunha semana a inédita coalición no seo do goberno da USC que el mesmo propiciou entre a corrente socialista á que pertence, a da Plataforma Universitaria Progresista (PUP), e a nacionalista (Universidade Aberta, UA) fixo augas. O detonante foi a marcha do ata hai un mes vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, para artellar unha candidatura de UA á reitoría nas vindeiras eleccións, nas que Barro xa non estará, tras esgotar o seu segundo mandato. Unha saída do goberno, ao seu xuízo, "excesivamente anticipada", aínda que o balance final desta traxectoria xuntos é positiva e non desbota a reedición dun pacto a medio prazo. O que ten claro é que unha vez abandone o cargo, volverá á docencia e á investigación, como catedrático de Intelixencia Artificial. "Foi a etapa máis relevante da miña vida persoal, hai poucas cousas tan atractivas como ser reitor da túa universidade, pero os reitores non debemos facer disto unha profesión. Aínda que puidese volver presentarme, non o faría", di. Agora o mandato segue e promete esgotalo coas mesmas ganas e cun equipo reformado –engade– só "condicionado polas circunstancias", non polas plataformas que seguen apoiándoo.

- Na toma de posesión dos novos vicerreitores dicía que o reformado é un equipo para traballar con eficiencia e eficacia, ¿non houbo toda a debida nos tres últimos anos?

- Non quería dicir que estivese incómodo coa marcha do equipo ata o momento, só trataba de transmitir que, quedando un ano e pico de mandato,non nos podemos permitir que haxa vicerreitorías desacompasadas no ritmo. Por iso na elección dos novos vicerreitores pesou moito saber que precisarían un período de adaptación mínimo, e de feito xa traballan a pleno rendemento.

- Fernández Prieto xustificou a súa saída do goberno para evitar tensións, pero provocou todo o contrario, ¿que lle pareceu a decisión?

- Respéctoa, aínda que foi para min inesperada e non me gustou. Non entendín que supuxese unha deslealdade e a rutura do equipo, pero logo se me trasladou unha reconfiguración de nomes e responsabilidades nas parcelas de UA que para min eran inasumibles, e así o dixen. Pero sinto persoalmente o abandono dos vicerreitores de UA, e penso que tamén se perde institucionalmente. En todos os temas tiñamos puntos de vista complemetarios e nalgúns, discrepantes, pero igual que ocorreu no meu primeiro mandato.

- Cada plataforma interpreta que foi a outra a que rompeu o pacto de goberno, ¿pensa que UA buscaba a rotura do equipo coas súas condicións?

- Non, e penso que non son inxenuo neste tema. Creo que non se planificou unha rotura. O resultado final non foi desexado por ninguén, nin por min nin por ningunha das plataformas. Sobre se houbo rotura do pacto, iso teñen que valoralo a elas.

- Mais o pacto semella irrepetible...

- Ogallá que non sexa así e que poida haber, incluso para as próximas eleccións, puntos de encontro entre plataformas arredor dunha candidatura conxunta. Pero este non é o mellor escenario. Creo, en todo caso, que a medio prazo este proxecto que viviu tres anos vai ser bo para favorecer iniciativas conxuntas. Non me corresponde a min propiciar ningún tipo de candidatura, pero, insisto, a experiencia foi positiva para a institución, e seguro que merece volver pórse en práctica.

- Pero o escenario que semella máis posible é que cada grupo presente o seu candidato.

- Non o sei, pero sinceramente creo que un dos problemas da decisión de marchar do daquela vicerreitor Fernández Prieto é que foi excesivamente anticipada, precipitada, porque penso que non é o momento de que as plataformas sitúen ningún candidato ou candidata para unhas eleccións que serán o ano que vén.

- ¿Manterá ante a nova Xunta a reivindicación dun novo plano de financiamento universitario listo para 2010? A crise agrávase, ¿teme que a USC se hipoteque outra vez?

- É mal momento para apostas de aumentos de investimento, pero hai circunstancias que obrigan a un goberno a facer unha aposta firme neste sentido. E así o recoñeceu Núñez Feijóo no discurso do martes, no que indicou que hai insuficiente financiamento das universidades. É o recoñecemento dunha realidade incontestable, porque somos as peor financiadas do Estado, e non fagamos comparacións coa UE, porque son ata obscenas. Ademais, está claro que o espazo europeo é un reto moi grande, e por se isto fora pouco, nas economías que apostaron polo coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico a crise non está a ter o mesmo impacto.

- ¿Pero é imprescindible para a USC que o plan estea listo en 2010?

- A ver, imprescindible, depende para que. Cada ano que se espere non é un ano perdido, senón máis. Estamos reconducindo a situación económica da USC, saíndo do pozo, pero isto ten un custo. A miña preocupación prioritaria é que ademais non perdamos o paso, pero non hai que ser un lince nin premio Nobel para saber que se outras universidades partían da mesma situación de competencia e prestixio e non pasaron esta travesía polo deserto, senón que recibiron cada vez máis fondos, hoxe nos poden sacar unha cabeza ou un corpo. Todo isto ten un prezo para o prestixio da USC e para o país, porque nós non traballamos para o autoconsumo. Cada euro investido na universidade ten un rendemento moi maior, aínda que haxa que agardar tempo para velo.

- A medida que avanza a adaptación a Boloña medran as críticas do alumnado, pero tamén as do profesorado, mesmo en forma de manifesto.

- Creo que é difícil darme leccións de compromiso coa universidade pública galega, e dende logo o meu empeño e defensa do proceso no que estamos inmersos só o entendo porque busco unha universidade pública de maior calidade e máis comprometida socialmente. Se alguén é capaz de demostrarme que o que estamos facendo non vai por aí, daquela terei que cambiar de actitude, porque dende logo eu non defendo unha universidade mercantilizada nin a súa privatización. ¿Que plan de estudos se está facendo ao ditado dunha empresa? Ningún.

- ¿Que opina da volta de Universidades ao Ministerio de Educación? Vía ben que estivese no de Ciencia...

- Gustaríame pensar que a decisión foi para darlle aínda máis protagonismo ás universidades, baixo a idea real de que vivimos momentos especialmente importantes. Ademais, a elección de Gabilondo é óptima. Pero en principio tamén hai un prezo a pagar por esta decisión, aínda que estou seguro de que os ministros de Ciencia e Educación traballarán cóbado con cóbado.

- Á marxe dos campus, ¿que pensa da intención da Xunta de derrogar o decreto do galego no ensino?

- Creo que medidas tan delicadas en temas tan trascendentes merecen dunha pensada máis sosegada, falar con moitos sectores implicados, escoitar a xente e tomar medidas non precipitadas.

Demanda de Medicina

Apoio especial ao Campus da Saúde

É, sen dúbida, o proxecto máis ambicioso en carteira da USC, aínda que o Campus da Saúde segue sendo máis unha idea ca unha realidade. Pero Barro rexeita falar de retrasos "por unha razón moi simple": porque cumplir con calendarios é só esixible cando hai cartos para acometer os proxectos. Por eso agarda que o futuro plan de financimento teña un apartado especial, ou un complemento, dedicado ás novas infraestruturas e, dentro del –responde– "probablemente" sería preciso un subapartado para este complexo. A fin de contas, é a propia Administración a que propiciou un incremento, en só tres anos, dun 50% das prazas ofertadas en Medicina.

En calquera caso, a tardanza e o custo dunha nova facultade non xustifica –prosegue– resucitar as vellas demandas de réplicas desta titulación na Coruña e Vigo. "Outra cousa, sensata, é a maior implicación da rede de hospitais do Sergas na formación clínica de calquera estudante do ámbito sanitario, algo no que estamos a traballar", conclúe.

El Correo Gallego, 19/04/09

Outras novas relacionadas: