A Universidade: ¿Servicio Público ou negocio? Carta aberta a Senén Barro Ameneiro, Reitor da USC

A Universidade: ¿Servicio Público ou negocio?
Carta aberta a Senén Barro Ameneiro, Reitor da USC
http://firgoa.usc.es/drupal/node/4287 

Señor Reitor, amigo Senén:

No discurso que pronunciaches no acto académico da festividade de San Tomé de Aquino1, a finais de xaneiro pasado, falabas de que a Universidade viña de pasar un "Annus Horribilis", e anticipabas que os anos que están por vir serán así mesmo difíciles. E estamos de acordo contigo. Ao mellor non tanto na análise das orixes das dificultades nin nas solucións que formulas.

Na actualidade asistimos a un intenso proceso de mercantilización da Universidade, de entrada da Universidade en condicións de mercado.  Privatízanse, así, (vos chamádeslle outsourcing) moitos ámbitos da vida universitaria: os servicios de limpeza, os servicios de reprografía, as cafeterías e restaurantes; os servicios de impresión a través de Unidixital, os servicios de rede contratados a Artel Ingenieros;  as estratexias de Calidade, encomendadas ao consultor Javier Montes, non sabemos de que empresa;  a xestión ambiental e a xestión académica, contratadas  a Novotec Consultores; os sistemas informáticos para a xestión da Universidade (XesCampus), contratados con Unixest, que á súa vez parece que ten un acordo con Microsoft; os sistemas de identificación universitaria, que coa recente aprobación do Europass terán unha importancia crucial, e que dependen do Grupo Santander (que tamén ten un acordo con Microsoft para a penetración nas universidades) e de Unixest; competencias de avaliación e acreditación (en linguas estranxeiras, competencias informáticas e de traballo en equipo), cedidas graciosamente, a través do Certicap, ao Grupo Santander; a organización de congresos, que, como no caso de e-Gallaecia, foille encomendado a Vettera Training S.A. (así mesmo partner de Microsoft), e que promove Professional Training  e Professional University (empresas de formación competidoras da USC) ...

Supomos que estades convencidos de que o modelo a seguir é o da empresa porque desconfiades da viabilidade dos servicios públicos: o ben común é tan só a suma de intereses individuais, ou mellor, a resultante da libre competencia entre intereses individuais. E sodes coherentes con tales ideas ao impulsar a "Cultura Emprendedora" dentro da Universidade, a "Universidade Emprendedora"2 (como sabes, a denominación que se utiliza noutros contextos  é "Market University", ou aínda "Bussiness University"), e a tal efecto montades e potenciades un entramado empresarial dentro da USC (vós chamádeslle spin off)3; e o que resulta máis importante, tratades de impactar sobre a propia cultura universitaria introducindo nela a lóxica, a linguaxe e as estratexias empresariais.

Entendedes a calidade desde unha perspectiva de mercado4: a calidade dun producto mídese polo seu prezo de mercado, que depende da demanda; por conseguinte, hai que ofertar productos que teñan demanda (e para iso acudides a enquisas de satisfacción do cliente, non outra cousa son as enquisas aos estudiantes) e, ao tempo, tratar de estimular a demanda dos productos (para o que utilizades estratexias de marketing) e estender o mercado (para o que usades estratexias comerciais: patentes, venda de servicios, transferencia/venda de tecnoloxía...). Non parece interesarvos tanto a calidade intrínseca dos productos como os beneficios económicos que poidan xerar.

O importante para estimular a calidade así entendida é establecer condicións de mercado, de competitividade entre intereses individuais, de darwinismo social: cada un que faga o que se lle ocurra, cada un que batalle polos seus intereses, e os mellores trunfarán. E así lanzades o proceso de planificación estratéxica de departamentos e unidades baixo os parámetros da análise FODA, vinculada á chusca ideoloxía da "Calidade Total"5 (que sería mellor descrita como de "Competitividade Total"): debemos analizar as fortalezas e as oportunidades propias e as dos nosos competidores no mercado, resultando estas últimas as nosas ameazas e debilidades. Todo consiste en ir afortalando as nosas condicións para competir polos clientes. O pago por rendemento completa a estratexia: só os que se incorporen ao mercado e obteñan rendementos oxectivables (para o que se utilizan indicadores de rendemento) disporán de ingresos para financiar as súas actividades (complementos retributivos, contratos programa)6.

Admitimos que, na encrucillada na que se atopa a Universidade, a empresarialización, a mercantilización, é un dos camiños posibles: o camiño neoliberal. Podemos incluso aceptar que tal vez ese camiño sexa o elixido pola maioría dos universitarios, ou incluso pola maioría da nosa sociedade. Pero de ningún xeito aceptamos que sexa o único. Como tampouco non aceptamos que sexa o máis adecuado. Hai outras formas distintas (e nós cremos que ética, política e socialmente mellores) de imaxinar as cousas, de pensalas, de facelas posibles, de construílas. Queremos crer que é posible outra Universidade, do mesmo xeito que cremos que é posible outro mundo distinto do que veñen fabricando as políticas neoliberais, de tan nefastas e perversas consecuencias en todos os ámbitos da vida7.

Rexeitamos a progresiva mercantilización de todas as esferas da vida. Os dereitos humanos non poden ser obxecto de negocio: nin a vida, nin a saúde, nin a cultura, nin a educación. Nin o coñecemento: ¿imaxinaste que houbera sido do noso mundo se Newton houbera patentado a lei da gravidade? ¿Ou Arquímedes o seu teorema? Por vir máis cerca de nós, ¿cales serían as consecuencias de ter patentado o xenoma humano? Tampouco a Universidade debe ser obxecto de negocio, na nosa opinión. Dicía Machado que "todo necio confunde valor y precio". E non todo nesta vida debe ter prezo, non todo é mercancía. Do mesmo xeito que non toda organización social ten que ser empresa nin todos nos empresarios.

No teu programa electoral asegurabas que todos eramos necesarios, e reclamabas participación e consenso. Cremos, pois, estar lexitimados para reclamarte a apertura dun debate en profundidade sobre algúns dos temas que nos preocupan e que entendemos que nunca foron abertamente discutidos, nin, por suposto, están actualmente zanxados: ¿Que modelo de sociedade? ¿Que modelo de coñecemento: ben común ou mercancía? ¿Que modelo de Universidade: Servicio Público ou empresa? ¿Que vías de financiamento: públicas ou privadas? ¿Que modelo pedagóxico? ¿Que modelo de uso e integración de tecnoloxías? ¿Que arquitectura tecnolóxica: propietaria ou libre?

Tesnos anunciada a túa visita o vindeiro mércores á Facultade de Ciencias da Educación, e nos cremos que ese sería un bo momento para que te comprometeras a abrir o debate que te reclamamos. Así o esperamos.

Recibe un saúdo

Alfonso García Tobío
Juan Carlos Pardo Pérez


1 Senén Barro Ameneiro: Discurso pronunciado no acto académico da festividade de San Tomé de Aquino. ¿Emprendemos ou emigramos? USC Xornal electrónico, 29/01/04.

2 Así o defendes no teu Programa electoral, no Discurso pronunciado no acto académico da festividade de San Tomé de Aquino. ¿Emprendemos ou emigramos?, na conferencia La cultura emprendedora en la Universidad que impartiches o pasado 5 de maio na Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales. Tamén se recolle no editorial do nº 3 do boletín USCalidade do Vicerreitorado de Calidade e Planificación Estratéxica, titulado A USC emprendedora, no que tamén aparece un revelador artigo do director de Investimentos de UNIRISCO titulado A Universidade conecta co mundo da empresa e as finanzas sen transgredir a súa esencia, etc.

3 Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, Unixest, Unitenda, Unidixital, Uniemprende, Emprendia, Unirisco, Uninova, Uniban, Escuela de Negocios Uniemprende, Uniemprende Business School, Proyecto Finestra, Laboratorio de Sistemas, Ava, S.L, Bionova, S.L, Cienytech, Citevi, S.L., Código Cero, S.C., Devalar, S.L., Eganet, Ferreiro, Boullón & Asociados, S.C., Galchimia, S.L., Helionova, S.L., Ignire, S.L., Keramat, S.L., LBS Telecomunicaciones, S.L., Sts, S.L. ...

4 Na entrevista contigo que publicaba o nº 1 de USCalidade dicías: "Como principio, todos entendemos que a cultura pola calidade é algo clave, pero creo que, máis que desexable, as universidades estámola a percibir como algo absolutamente necesario. A nivel das empresas e do sector privado xa se leva avanzado dende hai décadas; mentres que a nivel das administracións públicas e das universidades estaba relegada ó voluntarismo e a esforzos persoais, e non a políticas ou a accións máis ou menos pautadas que permitisen avanzar dun xeito eficaz en tódalas actividades que a Universidade debe desempeñar". Parece claro que o modelo de calidade que asumes é o empresarial.

5 Podes consultar o artigo de Antonio Bolívar, reputado especialista en temas de calidade educativa: La educación no es un mercado. Crítica de la “Gestión de Calidad Total”.

6 Podes atopar as nosas opinións de xeito máis detallado en Apuntes sobre o “Plano Estratéxico” e sobre as liñas de acción do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación.

7 Por referirnos só aos efectos sobre a Universidade, remitímoste ás declaracións de oito reitores de universidades latinoamericanas: El neoliberalismo, lo peor que ha ocurrido a la universidad pública, condenando "esa doctrina que conduce a la agonía".