e-Gallaecia: O Estatuto dos Traballadores avala o control do correo electrónico dos empregados
e-Gallaecia: O Estatuto dos Traballadores avala o control do correo electrónico dos empregados
"É totalmente legal e lexítimo que as empresas controlen o correo electrónico dos seus empregados''. Así de explícito se mostrou onte Miguel Ángel Davara, catedrático da Universidade Pontificia de Comillas e Presidente de Davara&Davara, na IV Semana Internacional das TIC organizada polo Foro e-Gallaecia e que comezou onte en Santiago.
Durante a súa exposición, Davara manifestou que o Estatuto dos Traballadores avala o que as propias firmas poidan realizar un control dos medios dos que dotaron ó empregado para desempeñar o seu traballo, sempre que teña unha xustificación clara (por exemplo, protexer a empresa de posibles virus informáticos ou poder ver o correo dun empregado que está de vacacións).
Estas inspeccións, tanto das mensaxes de correo electrónico como do uso de Internet, sempre serán lícitas se o traballador coñece de antemán que se están a levar a cabo. É neste punto onde é posible encontrar un conflito entre os intereses do empresario e do traballador.
Segundo o manifestou o catedrático, a clave está na mesura e no
uso non abusivo deste medio. Davara indicou que o uso de Internet é
similar ó uso do teléfono. "Se me preguntan se un empregado pode chamar
á casa desde o traballo para dicir que chega tarde, direi que claro que
si, e con Internet pasa o mesmo. O que non se pode é mandar 300 correos
electrónicos persoais nun mesmo mes ou chamar dúas horas por teléfono ó
estranxeiro para falar cun amigo desde o posto de traballo'',
exemplificou o relator.
O 90% dos galegos, con acceso a Internet no 2005
O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, Juan Rodríguez Yuste,
anunciou que a Xunta de Galicia procurará que o 90 por cento da
poboación galega teña acceso a Internet a finais do 2005.
O conselleiro participou no acto de inauguración da IV Semana Internacional das TIC, ó que asistiron tamén os reitores das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, Senén Barro e José María Barja; a presidenta de IBM, Amparo Moraleda; e mais o director xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Xunta de Galicia, Álvaro Rodríguez Carballo.
Para finalizar a inauguración oficial, o reitor compostelán lembrou o espírito que orixinou a fundación de e-Gallaecia, organizador do evento: "Un foro tecnolóxico dinamizador desde Galicia, para Galicia e para o exterior''.
Galicia Hoxe, 1/06/04