USC: Declaración de Universidade Aberta sobre o futuro da USC

USC: Declaración de Universidade Aberta sobre o futuro da USC
(Recibido por correo electrónico)

O Colectivo Universidade Aberta fixo un esforzo de responsabilidade e compromiso nas eleccións de 2006, non sempre, e compreensibelmente, entendido, dado o deterioro na altura do goberno da USC e as insistentes reclamacións de propiciar unha mudanza máis ampla. Desde hai catro meses, esgotadas ao noso xuízo todas as posibilidades de mudanza que pretendemos, queremos manifestar:

A Universidade de Santiago de Compostela carece nesta altura dun goberno representativo e lexitimado polo referendo da comunidade universitaria. O actual equipo non asenta no acordo programático e na representatividade con que se presentou perante a mesma, despois da decisión unilateral e rotura do pacto por parte da PUP que o actual Reitor executou.

Iso implica que mesmo se estean modificando criterios en determinadas esferas de goberno (caso de profesorado) aproveitando o actual monolitismo do equipo reitoral-

Estamos nun proceso cada vez máis confuso e complicado de integración no EEES. A reforma de Estatutos está pendente da súa aprobación polo Claustro Universitario, que parece deliberadamente esquecido; como tampouco o Plano Estratéxico 2009-2015.

A modificación do sistema de financiamento, que o goberno anterior da Xunta non abordou no seu mandato, non ten visos de solución; polo contrario, parece encamiñarse a unha parálise que o actual goberno da USC non parece capaz de enfrentar.

Consecuentemente, este goberno e o seu reitor, máis encastelado que nunca no ámbito desa plataforma, debe ou ben afrontar a confianza do claustro ou convocar de inmediato novas eleccións, que permitan gobernar con rigor, eficacia e pluralismo a nova universidade. E sair dunha parálise e incapacidade de toma de decisións que está comezando a afectar xa a todos os seus extremos

Porén, aínda máis importante, é encarar o futuro con decisión e tentar evitar os lastres deste xa pasado.

A Universidade de Santiago de Compostela debe iniciar un rápido proceso de anovación das súas estruturas e formas de gobernar para acompasalas ao ritmo que reclaman as necesidades e realidades complexas que o seu persoal asume e para a consecución dos obxectivos e retos que ten colocados no presente. Esa Universidade Nova, debe erradicar definitivamente solucións anticuadas e a perpetuación de modos de actuación que non se corresponden con eses obxectivos e aprofundar na mellora das súas unidades de docencia, investigación e emprendemento.

Ao mesmo tempo, debe saber interpretar o pluralismo e variedade de opcións e visións sobre o papel da Universidade, para tentar situalas ao servizo desa mellora constante e do compromiso real coa sociedade (rendendo contas, tamén, dos recursos que esa sociedade lle achega, e facendo ver o seu rol na dinamización e aumento da calidade de vida que proporciona a esa mesma sociedade).

As sensiblidades que se expresan en Universidade Aberta manifestan a súa disposición e o seu compromiso para atinxir eses obxectivos. Cremos estar en disposición de ter mostrado e ofrecer á Comunidade Universitaria e á sociedade, unha liña de traballo non arbitraria nin sectaria e, ao mesmo tempo, de compromiso real e dedicación a esa mellora que ansiamos.

A USC mudou extraordinariamente, continúa a mudar e deberá facelo aínda máis no futuro. Xa non é puro resultado do proceso iniciado hai exactamente vintecinco anos pola LRU. Calquera tentación monopolizadora ou interpretación totalizadora debe erradicarse, nun tempo felizmente novo e ilusionante, superador dos esquemas de grupos e plataformas tal como vividos até o momento.

Todo o membro ou colectivo da Comunidade Universitaria que participe destes principios e do desexo desa Universidade Nova encontrará en nós garantía de cumprimento, franca e respectuosa.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2009

Outras novas relacionadas: