Lourenzo Fernández Prieto: Da posición da Universidade en Galicia

Lourenzo Fernández Prieto: Da posición da Universidade en Galicia

A perda da centralidade da Universidade en Galicia implica a perda da centralidade do coñecemento no debate social e político. A cacarexada construción da sociedade do coñecemento non pode lograrse sen situar as universidades no debate público. Son varios os síntomas que xustifican esta afirmación. Nos medios de comunicación, espello da sociedade, a universidade pasou das páxinas galegas nos xornais dos anos oitenta a converterse en información local.

A perda de centralidade política da universidade é seguramente o aspecto máis visible e de máis consecuencias internas e externas. Os case catro anos de goberno bipartito non abondaron para lograr un novo e imprescindible plano de financiamento pese á absoluta coincidencia de toda a comunidade universitaria neste punto, dos reitores para abaixo. A aparente boa sintonía entre os equipos reitorais e o Goberno bipartito non abondou para facer practicable esta necesidade no conxunto do Goberno e os partidos que o apoiaban. Nas últimas campañas electorais as propostas sobre a universidade simplemente foron invisibles: nin a preocupante implantación do sistema de Boloña conseguiu entrar na programación mediática electoral con forza. As universidades, pola súa parte, tampouco foron quen de introducirse como axentes na disputa electoral, como ben sinalou X.L. Barreiro nestas mesmas páxinas, excepto para acoller as siglas dalgún candidato no seu espazo.

Non obstante, a universidade segue tendo grande influencia social: os Gobernos, este como o anterior, nútrense de profesorado universitario; as páxinas dos xornais están pragadas de colaboradores universitarios; as familias seguen considerando o título universitario unha garantía para acceder a un bo emprego. ¿Por que logo esta depreciación da universidade no debate público? Parte do problema reside tal vez no temor da comunidade universitaria a facerse visible e polo tanto avaliable e, de ser o caso, criticable socialmente. É a que debe ser máis prezada peaxe universitaria, cidadá e democrática, para ocupar un lugar nas políticas públicas, á que os seus responsables deben aspirar; e que deben asumir, con plena consciencia de servizo público. Non lle abonda á universidade ter unha posición gañada por historia. Ten que demostrar a súa utilidade naquilo que a sociedade, que a financia, lle demanda e para o que lle deu autonomía: non subordinación ao mercado, mais auténtica excelencia e xeración de saber, dedicación e servizo. En Cataluña, as universidades lograron situarse cun papel especial en todos os Gobernos dende hai dúas décadas, non polo valor dos seus individuos senón como un proxecto social colectivo que pelexou polo seu lugar, en forma de Comisionado para as Universidades, con fundamentados informes sobre o papel da universidade ou creando unha Asociación de Universidades Públicas; en Madrid, a través da Conferencia de Reitores, as universidades situáronse no orzamento. ¿Queren as universidades galegas facelo? E queréndoo, ¿están dispostas a aceptar o veredicto social e político?

La Voz de Galicia, 26/06/09

Outras novas relacionadas: