USC: Clima electoral

USC: Clima electoral
Universidade Aberta négalle a Barro "representatividade e lexitimidade" e acúsao de parálise no plan estratéxico 2009-15 e no financiamento universitario

Tres meses despois da ruptura do pacto de goberno e a saída en bloque dos vicerreitores nacionalistas do pazo de Fonseca, o colectivo de profesorado Universidade Aberta (UA) acusou onte o equipo reitoral de "falta de representatividade e lexitimidade" á fronte do goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC), polo que lle reclamou que se someta a unha moción de confianza por parte do claustro ou adiante a convocatoria de eleccións. Pola súa banda, o reitor, Senén Barro, non quixo facer declaracións.

O voceiro de UA, Elías Torres, denunciou, a situación de "parálise" que, ao seu ver, provoca a Plataforma Universitaria Progresista -o grupo que apoia a Barro-. Con este grupo, UA gobernou ata hai uns meses, tras presentar unha candidatura conxunta nos últimos comicios ao claustro o 10 de maio de 2006.

Mediante a lectura dunha declaración, Torres censurou, en nome de UA, aspectos como a "modificación de criterios" nos procesos de selección do profesorado, aproveitando o actual "monolitismo" do equipo reitoral, e o proceso "cada vez máis confuso e complicado" de integración no Espazo Europeo de Educación Superior (EES).

Ademais, asegurou que o equipo reitoral é "incapaz" á hora de tomar decisións, e criticou que a reforma dos estatutos estea pendente da súa aprobación polo claustro universitario e sen centrar tamén o Plan Estratéxico 2009-2015.

A iso uniu a modificación do financiamento do sistema universitario, o cal non chegou a abordar o anterior Goberno da Xunta e que para UA non só "non ten visos de solución" senón que parece encamiñarse cara a unha parálise "que o actual goberno da USC non parecer ser capaz de enfrontar", indicou Elías Torres.

Por iso, reclamou a celebración dunhas eleccións que permitan "gobernar con rigor, eficacia e pluralismo a nova universidade", engadiu.

En canto á data, asumiu que os comicios "non se poden celebrar en período non lectivo" e "tampouco en outubro", xa que os censos dos estudantes aínda non están culminados ao inicio do curso. Por iso, considerou que "o primeiro día" en que se teña a garantía de que os censos están listos "deberían convocarse eleccións".

"Neste momento Lourenzo Fernández Prieto (anterior vicerreitor de Relacións Institucionais da USC), é o candidato a reitor que se elixiu para as eleccións de 2006", aínda que matizou que non ten que ser "necesariamente" o cabeza de lista para os próximos comicios. A este respecto, explicou que a "saída" do equipo reitor por parte do profesor da facultade de Xeografía e Historia debeuse á "necesidade de articular" a nova candidatura, que abranguerá "aínda un espectro ideolóxico maior", engadiu. Sobre isto, incidiu na idea de universidade "cada vez máis ampla" na que traballa UA, para eliminar "o sectarismo" e "integrar a todas as sensibilidades posibles". "Somos un colectivo de persoas que non aspira ao monopolio, senón a atoparse con outras persoas", apostilou.

O sistema de plataformas xa está superado

Para Torres, "o sistema de plataformas tiña certo sentido nos anos 80 e 90, pero xa está superado", pois na actualidade existe unha diversidade e un pluralismo "moito maiores".

Neste sentido, o voceiro de UA fixo fincapé na importancia de que as estruturas e formas de goberno da USC "se renoven" para adaptarse aos cambios experimentados ao longo de 25 anos de historia. "Debemos erradicar definitivamente solucións anticuadas e a perpetuación de formas de actuar que non se corresponden co obxectivo", algo que fixou na "mellora da docencia, a investigación e o emprendemento".

O DATO

O candidato de Universidade Aberta é neste momento o mesmo ca no 2006: o catedrático da Facultade de Historia Lourenzo Fernández Prieto, anterior vicerreitor de Cultura da USC. "Pero non ten que ser necesariamente o cabeza de lista nas vindeiras", di Torres.

Galicia Hoxe, 26/06/09

Outras novas relacionadas: