Galicia: Presentación do libro "La fábrica de la ignorancia. La universidad del "como si"
Debate: "A universidade fronte ao abismo"
Presentación do libro "La fábrica de la ignorancia. La universidad del "como si"
Día 17 de novembro, ás 18 horas, no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación
Acostuma a crerse, e así debería ser, que a universidade é unha institución destinada a producir as diferentes clases de saberes, na que unhas persoas intelixentes, desinteresadas e dotadas de espírito crítico desempeñan o seu labor.
A realidade está moi afastada desta imaxe. Nos últimos trinta anos, as universidades españolas creceron desmesuradamente sen planificación ningunha, ao tempo que recibían cuantiosos medios e comezaban a producir coñecemento de modo similar aos dos países máis desenvolvidos. Non obstante, tense desembocado nun estrepitoso fracaso e nunha caótica situación que as levou a ser practicamente irreformables. Os seus sistemas de goberno, concibidos como mimese do goberno dunha nación, a multiplicación de centros e a descoordinación absoluta entre as dezasete autonomías permitiron o secuestro da universidade por parte dos seus profesores e do seu persoal administrativo. Apelando a modelos políticos e sindicais só aparentemente democráticos, logrouse anular o espirito crítico co fin de poder controlar as universidades para beneficio dos intereses corporativos e converter a busca do coñecemento nunha enlouquecida carreira burocrática na que todos falan do que non son, na que ninguén cre o que ninguén di, e na que a súa distancia co mundo real crece a unha velocidade vertixinosa.
O texto anterior aparece na contraportada do último libro do Profesor José Carlos Bermejo Barrera, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela, publicado pola Editorial Akal.
Ó fío do debate "A universidade fronte ao abismo", o citado libro será presentado o vindeiro martes, día 17 de novembro, ás 18 horas, no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da USC, no campus sur. Intervirán:
- José Carlos Bermejo Barrera, autor do libro e Catedrático de Historia Antiga
- Manuel Freire Rama, catedrático de Bioquímica
- Xavier Vence Deza, catedrático de Economía Aplicada
- Santiago Jiménez Gómez, profesor titular de Historia Medieval
- Alfonso Garcia Tobío, profesor titular de Psicoloxía Evolutiva e da Educación (moderador)
- Inicie sesión ou rexístrese para enviar comentarios
- 4950 lecturas


