Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Crise da USC: ¿Que opinan os profesores?

Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Crise da USC: ¿Que opinan os profesores?

Algo resulta rechamante na situación de fonda crise pola que atravesa a USC: a total ausencia do debate das asociacións ou grupos de profesores constituídas de xeito máis ou menos formal, que pola contra se amosan extraordinariamente activas en períodos electorais como "muñidoras de votos" (Baltar dixit). Plataforma Universitaria Progresista (PUP), Converxencia Universitaria (CU), Universidade Aberta(UA) e Universidade en Positivo (U+) son os grupos dos que nos temos constancia efectiva da súa existencia, conformando os dous primeiros (PUP e CU) a actual coalición de goberno, mentras que UA e U+ poden considerarse como grupos de oposición.

¿Que opinan estes grupos? ¿Que posicións manteñen respecto aos problemas existentes? ¿Sobre a situación económica e financeira? ¿Sobre o desmantelamento da Universidade como Servicio Público? ¿Sobre as políticas de "empresarialización"? ¿Sobre as políticas de calidade? ¿Sobre as previstas reconversións de plantillas laborais, tanto de PAS como de PDI? ¿Sobre o modelo de Universidade a desenvolver? ¿Sobre o Espacio Europeo de Educación Superior? ¿Sobre a política universitaria da Xunta de Galicia, do Goberno do Estado e da Comisión Europea? ¿Sobre o impacto que o Acordo Xeral sobre Comercialización de Servicios poida ter na USC? ¿Sobre o papel que deben xogar as novas tecnoloxías?...

Cremos que sería bo que estes grupos que estructuran o poder na USC (Consello de Dirección, Consello de Goberno, Claustro, Comisións...) asumiran con rigor o seu compromiso coa Universidade e aportaran publicamente as súas propostas e solucións para que foran coñecidas polo conxunto da comunidade universitaria e da sociedade.

fírgoa, mantendo a súa independencia, ponse aberta e totalmente a disposición destes grupos, así como de calquera outro grupo ou asociación de profesores, estudiantes e PAS, de partidos políticos e de sindicatos, a fin de que poidan expresar libremente as súas posturas, someténdoas a escrutinio público, a debate e a reflexión colectiva.