J.C. Pardo e A.G. Tobío: Sintomatoloxía boloñesa: xerencialismo, calendario académico e intensificación do traballo

Juan Carlos Pardo Pérez e Alfonso García Tobío: Sintomatoloxía boloñesa: xerencialismo, calendario académico e intensificación do traballo do profesorado

Era un barbeiro de sábado que amaba os libros que non entendía e gustaba de lélos todos enteiros.
Unha vez topéino coa testa pousada nas mans, ao xeito dun pensador, e díxome: -Estóu profundando. E dende entón, pra min, hai homes que profundan. […]. Ensumíase arreo dentro de sí mesmo para profundar nos misterios da outra vida e sempre remataba laiándose: –Non podo profundar máis porque non sei latín. Un día pousóu os ollos no mar –endexamáis reparaba en cousas miudas– e dispois de ter profundado un bo retrinco de tempo deitóu na orella do seu compañeiro ista frase: –O mar ¿sabes? O mar... ¡é un fenómeno!
Castelao: Cousas

Hemos nacido fieles, ¡ya es que reventamos de fidelidad! Soldados sin paga, héroes para todo el mundo, monosabios, palabras dolientes, somos los favoritos del Rey Miseria. ¡Nos tiene en sus manos! Cuando nos portamos mal, aprieta... Tenemos sus dedos en torno al cuello, siempre, cosa que molesta para hablar; hemos de estar atentos, si queremos comer... Por una cosita de nada, te estrangula... Eso no es vida...
Céline: Viaje al fin de la noche

He tenido suerte con mis maestros. Lograron persuadirme de que, en la mejor de sus formas, la relación maestro-alumno es una alegoría del amor desinteresado.
George Steiner: Errata

Desde fóra, pero tamén desde dentro, a universidade está sendo intensamente presionada de forma vehemente para converterse en empresa, pero non xenericamente en empresa, senón de maneira singular en empresa neoliberal, que non ten máis compromiso social, e non responde ante ninguén máis, que ante os propios accionistas –nin empregados nin comunidade. Posto que empeza a ser asumido por algúns universitarios o "beneficio" que a título individual lles produce "xogar a ser empresarios", sen calcular nin sufrir (polo de agora) os riscos de selo (véxase Bermejo e Fábregas, 2006), convén cavilar sobre os desastres económicos, ecolóxicos, culturais, sociais e persoais que o modelo de empresa neoliberal trae consigo. Aquí non temos outro propósito que centrar a nosa análise nos desastres persoais que está causando este proceso de transformación da universidade en empresa, tomando como eixo desta análise a ampliación do calendario académico da educación superior. O novo calendario propúxose sen rigor, sen ningunha reflexión histórica, social, cultural, antropolóxica, nin sequera comparada e, sen discusión, estase instituíndo en todas as universidades do estado. Desde esta premisa, entendemos o novo calendario como un síntoma. Síntoma, en primeiro lugar, da falta de reflexión dos responsables académicos das nosas universidades, que fan gala dun "seguidismo" acrítico de directrices políticas reducidas a simples normativas, e do conformismo dun profesorado apático e atacado de escepticismo. Pero síntoma, tamén, da "ideoloxía xerencial" (Ball,1990a), en función da cal se está implantando nas institucións de educación superior a "cultura" empresarial, representación mimética de fórmulas organizativas empresariais que, co pretexto da rendibilidade, da produtividade, da competitividade, da calidade e da excelencia, promoven o abuso, a opresión, a intensificación do traballo, a descualificación, e causan, polo tanto, inseguridade, medo, estrés, desgaste, malestar e sufrimento nos traballadores (cf. Aubert e Gaulejac, 1991; Dejours, 1998; Sennett,1998, 2006), pero tamén desmotivación, desapego e fatiga entre as propias elites (cf. Dupuy, 2005 referíndose aos "executivos").

Dirixida a transformar a identidade das universidades (Marcela Mollis, 2003 fala de "identidades alteradas”), o xerencialismo aspira, como condición, a transformar a identidade do profesorado, modelando subxectividades (formas de ser suxeitos) que resulten funcionais para a administración xerencial. A reconstrución da subxectividade pasa por destruír os marcos identitarios que ata agora nos permitiron recoñecernos (e que os outros nos recoñecesen) como docentes cualificados, con autonomía, merecedores de respecto dos outros pola función que desempeñabamos e merecedores do respecto propio. A destrución da identidade docente empeza pola descualificación. No discurso pronunciado por Sarkozy o 22 de xaneiro de 2009, con motivo da presentación no Pazo do Elíseo da "Estratexia Nacional para a Investigación e a Innovación"), descualifica ás Universidades (e, por extensión, ao seu profesorado), acusándoas de "malas, ineficientes, obsoletas, partidistas, conservadoras, cegas (ante a realidade), inmobilistas, instaladas na comodidade da autoavaliación, anticuadas, ríxidas". Nada, en todo caso, que non dixeran xa, quizais con maior formalidade, pero con igual firmeza e contundencia, organismos como o Banco Mundial ou a OCDE, ou grupos de presión empresariais (ERT, Unice –agora Business Europe–, Círculo de Empresarios, Fundación CyD) en informes nos que expresan a urxencia de reformar universidades e profesores. Para todos, tanto para estes que se pronuncian con maior compostura, como para aqueles que o fan con desmesura, serven as palabras coas que Alain Trautmann (2009), inmunólogo francés, tomadas da obra de Shakespeare, Medida por medida, responde a Sarkozy: "Grandes da terra, embriagados de poder, que non teñen outro proxecto que encher o ceo de tronos, nada máis que tronos”. Tamén desde dentro dos muros da universidade se contribúe, moitas veces por parte dos envaidecidos, dos "pagados de si mesmos", a propagar unha imaxe miserenta da institución e dos membros da comunidade universitaria. "Hai que baixar á universidade do pedestal", afirma o actual presidente da CRUE e reitor da Universidad de Santander, Federico Gutiérrez-Solana, como resposta á súa propia pregunta: "Que queremos? A investigación que desexa o investigador ou a que demanda a sociedade?". Aquí, neste contexto, "sociedade" non apunta a nada real. É unha ficción ideolóxica que se utiliza para encubrir, para enmascarar, a diversidade e contraposición de intereses entre grupos sociais, para os que non é indiferente o que se investigue nas universidades. Como tampouco é indiferente o que se ensine. Para o Banco Mundial, a OCDE ou grupos de presión como os xa citados, as universidades deben satisfacer as necesidades do mercado laboral. Michel Henry, fenomenólogo francés, no capítulo titulado "La destrucción de la universidad", do seu libro La barbarie (1987), deplora a destrución da universidade polo mundo da técnica, debida en parte á irrupción da técnica no seo mesmo da universidade, aniquilándoa como lugar de cultura. Critica o argumento de utilidade da formación universitaria –a súa finalidade é conseguir un traballo– como vía para socavar a especificidade cultural das tarefas e da condición universitarias. E prosegue:

"A dicir verdade, a ensinanza, considerada como desenvolvemento das potencialidades constitutivas da subxectividade individual, e isto polo exercicio repetido e a transmisión dos saberes, capacita inmediatamente a quen a recibe para un número de actividades, tanto para o seu perfeccionamiento como para a adquisición de novas disposicións. É obvio que canto máis elevado sexa o nivel da ensinanza, maiores son a elección e o número de "saídas" abertas. Pola contra, a idea de limitar os coñecementos aos que de feito efectivamente se poñerán en práctica é á vez criminal e contraditoria. Contraditoria, a causa da flutuación da demanda nun mundo en evolución e, por iso, a causa da necesidade dunha adaptación constante, a cal está en función tanto do grao de intelixencia como da amplitude dos coñecementos dominados. Criminal, porque significa para o individuo o freo no seu desenvolvemento potencial, a redución deliberada do seu ser á condición de engranaxe do dispositivo tecno-económico" (p. 150, cursiva nosa).

AnexoTamaño
sintomatoloxia_boloñesa_galego.pdf565.2 KB
sintomatologia_boloñesa_castellano.pdf580.54 KB