Lourenzo Fernández Prieto: Tempos novos para a Universidade

Lourenzo Fernández Prieto: Tempos novos para a Universidade

A Universidade de Santiago vive un intre de provisionalidade e desarticulación que non se merece e que debe corrixirse por responsabilidade coa institución. A incapacidade para aprobar os novos Estatutos e para presentar unhas liñas xerais de orzamento no Claustro evidencian a falta de iniciativa de quen ten atribuída a responsabilidade de goberno e do minguado grupo que o apoia. Ambas as dúas carencias pexan a estabilidade da institución, cangan de incertezas o futuros e son, ao tempo, un síntoma inequívoco da incapacidade de liderado por parte do grupo político-universitario que se autoatribúe a súa dirección dende hai décadas. Non presentar proposta de orzamentos equivale a prorrogalos administrativamente a 1 de xaneiro e condena ao futuro goberno da Universidade, que tomará posesión en seis meses, a unha situación inédita e á Universidade no seu conxunto a unha situación inmerecida. Cun 70% do gasto comprometido en persoal e gastos básicos, cunha previsión de ingresos de 14 millóns menos, a prórroga provisoria será un corsé orzamentario definitivo. Por mor dos prazos e vontades anunciadas, a lóxica deste modelo que se quere prorrogar en agonía non poderá corrixirse ata polo menos outubro do ano vindeiro.

Compre tomar medidas urxentes en condicións orzamentarias restritivas para ordenar prioridades, actuar sobre a estrutura do gasto e, evidentemente, facer o imposible para actuar tamén sobre a dos ingresos. Nada diso poderá facerse cuns orzamentos concibidos para outros ingresos. A confianza nos recursos e capacidades da nosa universidade e dos universitarios e universitarias permiten imaxinar vías de actuación para acometer un tempos que serán malos pero novos, coa carga de optimismo renovado que iso implica e coa compoñente de acción que se require. A demora adiará solucións necesarias e acrecentará a desarticulación.

En pouco tempo, non máis aló de maio, a Universidade elixirá necesariamente novos xestores que terán un apoio renovado e ben definido. O ambiente preelectoral latexa nos medios de comunicación, nas facultades, nos departamentos e nos centros e grupos de investigación. Á luz das noticias sobre a proliferación de candidatos -e aínda pendente un debate clarificador sobre os proxectos- semella que sobran vontades dispostas a facerse cargo do goberno, mesmo en tempos que se presentan difíciles. A pluralidade de candidaturas é un síntoma de vitalidade, un sinal de dinamismo e de responsabilidade coa institución na que traballamos e pola que pelexamos. Na primavera a USC contará cunha equipa renovada e apoiada que emprenda con novos folgos a necesaria tarefa de gobernar e ilusionar á comunidade universitaria de Santiago e Lugo. Xustamente o que hoxe nos falta e o que hipoteca o noso futuro.

La Voz de Galicia, 22/12/09

Outras novas relacionadas: