Lourenzo Fernández Prieto: ¿Renunciar ás universidades?

Lourenzo Fernández Prieto: ¿Renunciar ás universidades?

Quen manexe informes, datos e análises sobre a educación superior en Europa e España, ten que recoñecer que as universidades galegas están mal financiadas. Nun contexto cada vez máis competitivo e esixente para as universidades no mundo, a veracidade desta afirmación é incontestable. O asunto non é polo tanto canto aforrar en universidades. O debate necesario céntrase en se Galicia aspira a ter universidades entre as mellores ou renuncia a esa tarefa. En se somos un país con enerxías e posibilidades ou, como pensa historicamente unha parte de nós, un país pobre que só pode educarse fóra e do que debe fuxirse (emigrar) para acadar as cotas máis elevadas de formación, promoción e desenvolvemento. Se nos cremos capaces e emprendedores ou consideramos que os nosos avances só poden ser lentos e dolorosos como a primeira das Gymnopédies de Satie.

Para ese debate cómpre empezar por recoñecer tamén que os resultados das universidades galegas -e a súa posición nos ránkings ao uso- son en conxunto ben superiores aos da media das universidades do Estado, tendo en conta o financiamento público recibido. Sobre estas dúas premisas: universidades mal financiadas pola Administración autonómica e relativamente eficientes pódese empezar a falar de prioridades políticas. Pódese financiar a compra de autos por riba da media do Estado e as universidades por debaixo. É unha opción, pero na escolla de preferencias é onde reside a cuestión. U. Teichler (The Changing Nature of Higher Education in Western Europe, 1996) xa indicaba que nos países da Europa do noroeste os problemas de recursos nas universidades resolvíanse con abundante financiamento das institucións e dos estudantes, mentres nos países mediterráneos solucionábanse abaratando custos, con aulas numerosas e escasos servizos. Destruír bibliotecas é algo que só fixeron algúns bárbaros cando anunciaron un futuro peor. Deteriorar instrumentos científicos non é de recibo.

A renuncia a un financiamento adecuado para as universidades galegas non é nova, pero non sempre foi así. Dende os anos setenta houbo un esforzo social e político para crear universidade como obxectivo de desenvolvemento: Caixa Vigo e outras caixas locais financiaron os colexios universitarios; o Pastor, o ILGA e o Idega. En 1989 unha autonomía aínda moza, con Laxe, Barreiro e Mariñas, apostou por pasar de 50.000 a 100.000 estudantes universitarios e ofrecer todas as oportunidades. O plano de financiamento aprobado polo Parlamento a iniciativa de Camilo Nogueira foi a envexa en España, aplicando durante unha década un esforzo sostido na educación superior. Logrados hai anos aqueles obxectivos, hoxe parecemos colectivamente perdidos. Quizais porque o novo esforzo que toca, a creación dunha estrutura de investigación competente en Galicia, é más ambicioso e tan caro que semella de países ricos. Aínda non se entendeu para que o queremos e para que serve. Se Galicia quere aspirar ao futuro, tense que entender. Un exercicio de explicación e outro de compresión son necesarios. Se ademais de aspirar a fabricar autos e financiar a súa compra queremos patentalos, hai que levar outro camiño.

La Voz de Galicia, 06/01/10

Outras novas relacionadas: