Galicia: USC: Mercedes Brea: “A reitoría non tería tanto atractivo se a situación universitaria fose fácil”

Galicia: USC: Mercedes Brea: “A reitoría non tería tanto atractivo se a situación universitaria fose fácil”
Brea apoia Boloña, pero critica a súa posta en práctica. “España foi contracorrente”, di
Esta reforma e as contas serán temas clave para quen tome as rendas da USC, un posto ao que aspira tras máis de 35 anos de experiencia na institución

Mercedes Brea López concorrerá o vindeiro maio ás eleccións á reitoría da USC nun momento crucial. A crise bate na institución con forza xusto en plena adaptación a Boloña, pero para a catedrática de Filoloxía Románica, directora do grupo de literatura románica medieval –o de humanidades da USC que máis recursos para a investigación captou en 2008–, as dificultades fan máis atractiva a cadeira nobre de San Xerome. Brea preséntase como independente, mais co apoio da Plataforma Universitaria Progresista (PUP), de signo socialista, o grupo docente que máis veces gobernou a institución dende os 80. A profesora, nada en 1950 na Estrada, onde segue a residir, ten unha ampla experiencia xestora. Foi decana da Facultade de Filoloxía (2000- 2004), vicerreitora de Profesorado (1987-1988), encargada de poñer en marcha o hoxe Centro de Linguas Modernas ou asesora da Vicerreitoría de Investigación.

- Leva moito tempo sendo catedrática e, xa que logo, posible candidata á reitoría, ¿por que desta vez?

- Supoño que me animaron varias cousas, entre elas o convencemento de que teño cousas que achegarlle á universidade despois de máis de 35 anos de experiencia docente, investigadora e de xestión. Por outra banda, o momento vital no que me atopo, con case 60 anos, que farei xusto despois das eleccións, é bo para dedicarse a poñer en práctica o que fun aprendendo ata agora.

- Axuda a bagaxe xestora anterior para dar o salto á reitoría ¿non?

- Si, pero iso non quere dicir que coñeza toda a universidade. De feito, o que estou intentando antes de articular o proxecto formal é aprender as cousas que aínda non sei dela, coas que non tiven un contacto tan directo.

- Semella que estamos nun dos momentos máis complicados para a universidade, ¿non lle teme a iso?

- Iso faino máis atractivo. Probablemente non me tería tanto atractivo se a situación fose fácil, se todo estivera ben encamiñado. Podo dicir que unha das razóns que me levaron a decidirme é que a situación da universidade é difícil.

- ¿Cal é o problema da USC que máis lle preocupa?

- Non sería capaz de dicir un único problema. Un deles é o financiamento, e gustaríame analizalo con calma. Xa sabemos que hai elementos externos, pero supoño que tamén hai algúns aspectos internos que hai que estudar. E, sobre todo, o que me parece importante, non só a nivel da universidade, senón a un máis amplo, dada a crise económica xeral, é intentar ver como se pode rendibilizar ao máximo os recursos dos que dispoñemos. Ao mellor é unha utopía, pero penso que mesmo tendo pouco é posible facer máis.

- ¿Como ve a adaptación a Boloña?, ¿debería ser máis áxil?

- Si, as cousas non van todo o ben que deberan. Hai responsbilidades que lles hai que atribuír ao Ministerio de Educación e outras, ás propias universidades.Posiblemente haxa algunhas das comunidades, pero penso que moito máis directas son as outras dúas. Hai cousas que se poden corrixir nos másteres, pero nos graos vai ser máis difícil facelo a curto prazo porque xa están implantados ou listos para funcionar en outubro.

- A pesar dos peros, ¿é favorable ao proceso de Boloña?

- Son favorable á concepción orixinal, un sistema homologable en todos os países europeos. Coa posta en práctica, en xeral todos os países tiveron os seus problemas, pero España simplemente foi contracorrente xa no deseño, ao escoller graos de 4 anos e másteres de un, no canto do 3+2, que é o que intentan levar a cabo todos os países.

- ¿Gústalle máis o 3+2?

- Eu preferiría ese sistema e o que implicaba e non se fixo: que os graos non fosen unha mera reconversión das licenciaturas, senón algo totalmente diferente, titulacións transversais e flexibles e coa especialización no máster.

- ¿Abondan máis as meras licenciaturas comprimidas?

- Si, o que estamos facendo é reducilas de 5 a 4 anos. E o máster, creo que cada un o estamos entendendo ao noso xeito, non como en principio estaba pensado.

- ¿Que lle parece o acordo marco asinado polos reitores para compartir recursos humanos e materiais entre as tres universidades galegas?

- Paréceme a única cousa razoable que se pode facer. Sería moito mellor que todos tiveramos esa conciencia de Sistema Universitario Galego e non limitarnos só aos intereses da nosa universidade. Iso non quere dicir que non me interese a USC por enriba das outras universidades, pero espero non perder a visión de conxunto.

- ¿E que pasa con Medicina?, ¿unha ou varias facultades?

- Facultade única, e iso non está en contradición con esa idea de sistema universitario. Docencia clínica descentralizada, porque vai na liña de utilizar os recursos existentes, pero coa facultade que temos, polo menos de momento.

- Campus Vida acaba de ser recoñecido como Campus de Excelencia Internacional, ¿asume de boa gana ese proxecto?

- Sen dúbida ningunha. Non creo que se trate de ter unha liña continuísta ou non, trátase de que a universidade como institución conseguiu ese recoñecemento e sexa quen sexa o novo reitor está obrigado institucionalmente a quitalo adiante. É un proxecto fundamental para os próximos anos, o cal non quere dicir que teña que ser o único.

- ¿Fai falta tamén un para as humanidades? Neste eido abonda un sentimento de certo abandono...

- O que percibo é que na investigación en humanidades aínda queda moito traballo que facer. Levo moito tempo traballando en criterios de avaliación de proxectos de humanidades e penso que é un asunto importantísimo que non está resolto, hai que traballar para que se recoñezan os mesmos parámetros de calidade que se recoñecen noutras disciplinas sen dúbida ningunha. Pero é que ademais a USC é moi competente no ámbito. Campus Vida é un proxecto relacionado co campus sur de Santiago, pero tamén en certa medida afecta moito ao de Lugo. Hai que atender tamén un compromiso con Lugo, non só con Santiago, e cos cinco ámbitos de coñecemento. Todos son importantes, hai que atendelos por igual.

- Concorre ás eleccións co apoio da PUP, pero non como a súa candidata. ¿Por que esa decisión súa e da plataforma?, ¿está cambiando algo no escenario da política universitaria?

- Si. As plataformas tiveron a súa razón de ser, pero nos últimos anos si se detectou un menor interese polo seu funcionamento. Nunca fun persoa de grupos pechados, non hai que pensar que só unha postura ideolóxica vai dar uns froitos determinados (...). Por iso nunca me podería presentar por ningunha plataforma. Sobre a PUP, supoño que fixo un exercicio de reflexión nese sentido, pensando que é o mellor para a universidade. Decidiu apostar por min, pero a outros grupos, e dende logo a cada persoa individualmente, pódelle ofrecer máis garantías calquera outro candidato.

- ¿Haberá daquela pluralidade ideolóxica no seu equipo?

- Espero que a haxa, pero non vou buscar por ideoloxías, vou buscar por persoas. O que estou intentando buscar son as persoas que eu considero máis capacitadas para cada función. Non fago unha formulación de que se alguén pertence a este grupo ou a esta ideoloxía. É máis, na maioría dos casos é algo que ignoro, e que desde logo non pregunto, respecto a liberdade de opinión. Simplemente penso nas persoas, e tampouco vou buscar porque sexan homes ou mulleres.

- É a primeira vez que haberá candidatas, e poderían ser tres.

- Curiosamente, o mesmo número que de homes. Nestes momentos hai máis catedráticas que hai uns anos, de aí que aparezan máis posibles candidatas.

- Se resulta elixida reitora terá menos tempo persoal, ¿a que llo terá que restar?, ¿que aficións ten?

- A verdade é que o único que fago dende hai moitísimos anos é ocuparme o que podo da miña casa e da miña familia. E á parte diso, dar clases, investigar e facer xestión. O que tería que deixar son as clases, porque non é moi compatible coa reitoría. Intentaría non deixar completamente de investigar, algo para o que xa non teño moito tempo, porque a burocracia cada día é maior. ¿Aficións?... ¡Moito me temo que como as miñas aficións son esas! Lamentablemente, hai moitos anos que non teño tempo de facer vida social (ri).

El Correo Gallego, 14/02/10

Outras novas relacionadas: