Jaime Gómez Márquez: Campus Sur ou Campus Vida?

Jaime Gómez Márquez: Campus Sur ou Campus Vida?
Jaime Gómez Márquez, Decano de Bioloxía e candidato a reitor da USC

Xa temos novo nome para o Campus Sur: agora pasa a chamarse Campus Vida. A min gústame máis o nome de Campus Sur porque reflicte unha situación xeográfica, e coherente con que haxa outro campus que se chama Norte e, ademais, é o nome de sempre. Non entendo moi ben a razón deste cambio senón é que coincida co proxecto estrela do Sr. Reitor. Este proxecto, que ten aspectos moi positivos como son a nova Facultade de Medicina ou a peatonalización do Campus Sur, foi declarado Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional, o que é unha proba da forza das universidades de Madrid e Barcelona fronte as periféricas. Pregúntome que tería pasado na concesión desta etiqueta de excelencia se o ministro ou o secretario de estado fosen galegos. Ás veces e preferible dicir non, e esa posición non representa un fracaso senón todo o contrario.

Na situación económica actual, e tendo en conta outras necesidades urxentes da USC, o próximo equipo de goberno terá que repensar ese proxecto e analizar a súa viabilidade real para os vindeiros 4 anos. Para non prexulgar o que farían outros, esa revisión faríase se eu tivese a responsabilidade de gobernar a USC. Facer grandes proxectos como o Campus Vida ou o Campus Lugo 2015 está ben e require un gran esforzo. Pero os proxectos que trascenden a un equipo reitoral, porque duran moitos anos e comprometen a moitas persoas, deberían debaterse sen présas nos órganos de goberno, principalmente o Claustro, e tamén darlle a palabra a todos os membros da comunidade universitaria. Só deste xeito poderán ser asumidos e compartidos por toda a institución. Se o conxunto da universidade apoia este proxecto (ou calquera outro) entón será o proxecto de todos e terá máis forza.

O equipo de goberno da USC está tomando decisións sobre aspectos que implican aos ámbitos docente, investigador, de infraestruturas e económico. Xa sei que teñen a lexitimidade para facelo, pero entendo que non deberían hipotecar ao futuro goberno da USC con decisións sobre as que pode ser difícil dar marcha atrás ou producir malestar na comunidade universitaria. Supoño que o actual equipo reitoral non querrá deixar todo "atado e ben atado".

De modo que me permito decirlle, sr. Reitor, como universitario e como candidato a reitor, que deixen de tomar acordos que poidan comprometer ao próximo goberno da USC máis alá do que sería razoable. Será o futuro goberno da USC quen decida o camiño que vai seguir a nosa institución os próximos anos.

El Correo Gallego, 18/02/10

Outras novas relacionadas: