Galicia: USC: Juan Casares Long: “Deixar comprometido o futuro da vindeira reitoría é mala política”

Juan Casares Long, durante a entrevista, o venres pasado, na Escola Técnica Superior de EnxeñaríaGalicia: USC: Juan Casares Long: “Deixar comprometido o futuro da vindeira reitoría é mala política”
Casares Long é o único que repetirá en maio como candidato a reitor da USC
“A súa, di, é unha visión da universidade libre de condicionantes” fronte a alternativas nas que ve continuidade
E agora, asegura, máis arroupada ca en 2006

Juan Casares Long (A Coruña, 1950) será en maio o único que repita candidatura á reitoría da USC. Tras catro anos como case única oposición de Senén Barro, co que empatou en número de votos, séntese máis coñecedor da universidade e mantén como eixes do seu discurso "a necesidade de cambio e de contar con todos". A universidade que quere, insiste, débese a quen a financia, a base de innovación con valor social, achegando solucións á sociedade. O catedrático de Enxeñería Química e director do grupo de investigación de Modelización Ambiental acredita experiencia como impulsor do Centro de Supercomputación de Galicia ou Meteogalicia. No seu currículo figura tamén a etapa como director xeral de Medio Ambiente e primeiro director da Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da USC. Máis atrás, recorda a docencia na Universidade do Petróleo de Arabia Saudí, onde aprendeu "a ser máis tolerante cos distintos xeitos de pensar" e experimentou Boloña "con 30 anos de anticipación".

- ¿Como foron estes catro anos?

- Unha escola moi dura, porque fun a única voz que provocou debate sobre os problemas reais da universidade, e incluso a que lexitimaba democraticamente o equipo actual, porque as do seu contorno, de lealdade sen condicións, non lexitiman nada.

- ¿Que o anima a repetir?

- A experiencia acadada, o coñecemento da universidade que adquirín, e a necesidade de cambiar de rumbo e de contar con todos.

- ¿Que ten de equivocado, ao seu xuízo, o rumbo actual?

- Tantas cousas! Pero sobre todo non escoitar, non recoñecer a necesidade de participación de todos. Hai unha visión moi estreita da realidade e incapacidade para chegar á sociedade.

- ¿Cal é o problema da USC que lle preocupa máis?

- Poderiamos dicir que os problemas das persoas, o económico-financeiro, o patrimonial.

- Toca negociar novo plan de financiamento, pero en plena crise, ¿veñen tempos complicados?

- O que temos que facer é optimizar recursos, pensar en toda a universidade, levar a cabo unha xestión eficaz e contar con todas as formas de ver a universidade. Preocúpame [o escenario actual] pero non me asusta.

- O futuro seguirá tamén moi marcado por Boloña, ¿como se está a encauzar o proceso?

- É unha reforma radical do ensino-aprendizaxe, case unha reforma cultural, e iso non se consolida da noita á mañá. Queda moitísimo percorrido, e teremos que ir corrixindo as disfuncións que existan e que poidan xurdir.

- ¿Pero convénceo a reforma?

- Estamos nos primeiros balbucidos. Boloña foi unha ocasión para a reflexión sobre procedementos de ensino. Nese senso, benvido sexa, pero a planificación en España foi inexistente, con continuos cambios e a urxencia dos que chegan cos prazos case cumpridos. Hai que facer esforzos para garantir que sexa unha mellora para os estudantes.

- A próxima reitoría terá que executar boa parte o proxecto de Campus de Excelencia Internacional...

- De interese rexional.

- ¿Que lle parece o proxecto?, ¿asumiríao como seu se fose reitor?

- Mire, a USC está moi necesitada de mellorar as infraestruturas de investigación, e mesmo as docentes, en todas as áreas. Quen goberne terá que coidar a igualdade de oportunidades para todo o mundo. Eu sinto satisfacción por que un proxecto noso sexa ben valorado, pero temos que imbricalo na estrutura da universidade. Penso que iso está por facer, e será unha das tarefas do novo goberno. Tratar de deixar comprometido, con moitas présas e a última hora, o futuro dos vindeiros gobernantes é unha mala política.

- ¿Gustaríalle que quedase máis aberto para quen remude a Barro?

- Naturalmente que si.

- ¿Incluído o cambio de nome do Campus Sur polo de Campus Vida?

- No consello de goberno fun das tres persoas que expuxemos a nosa preocupación por asumir un nome que non representa as distintas sensibilidades do Campus Sur e racha coas denominacións dos campus de Santiago. Ese debate está fóra de lugar.

- ¿Volverá a Campus Sur se gaña?

- [O cambio feito] é unha frivolidade cando temos que facer grandes esforzos para reconducir a situación económica á que nos levaron os actuais dirixentes da universidade e unhas administracións que non acaban de entender a necesidade de apoiar o coñecemento. Se queremos un cambio, fagámolo, pero busquemos o momento oportuno.

- Vigo tamén cambiará axiña de reitoría, ¿debería quedar para máis adiante o acordo entre os reitores de compartir recursos das institucións universitarias galegas ou é bo?

- Teño clarísimo que compartir recursos é unha magnífica solución. De feito, eu participei e incluso dirixín algunhas propostas nesa liña. Falo do Cesga, da rede de banda ancha de ciencia e tecnoloxía de Galicia ou da aplicación informática das probas de acceso á universidade durante 17 anos. Sobre o protocolo, hai tres semanas que solicitei unha copia del, pero sigo á espera.

- Nestes meses debateuse moito sobre Medicina, ¿cal é a súa postura?

- Unha facultade, unha titulación e colaboración... É que levamos moitos anos colaborando con todos os hospitais do Sergas. Outro tema é o novo edificio. Cada pouco tempo mostrábanse proxectos que lle custaron moitísimo á USC, pero nunca houbo vontade de levalo a cabo.

- Pero para acometer esa obra fan falta recursos externos á USC.

- Si, agora. Antes houbo eses cartos, pero aplicáronse noutras cousas, non no que correspondía. É unha débeda histórica e irei a morte para solucionala.

- Desta volta agárdanse seis candidaturas a San Xerome, ¿é un escenario electoral difícil?

- É diferente. Entendo que aqueles que apoiaron a outra alternativa hai catro anos agora apoian algunhas. Eu sigo representando o mesmo ca en 2006, unha visión libre de condicionantes da nosa universidade.

- ¿Ve candidaturas de continuidade?

- Máis dunha, claramente.

- ¿E máis de dúas?

- Tamén.

- ¿Ten xa o equipo conformado?

- Como persoas asignadas a un posto, non teño, e intencionadamente. O importante é ter un programa e buscar as persoas máis preparadas para levar adiante os seus retos.

- ¿Pero séntese arroupado?

- Teño moita xente, é unha das diferenzas máis notables con respecto a hai catro anos. Achéganme traballo e ilusión para facer un bo programa.

- En calquera caso, ¿como definiría o equipo que quere conformar?

- Pois un equipo con distintas formas de ver a universidade dende a universiade, pero cun obxectivo común. Eu non vou xogar á multiuniversidade nin á univercidade (termo cuñado por Barro). Para min a palabra universidade dío todo.

- Fala de distintas sensibilidades. Tamén hai distintos sentimentos e hai áreas, como a de Humanidades, que se senten discriminadas.

- Senten que non xogan en igualdade de condicións. Eu tamén vexo que nestes momentos as oportunidades non son iguais para todos.

As liñas xerais

Un proxecto “asentado na realidade”

 A súa nai era de orixe metade inglesa, metade austríaca. A ela débelle o seu exótico segundo apelido, aínda que el mesmo viviu varios anos en Reino Unido, onde fixo o doutoramento. Ten dous fillos, xa criados, e se chega a reitor sentirá perder os xoves de música clásica do Auditorio de Galicia.

- ¿Pode avanzar algunhas liñas do seu proxecto?

- Estará asentado na realidade, que é terca. Hai que ser realistas e resolver o problema do coñecemento da comunidade universitaria de cal é a nosa situación real.

- ¿Fala das contas?

- Por exemplo, pero non só delas. Dende 2006 solicitei distinta información sobre a situación económica e  só recibín unha minúscula parte. Nunca apoiei os orzamentos, porque nunca me pareceu que mirasen cara ao futuro.

- ¿E á parte diso?

- Optimizar recursos, reestruturar a xestión e aposta pola docencia serán outras das liñas do programa

El Correo Gallego, 21/02/10

Outras novas relacionadas: