Galicia: USC: Laura Sánchez Piñón: “Só podo concibir un proxecto que integre profesores, alumnos e PAS”

Galicia: USC: Laura Sánchez Piñón: “Só podo concibir un proxecto que integre profesores, alumnos e PAS”
Sánchez Piñón aspira á reitoría da USC sen siglas docentes
“As plataformas non dan cobertura á integración que pretendo”, apunta
A súa aposta é “un liderado baseado no diálogo, pensando nas persoas e na responsabilidade”

En abril regresou ao seu hábitat natural, tras catro anos como conselleira socialista de Educación e Ordenación Universitaria co Bipartito. A volta, di Laura Sánchez Piñón (Bos Aires, 1954), foi gratificante. "Tiña ganas de volver, encántame a docencia", explica no despacho que ocupa no Centro de Investigacións Biolóxicas (Cibus), o seu espazo de traballo no campus de Santiago. O principal é na Facultade de Veterinaria de Lugo, onde ten o cuartel xeral de Acuigen, o grupo de xenética de peixes que fundou nos 90, recoñecido coa etiqueta de excelencia competitiva. Entre ambos os dous campus anda tamén a traballar dende hai meses nunha candidatura á reitoría á marxe de siglas docentes. O seu é sobre todo un proxecto con vocación integradora, de potenciación do talento e que busca o mellor da universidade para entregarllo á sociedade, repite na conversa Sánchez Piñón, nena na emigración bonaerense, catedrática dende 2001, nai de tres cativas en idade escolar e nova amante da ópera da man dunha delas, que é estudante de canto, gústalle contar con orgullo.

- ¿Por que agora a candidatura?

- Estudei na Facultade de Bioloxía e empecei a traballar no campus de Lugo en 1981, onde desenvolvín toda a miña carreira. A idea da candidatura xa me rondaba a cabeza hai anos e creo que agora estou no momento vital adecuado. Síntome coas forzas para devolverlle á USC todo o que me deu, e quero facelo cun proxecto claramente integrador, cun liderado baseado no diálogo, pensando nas persoas e na responsabilidade.

- ¿Non teme que a perxudique que non tivese novo plano de financiamento como conselleira?

- O meu paso polo Goberno foi unha oportunidade para mellorar a xestión da educación en Galicia e coñecer todo o sistema educativo. Non imaxino que ninguén vexa como unha desvantaxe ter experiencia xestora ao máis alto nivel. De feito, é algo que xa lles están a esixir aos candidatos ás reitorías de universidades punteiras como a de Oxford. Sobre o financiamento, na consellería conversamos cos reitores do tema, mais por mor da crise non foi posible adiantar un novo plan. Pero de 2005 a 2008 Galicia pasou dun investimento medio de 5.400 euros por universitario a 9.500. Recuperamos 20 puntos e chegamos á media estatal, como reflicte o documento no que traballa a Secretaría de Estado de Universidades sobre este asunto.

- Neste tema pídeselle á Administración, pero haberá que esixirlle tamén a quen recibe.

- Unha vez superada a crise, precisamos compromisos e perspectivas claras de financiamento a medio prazo, co horizonte do 2015. O que non podemos é perder, como sucedeu este ano. A universidade, pola súa banda, debe mellorar os seus indicadores de eficacia e eficiencia e promover unha maior corresponsabilidade co seu contorno, apostando polo desenvolmento social e económico do país. E iso non é só en forma de patentes, hai moitísimas cousas que teñen valor social e que saen da investigación. Eu aposto tamén por unha maior disciplina e responsabilidade, e por asumir a obriga colectiva de facer balance do traballo a curto prazo e ter ambición a longo prazo.

- ¿Que retos específicos debe fixarse a USC?

- O gran reto é construír unha estratexia de progreso na cultura, na formación, na I+D+i e pensar en facer achegas ao cambio estrutural da economía e á mellora da cohesión social. E a clave son as persoas: os estudantes, para os que queremos unha mellor formación e maior empregabilidade; o persoal docente e investigador (PDI), que merece máis recoñecemento social do que fai e unha carreira científica clara; e o persoal de administración e servizos (PAS), que tamén debe ter a oportunidade de mellorar a súa carreira. Non podo concibir un proxecto se non é de integración de toda a comunidade universitaria. Aínda que o PDI poida ter un nivel de implicación maior, é moi importante ligar a outra parte, con políticas de promoción e de máis participación.

- ¿Se gaña as eleccións, fará seu o proxecto de Campus Vida?

- Debemos apostar por este tipo de proxectos e outros doutras áreas que nos sitúan entre as mellores universidades de España. Campus Vida está avalado cun selo de excelencia internacional, baseado na fortaleza da biomedicina na USC e no seu contorno, un dos mellores hospitais de España en produción investigadora. Debe servir para potenciar a interacción entre universidade, hospital e empresas, á maneira, por exemplo, do Genome Campus de Cambridge. Púxose en marcha nos 90, coa apertura de tres grandes centros de investigación, e ao seu redor medrou un importante número de empresas, fixo realmente progresar a economía da rexión.

¿Cal é a súa aposta para Medicina?

- Unha única facultade, con docencia clínica nos diferentes hospitais de Galicia. O novo edificio será tamén unha aposta clara.

- Con Campus Vida semella que hai outras áreas que temen verse máis desatentidas.

- A USC é unha universidade completa, temos un altísimo nivel tanto nas ciencias da saúde e as experimentais, como nas sociais, nas enxeñerías e nas humanidades. Non hai que confrontar unhas áreas con outras.

- Pode chegar a haber seis candidaturas, ¿que lectura fai diso?

- A votación directa e ponderada está a provocar cada vez en máis universidades un número superior de candidaturas. A elección está moi aberta.

- No caso da USC, ¿ten que ver tamén cun cambio nas plataformas docentes?

- Penso que si, non son o que foron no pasado. Teñen un papel como grupos de opinión, pero xa estamos a ver que hai moitas candidaturas que non parten delas, porque recollen outro espírito que está na universidade e que pretendo coa miña candidatura: a integración de toda a comunidade universitaria da que falaba, algo ao que as plataformas non dan cobertura.

- ¿Séntese apoiada nesta andaiana?

- A verdade é que si. Estou a traballar cun grupo importante de xente, de todas as áreas de coñecemento, profesores, PAS e estudantes, con moito diálogo, construíndo un proxecto de todos con moita ilusión.

- ¿Pode avanzar algunhas das liñas xerais do proxecto?

- Algunhas das grandes liñas serán reforzar o carácter público da educación superior, incrementando a competencia universitaria no contorno global e o valor social e económico do coñecemento que xera a USC; e unha maior internacionalización e mobilidade para todos os colectivos. E para os nosos titulados, garantirlles unha formación de excelencia e traballar na súa mellor valoración por parte dos empregadores locais e nacionais.

- ¿Haberá reitora por primeira vez na historia da USC?

- Haberá, estou convencida. Aínda que o número de profesoras titulares medra, seguimos ocupando só un 13% das cátedras (requisto para optar á reitoría), e pese a iso seremos varias candidatas. É unha satisfacción, amosa a evolución que está a haber, a forza que penso que temos as mulleres. É moi bo que a USC teña mulleres que dean ese paso.

- ¿Se gaña, a que sente ter que renunciar?

- Penso que ter un cargo de alta responsabilidade non obriga a renunciar a nada. É moi importante coidar os amigos e cultivar as afeccións, porque tamén nos enriquecen como persoas e como profesionais. As miñas son o cine, que adquirín co meu pai; a lectura, da man da que me estou adentrando nos últimos tempos na filosofía da ciencia; e a ópera, que é máis recente, e que me contaxiou a miña filla.

El Correo Gallego, 28/02/10

Outras novas relacionadas: