Jaime Gómez Márquez: Un pobre acordo e unha claudicación

Jaime Gómez Márquez: Un pobre acordo e unha claudicación

O acordo asinado coas outras universidades e as consellerías de Sanidade e Educación sobre a docencia de Medicina no SUG representa unha claudicación do reitor da USC ante as presións da UDC e non sei se da Xunta de Galicia. É farragoso, cunha redacción moi mellorable, cheo de ambigüidades que auguran problemas de interpretación e polo tanto conflitos. Créase unha nova figura de profesorado, que incluso podería non ser legal, que depende academicamente da USC e administrativamente das outras universidades. Isto é insólito.

O que di a racionalidade académica é que debe ser a USC --a súa Facultade de Medicina e os departamentos- a quen lle corresponde organizar e impartir a docencia. Os hospitais do Sergas e os seus médicos claro que teñen que participar na formación clínica dos estudantes, pero eses profesores deben estar vinculados só á USC, xa que son docentes dunha titulación da USC. Estou convencido de que para os clínicos dos hospitais galegos é unha honra formar parte dunha facultade prestixiosa como é a de Santiago. Neste tema, o importante tería que ser a formación dos estudantes e non as reivindicacións localistas ou as liortas particulares. Ao peor, este acordo pode supoñer unha fonte permanente de desacordo entre as universidades que rematará ben coa rotura do mesmo, o que permitiría tentar volver a unha situación que sexa academicamente máis axeitada para os estudos de Medicina en Galicia, ou coa creación dunha ou dúas máis facultades de Medicina no país o que sería un despropósito.

Teño que felicitar a Universidade da Coruña (UDC) porque está xogando as súas cartas moito mellor que a USC. A súa estratexia é clara: reclamar periodicamente unha facultade de Medicina, implicando os poderes fácticos locais (xa saíu o alcalde coruñés a felicitarse polo acordo) e autonómicos, crear un departamento de Ciencias da Saúde, participar na designación dos docentes do Chuac, e agora abrir as portas da docencia práctica e teórica dos cursos superiores de Medicina. De feito, dende a UDC xa falan de titulación compartida. Por moito que o reitor da USC intente explicar as bondades do acordo nun artigo publicado onte ("excusatio non petita, acusatio manifiesta"), gañan claramente as outras universidades e por enriba a UDC segue sen renunciar a reclamar unha facultade de Medicina.

Explíquenos, sr. Reitor, que gaña a USC con este acordo: que a UDC retire a denuncia que puxo contra a USC? Que se impliquen os grandes hospitais de Galicia? Supoño que para iso non se necesitaría este acordo, ou é que as outras universidades poden vetar a participación dos hospitais públicos galegos na formación dos estudantes de Medicina? Non se pode ser tan débil fronte aos que empregan a ameaza como recurso ou fronte aos políticos porque son os que mandan e teñen os cartos. O reitor da USC representa a máis importante institución académica de Galicia, con diferenza, e unha das universidades máis antigas do mundo.

Postos a compartir, por que, sr. reitor, non reclama a docencia compartida das titulacións de Arquitectura e Enxeñaría de Camiños, que son exclusivas da UDC? Se queremos un sistema universitario potente, competitivo, este non é o camiño.

El Correo Gallego, 02/03/10

Outras novas relacionadas: