Galicia: USC: Jaime Gómez Márquez: “O goberno da USC debe estar máis pegado á realidade do día a día”

Galicia: USC: Jaime Gómez Márquez: “O goberno da USC debe estar máis pegado á realidade do día a día”
Tras sete anos á frónte de Bioloxía, Jaime Gómez Márquez optará á reitoría
Farao, sinala, cun proxecto que busca recuperar a esencia da Universidade: A investigación, cuxa política cre eivada, e a docencia, inxustamente minusvalorada

Loce gravata co debuxo xeométrico do artesoado do pazo de Fonseca e mira fixamente á cámara co xesto serio que, confesa, o caracteriza. Pero a pesar da aparencia, con Jaime Gómez Márquez (A Coruña, 1957) a conversa é fácil. Non lle custa responder o que pensa, mesmo cando sabe que ás veces o que diga non lle vai axudar a sumar votos. Este catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular dende 2000 será un dos seis aspirantes á reitoría da USC nas eleccións de maio, cun proxecto cuxas premisas ten claras: "Hai que cambiar as formas de gobernar e recuperar a esencia da Universidade: a docencia e a investigación", di. Experto en bioloxía molecular das timosinas e minisatélites do xenoma humano, é o segundo aspirante á reitoría máis novo, formouse en Bioloxía na facultade na que leva máis de sete anos sendo decano e pasou tres de estadía posdoutoral no National Institute of Health de Bethesda, en Maryland (Estados Unidos).

- É catedrático dende 2000, ¿por que dá agora o paso cara á reitoría?

- Apetéceme. Creo que agora teño experiencia de abondo e a xuventude para encarala. Ademais, porque entendo que hai outra forma de gobernar a USC, na que a comunidade universitaria teña un protagonismo moito maior que ata o de agora.

- A universidade galega atópase nun momento crítico, en plena adaptación á Boloña e pendente do novo plan de financiamento.

- Está nun momento crítico polo que hai de transición cara á un novo sistema e polo financiamento, pero tamén é un momento importante na USC polos proxectos que hai nas infraestruturas. O actual equipo de goberno comezou unha política expansiva de infraestruturas que tivo a plasmación máis importante en Campus Vida e en Campus Lugo 2015. Son dous proxectos moi ambiciosos e que nos comprometen a todos, e xa que logo habería que estudar a súa viabilidade e o destino de certas infraestruturas. Tamén está por decidir claramente cales son as prioridades estratéxicas no eido da investigación.

- ¿Cal pensa que debe ser a grande aposta? A da reitoría actual semellla que é a biomedicina, ¿compártea?

- Si, eu comparto a aposta pola biomedicina, que non é sinónimo de apostar polo Campus Vida tal cal está concibido. Son dúas cousas diferentes, porque como di o reitor, Campus Vida é máis cá aposta pola biomedicina.

- ¿Que pega lle pon a Campus Vida?, ¿a expansión física?, ¿o concepto?

- Póñolle un pero inicial: que foi feito ás costas da comunidade universitaria. Un proxecto desa envergadura, que trascende calquera equipo reitoral, ten que ser un proxecto avalado pola comunidade universitaria, a través do claustro, que é o noso parlamento. No tocante á investigación biomédica, está claro que é unha das potencialidades maiores que temos, non é nada novo. ¿Peatonalizar? Tamén me parece estupendo. Pero máis alá diso, o que se di de crear empresas por valor de 100 millóns de euros, triplicar o número de investigadores... Son moi escéptico. Todo iso son só desexos, e quen moito aperta pouco abrangue.

- ¿En que o centraría vostede?

- Prefiro que se centre nunha parte, que pode ser a nova facultade de Medicina, que non en mil cousas. Dito iso, non por atender Campus vida podemos desatender a USC. A universidade é moito máis.

- ¿Pensa que agora hai flancos desatendidos?

- Si, penso que si. Ademais, os recursos son limitados, e se van para un lado non van para outro. Estou convencido de que hai moitas facultades que se senten desatentidas, igual que moitos profesores e PAS.

- A universidade pide máis financiamento, ¿non cre que ten tamén marxe para mellorar a súa xestión?

- Si. Debe recibir máis recursos, uns consolidados e outros condicionados aos resultados. A sociedade ten que pedirlle contas á universidade. Na docencia debe esixirlle que forme ben os titulados e na investigación, que publique, que obteña resultados, patentes, etc. Agora ben, se queremos mellorar no eido da investigación coido que deberiamos ser moito máis selectivos na captación de investigadores.

- ¿É algo do pasado ou percibe que aínda hoxe a universidade non é selectiva de abondo nese eido?

- As cousas melloraron cos programas Ramón y Cajal e Parga Pondal, pero para min en xeral aínda non é a realidade óptima.

- ¿Pode xa avanzar as principais liñas do seu programa?

- O primeiro é cambiar as formas de gobernar, estar moito máis pegado á realidade do día a día da USC. E gustaríame recuperar a esencia da universidade: a docencia e a investigación. Semella unha obviedade, pero penso que nos últimos tempos houbo unha tendencia a minusvalorar a actividade docente fronte á investigadora. Aínda que a investigación é máis lucida, as dúas son igual de importantes. No tocante á política científica, penso, como dixen, que hai que mudala, igual que a política de profesorado.

- ¿Que problemas aprecia na xestión do profesorado?

- Creo que hai que corrixir os desquilibrios que hai, moi grandes, entre as áreas de coñecemento. Por outra banda, no eido das infraestruras haberá que priorizar as facultades e as escolas que estean en condicións precarias.

- E supoño que a nova facultade de Medicina será unha das prioridades.

- Si, sería unha delas claramente.

- ¿Que lle parece o pacto para a docencia de Medicina asinado entre Xunta e os tres reitores?

- É un mal acordo, consagra unha situación híbrida e estraña que creo que máis que solucionar problemas vai crear outros novos. Considero ademais que o reitor debería ter deixado este tema para o novo equipo de goberno, e por suposto son contrario á creación de novas facultades.

- Malia ser coruñés.

- Quero o mellor para A Coruña, pero o coruñesismo non me cega (ri). E dende logo o mellor para ela non é unha facultade de Medicina. O mellor sería que se especializase en cousas que non ten Santiago e que niso fose punteira.

- Di que quere unha USC máis participativa, pero nos claustros hai un elevado absentismo.

- Iso é precisamente porque a xente sabe que ir ao claustro serve de pouco, porque todo está precociñado entre as plataformas e iso leva ao desencanto. Non hai un debate real e aberto sobre os temas importantes da universidade.

- ¿Por que proliferan as candidaturas á reitoría? Van ser seis.

- Entendo que é porque a USC está ao final dun ciclo. A elección nunca estivo tan aberta, é o momento de que poida elixirse un reitor ou unha reitora que non teña apoio das plataformas, algo que nunca ocorreu na historia da USC.

- ¿Co fin do ciclo quere refírese ao fin das plataformas?

- Non, seguen existindo, pero si parece que hai fastío na comunidade universitaria porque xogaron un rol equivocado: xuntarse para antes que nada acadar o poder, non para defender unha idea da universidade.

Adaptación a Boloña

Graos sen pensar no alumnado

- ¿Anti-Boloña, pro-Boloña ou Boloña porque hai que roela?

- Non vexo nada malo en que os estudos se harmonicen no ámbito europeo, nin creo que Boloña signifique privatizar. Pero aquí a adaptación fíxose regular. Os graos en moitos casos non se fixeron pensando nos estudantes, senón en cotas de influencia dos departamentos ou áreas de coñecemento, e a implantación dos másteres é un caos. Creo que se autorizaron moitos sen estudo de viabilidade e do interese para a USC.

- Tamén é crítico coa reivindicación dos acreditados a cátedra, ¿non llo vai poñer fácil?

- (Sorrí). Mantéñome no que dixen. Hai que promocionar a xente con valía. Se non se pode facer por cuestións económicas, hai que dicir que será nun tempo. Agora, a traslación directa da acreditación á cátedra non o pon lei ningunha. Ademais, ¿ten que ser catedrático un acreditado con avaliación pésima na docencia? Hai que avaliar cada caso e sen atender a presións. 

El Correo Gallego, 07/03/10

Outras novas relacionadas: