Galicia: USC: Pilar Bermejo: “O proxecto do Campus Vida fíxose á marxe da comunidade universitaria”

Galicia: USC: Pilar Bermejo: “O proxecto do Campus Vida fíxose á marxe da comunidade universitaria”
A catedrática de Química ve positivo ó recoñecemento para a USC, pero cre que se marxinaron as humanidades e as ciencias sociais
Considera ilícito que a Coruña demande unha facultade de Medicina, especialmente en crise

Pilar Bermejo (Santiago de Compostela, 1956) quere unha USC na que os representantes de todas as áreas do saber se sintan representados. A catedrática de Química Analítica, que optará por primeira vez á reitoría, formouse na mesma facultade na que traballa e ademais completou estudos en Plymouth, Reino Unido. Prestixiosa investigadora, con interesantes traballos para o enriquecemento do leite, Bermejo presenta unha candidatura independente. Durante anos estivo vinculada á plataforma nacionalista Universidade Aberta, pero agora cre que xa non é momento de siglas.

- ¿Por que decide dar o paso e presentarse como candidata nas eleccións ó retorado?

- Non foi unha decisión fácil. Tomeina polo meu sentido da responsabilidade, e de compromiso coa institución, tendo en conta a mala situación que se está a vivir. Esta universidade perdeu o rumbo hai tempo, polo que precisa un cambio de formas de goberno xa, non se pode esperar máis. Síntome con forzas e con mocidade para poder contactar con todos os sectores da comunidade universitaria. Tamén é importante o pulo das persoas que me están a axudar.

- ¿Cara a onde hai que ir? ¿Que é o que se fixo mal?

- Nos últimos tempos o máis discutido é que á hora de tomar decisións importantes non hai suficiente transparencia, nin diálogo. A comunidade universitaria está á marxe das decisións que se toman e ten que sentirse partícipe para podelas asumir.

- ¿De que decisións está a falar?

- O Campus Vida, por exemplo. É moi positivo o recoñecemento para a Universidade de Santiago, iso non se pode negar, pero foi unha estratexia moi enfocada a unhas áreas e nesta universidade hai outras, como humanidades ou ciencias sociais, que teñen unha proxección internacional importante, e se senten totalmente marxinadas. Penso que hai que facer unha formulación integral da universidade. Esta é unha universidade completa. Hai universidades máis pequenas que si fan apostas por determinadas áreas e nalgúns momentos poden ser boas. Pero as decisións estratéxicas teñen que ser dialogadas para que toda a comunidade universitaria poida asumilas.

- ¿Reenfocaría o proxecto de Campus Vida?

- Hai cousas que están comprometidas e que xa teñen presuposto. Evidentemente non vou andar desfacendo todo o que está feito. Pero hai cousas que deben ser reconducidas.

- ¿Está a falar das humanidades?

- Hai xente noutros ámbitos, á marxe do biomédico, con moita valía. Tamén teñen dereito a ser recoñecidos e facer aposta por eles. É bo facer unha formulación integral.

- A sinatura do pacto pola docencia médica foi outro dos temas polo que máis críticas está a recibir o equipo actual de Senén Barro. ¿Cal é a súa opinión?

- Se a facultade de Medicina que é a máxima responsable da docencia non está dacordo, eu non estou dacordo. Se a Universidade de Santiago é a responsable, os profesores que imparten docencia da titulación de Medicina teñen que ser desta universidade, independentemente que estean na Coruña ou en Vigo. Si hai que ter máis forza na negociación coa Xunta, hai que ter máis forza. A Facultade de Medicina é unha vella reclamación da Coruña. Isto vén de cando se fixo a segregación nas tres universidades galegas, unha segregación que tivo moitos problemas que se veñen arrastrando.

- Non ve necesaria entón unha segunda facultade

- Penso que non é necesaria. Custa moitos cartos e non se fai dun día para outro. O problema que temos é o dos localismos, que lle fan moito dano a sociedade galega. Á Universidade de Santiago tampouco se lle ocorre reclamar Arquitectura ou outras titulacións que hai na Coruña, e menos en tempos de crise, nos que xa é difícil conseguir financiamento para o que está funcionando ben. Hai que poñer os pés na terra e sacar o máximo partido dos recursos que usamos. Á fin e ó cabo é diñeiro público.

- Esta semana comezaban as negociacións para o novo modelo de financiamento. ¿Qué lle parece que se vaian ter en conta criterios como a excelencia?

- En principio está ben, é mellor que como era hai anos, o financiamento polo número de alumnos. Está claro que a excelencia, os centros que desenvolven unha labor importante en investigación, custa cartos. A universidade obtén tamén moito financiamento por outras vías, a través de proxectos con empresas. Creo que é adecuado que se potencien as persoas que realmente se implican e traballan.

- ¿Co presuposto actual poderíase facer máis?

- Hai que reclamarlle máis financiamento á Administración. Seguimos estando nunha porcentaxe do PIB moi baixa e os gobernos teñen que ser conscientes de que a investimento en docencia é un investimento de futuro. Tamén hai que buscar fondos noutros lugares, non só do Goberno.

- ¿Da iniciativa privada?

- Hai que facer grandes esforzos de internacionalización da USC, sobre todo con vistas ós cursos de posgrao. Hai tamén que facer esforzos en obter fondos no eido da investigación, non só dos plans internacionais e nacionais, tamén implicar as empresas. Non só por obter cartos, senón porque a universidade ten unha responsabilidade e compromiso coa sociedade na que vivimos. Nun momento de crise, os proxectos poden axudar as empresas ó seu crecemento e, polo tanto, o crecemento do país.

- ¿Como ve o proceso de adaptación á Boloña?

- Volvemos tocar o tema do financiamento. Penso que hai un grande frustración porque Boloña a custo cero é unha utopía difícil de resolver. O Consello dos Reitores en Madrid tiña que ter forzado moito máis o tema do financiamento para Boloña. A culpa vén de lonxe, non só é de aquí na USC. Boloña é moi importante porque é o recoñecemento de títulos a nivel europeo, non podemos quedar descolgados. As universidades intentamos facelo na medida das nosas posibilidades. É moi dificíl facelo a custo cero porque unha das grandes apostas é o traballo individualizado cos estudantes e se seguimos tendo grupos moi grandes, ese traballo é dificíl de facer. O profesorado en xeral séntese implicado e está traballando con ilusión. Hai moita xente que quere cambiar as cousas, penso que hai que cambiar a forma de traballar co alumno para adaptarse ós tempos.

-¿Por que hai tanta xente con ganas de ser reitor este ano, xa van seis candidaturas?

- É unha nova época. Isto non pasa só na Universidade de Santiago, está habendo eleccións noutras universidades e tamén hai moitos candidatos, en Valencia en Alcalá de Henares. ¿Por que? Hai un gran descontento e penso que moita xente cre que deben cambiar por completo as persoas que levan mandando na universidade durante tantos anos. Socialmente creo que tamén hai moitos cambios, a crise na que estamos inmersos pode afectar a que haxa tantos candidatos.

- No pasado estivo vinculada á plataforma nacionalista Universidade Aberta, que presenta a Lourenso Fernández Prieto como o seu candidato a reitor. ¿Haberá división no electorado desta plataforma?

- Non o sei, creo que é pronto para poder dicir como vai distribuírse o electorado. Penso que xa non é momento nin das plataformas como tales nin tampouco dos independentes como tales. É o momento de sentar todos xuntos a traballar pola universidade para sacala adiante. Hai que ter mentalidade universitaria e académica.

-¿Xa ten o equipo definido?

- Si, bastante planificado. Sei que é unha das críticas que se me están a facer pero penso que non é o momento de falar do equipo, é o momento de falar de ideas, estamos traballando intensamente na elaboración do programa.

El Correo Gallego, 14/03/10

Outras novas relacionadas: