USC: Carta de Juan J. Casares Long

USC: Carta de Juan J. Casares Long

Estimada/o compañeira/o:

O próximo día 22 presentarei a miña candidatura a Reitor da nosa Universidade. Despois de case catro anos liderando a oposición, unha dura escola na que fun a voz alternativa, podo afirmar que coñezo en detalle moito da USC. Durante estes anos tiven a oportunidade de presentar numerosas observacións, alegacións e mesmo propostas diversas aos distintos temas tratados no Consello de Goberno e no Claustro. Síntome por elo, con experiencia e preparado para dirixir un proxecto renovador da nosa institución.

Estou a falar dun proxecto universitario, independente, tanto para o Campus de Lugo como para o Campus de Santiago, que recolle todas as sensibilidades, integrado por persoas moi ilusionadas e capaces, e que aglutina as opinións de moitos membros da Universidade.

A implantación real dos novos planos de estudo, a valoración de toda a investigación, independentemente da área de coñecemento, a xestión eficaz e con sentido común dos recursos existentes, as demandas de solucións por parte dunha sociedade chea de incertezas e na que nos integramos, esixen a participación de todas e todos: estudantes, PAS e PDI. Participación que só pode acadarse a través do diálogo e a transparencia, para que nos sintamos implicados nas decisións adoptadas e comprometidos coas accións a tomar.

Quero, coa túa axuda, recuperar a identidade da USC, baseada no cumprimento da súa función social, e a ilusión individual e colectiva; convencer a sociedade galega que a Universidade de Santiago segue a ser o referente para o futuro que está a chegar. Participa xa dende agora, aportándonos as túas ideas para facer realidade o que queremos: unha Universidade mellor.

Un cordial saúdo,

Juan J. Casares Long

Para calquera suxestión, tes á túa disposición o meu correo electrónico:

juanjose.casares@usc.es

Outras novas relacionadas: