Galicia: USC: Lourenzo Fernández Prieto: “A USC precisa un novo proxecto de futuro. A palabra clave é reiniciar”

Lourenzo Fernández Prieto, no seu despacho de Historia FOTO: Antonio HernándezGalicia: USC: Lourenzo Fernández Prieto: “A USC precisa un novo proxecto de futuro. A palabra clave é reiniciar”
Internacionalización, integración, alumnado, o financiamento e a política científica serán os eixos do programa electoral do catedrático de Historia
Malia a rotura da coalición con Barro, considera que o seu papel como vicerreitor é valorado
"Somos recoñecidos pola capacidade de xestión e polas formas de gobernar integradoras e participativas"
"O tempo dos acordos xa pasou. Estamos no da competición"
"Para ser máis competitivos fóra temos que aliarnos, interna e externamente"
"Doulle un enorme valor á etiqueta de Campus de Excelencia Internacional. É unha oportunidade"
"Boloña é unha oportunidade para estudantes, profesores e PAS

O máis novo dos seis candidatos á reitoría da USC é tamén o máis experimentado en San Xerome. Hai un ano Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961) deixaba a Vicerreitoría de Relacións Institucionais, por Universidade Aberta (UA), desatando a crise que provocou a saída desta plataforma docente dun goberno no que por primeira vez apoiara un reitor da PUP. Agora ultima un proxecto que, subliña, pretende cambiar as formas de goberno, integrando toda a comunidade universitaria para que dea o mellor de si. Se gaña, será o segundo reitor que dea o Departamento de Historia Contemporánea, tras o mandato de Ramón Villares nos 90.

- ¿Por que agora e non antes esta candidatura?

- Porque cheguei á convicción de que hai que afrontar retos cun determinado modelo e non con outro, que se exemplifica coa proposta que fixen aos demais candidatos sobre Medicina. Paréceme que é a forma de afrontar os problemas, con firmeza e unidade.

- ¿Recibiu resposta dos outros candidatos?

- Si, de catro dos cinco.

- ¿Receptiva?

- Receptiva na maioría dos casos, pero aínda non se materializou. Confío en que poida ser a semana que vén.

- Senén Barro sostén que o acordo asinado foi a única solución posible. Se Sanidade non está polo labor semella complicado acadar outra...

- Hai que probar que capacidade de unidade ten a USC.

- Indo ao groso do seu proxecto, fala de cambio, ¿intentouno UA na reitoría?, ¿non prosperou?

- Claro que o intentamos, pero creo que sobre iso xa hai unha cousa bastante clara. A miña saída da equipa [reitoral] foi o diagnóstico e o programa que presentaremos será o balance. Como vicerreitores somos recoñecidos pola capacidade de xestión e polas formas de gobernar integradoras e participativas, pero a nosa saída creo que é unha explicación elocuente de abondo.

- ¿Non teme que dalgún xeito lle poida prexudicar esa presenza na reitoría, dado que rematou en rotura da coalición?

- Non creo que sexa así. Como dixen, creo que fomos apreciados, e polo tanto non creo que sexa malo para presentarme diante da comunidade universitaria, senón todo o contrario. Marchar foi o máis decente, pero tamén despois deime conta de que seguramente erramos na explicación e na comunicación.

- Hai quen di que as candidaturas proliferan polo cansanzo que provocou o modelo das plataformas.

- O modelo de plataformas naceu hai 25 anos, cando había unhas necesidades que hoxe non existen. Creo que o seu tempo está esgotado, o que pasa é que hai que ter en conta que en 21 anos só gobernou unha plataforma. Pero un reitor ten que ter apoio, sexa de grupos ou plataformas, ou como sexa. Por iso o meu obxectivo primeiro é acumular masa crítica para facer un proxecto novo.

- ¿E que lle achega UA?

- Algo fundamental: a experiencia dunha morea de decanos, claustrais, directores de departamentos que nunca ou case nunca tiveron poder, pero que sempre están construíndo universidade. UA achégame todo iso e a masa crítica mínima necesaria para construír o tipo de universidade que quero construír.

- ¿Baralla a posibilidade de que haxa pactos entre candidaturas?

- Esta é unha candidatura integradora e creo que todos os que están nela e eu mesmo fixemos todas as propostas posibles. O tempo dos acordos xa pasou, para entendernos. Estamos no da competición e é no que estaremos ata o final da segunda volta.

- ¿Como definiría o seu proxecto?

- A USC necesita un proxecto novo e de futuro. Para min a palabra clave é reiniciar, empezar de novo, todo e desde abaixo. Ten que ser un proxecto de futuro que mude o modelo de goberno, non só as formas, que implique e identifique a todos e a todas.

- ¿Que problema lle ve ao actual?

- O diagnóstico estará no programa que presente, pero prefiro non insistir nas eivas, senón nas solucións.

- Pois falemos do que pretende facer.

- No meu programa hai cinco eixos. Un é a internacionalización, que é algo moi fácil porque xa somos unha universidade histórica, europea e internacional, pero temos que aproveitar mellor todos eses recursos. Outro é a integración da comunidade universitaria, porque nos fai máis fortes.

- ¿Integración no goberno?

- No goberno e no día a día. Sóbranos divisións, que moitas veces son artificiais e que nos debilitan, como se ve no caso de Medicina. Para ser máis competitivos fóra temos que aliarnos, interna e externamente. Un terceiro eixo son os estudantes. Son a nosa primeira función, por tradición histórica e por necesidade social.

- ¿Está a perder un pouco de vista iso a universidade de hoxe?

- Non, pero despois dun proceso como o de Boloña, no que os estudantes están incómodos e non participan, porque están fóra del... Pódese promover a súa participación e integración ou xusto o contrario.

- ¿E os demais eixos?

- Un é o económico financeiro. Hai que superar unha situación externa adversa e internamente insostible, unha dobre crise, con intelixencia, unidade e capacidade de innovación para superala, e confío nas nosas capacidades. Comprométome a que o primeiro ano teñamos un acordo coa Xunta neste tema. Hai que construír ademais unha política científica estratéxica, duradeira, con criterios definidos e que non se modifique cada pouco.

- ¿Como tomaría o proxecto de Campus Vida?

- Son unha persoa de humanidades e ciencias sociais e como tal doulle un enorme valor á etiqueta de Campus de Excelencia Internacional, que como etiqueta de calidade é un logro de toda a USC. Desde logo é unha oportunidade que se debe aproveitar, e saberei aproveitala mellor. Ten que servir como fortaleza para lograr esa lóxica de integración da que falei. Haberá que esforzarse en agrupar iniciativas vinculadas a Campus Vida e incluso poñer unha vicerreitoría a traballar directamente nese tema.

- ¿Non cre que sexa un tema exclusivo das ciencias da saúde?

- O proxecto é o que é, pero creo que cumpre tamén outra función, servir de modelo. O que se consegue en ciencias da saúde pode conseguirse noutras áreas. Pero somos distintos, temos necesidades distintas e hai que garantir que as humanidades e as ciencias sociais poidan aproveitar as súas posibilidades e recursos.

- ¿Como encarou a USC Boloña?

- Boloña é a converxencia europea universitaria, o resultado de vinte anos de Erasmus. É unha oportunidade para estudantes, profesores e PAS, aínda que mal levada e tardía, sobre todo no contexto do sur de Europa e español. O peor é que algunhas pantasmas de Boloña se materalizaron, como o máster de secundaria ou o feito de que se apartarse aos estudantes do proceso, cando é concebido para eles. Outro problema é que non se pode construír a converxencia a custo cero.

- ¿Non é dos que cre que levará á privatización da universidade?

- É unha das moitas posibilidades. Eu desde logo quero aproveitar Boloña para construír unha universidade pública máis forte.

- A USC e a UVigo estarán en maio de eleccións, ¿pode ser prexudicial negociar o novo plan de financiamento con dous gobernos en funcións?

- Creo que caberá a sensatez de que sexan os próximos reitores os que culminen ese proceso.Haberá que pechalo nunha lóxica de colaboración institucional, de capacidade de negociación e de firmeza, e tendo en conta o carácter completo, histórico e internacional da USC.

O PERFIL

Aberto ao debate cos cinco rivais

Dende a mesa do seu despacho mira pedras centenarias e a vangarda en construción da Cidade da Cultura, nun dos recunchos da facultade na que se formou. Fernández Prieto, experto en historia agraria e do século XX, é catedrático de Historia Contemporánea desde 2005 e pai de tres fillos de 13, 8 e 4 anos. "Se gaño, non vou renunciar ao tempo coa miña familia, é fundamental. No meu modelo de universidade acabáronse as reunións longas e ineficaces", di. A campaña, iso si, encáraa con azos e propón tres debates dos candidatos, un en cada un dos campus de Santiago e outro en Lugo.

El Correo Gallego, 21/03/10

Outras novas relacionadas: