Galicia: USC: Lorenzo Fernández Prieto: “Campus Vida é unha etiqueta para lograr máis recursos externos”

Galicia: USC: Lorenzo Fernández Prieto: “Campus Vida é unha etiqueta para lograr máis recursos externos”
“O equipo reitoral debe apoiarse nos decanos para gobernar”

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Lourenzo Fernández Prieto, que deixara o seu cargo como vicerreitor a mediados desta lexislatura, preséntase agora ao Reitorado citando como modelo de reitor a Rodríguez Cadarso. “Foi quen modernizou a universidade e segue sendo recordado como un grande reitor polo que fixo”. Por que se presenta? “Porque sei que podo interpretar o que a maioría da xente quere”.

- É único candidato recoñecido dunha plataforma, Universidade Aberta.

- Non son un candidato recoñecido de plataforma. Pero paréceme moi ben que Universidade Aberta, que nunca dirixiu de forma monolítica o poder nesta universidade, me apoie. Ademais, o seu apoio é a mínima masa crítica que preciso para transformar a universidade.

- Con seis candidatos, estas eleccións están moi abertas. Como ve a campaña?

- Temos que garantir que se faga en igualdade de condicións. Por eso, a miña proposta de facer tres debates, como mínimo, sen condicións, para que toda a comunidade nos poida escoitar e vexa que diferencias temos e que nos une. Non só podemos traballar nas diferencias, quen sexa reitor ten que ter capacidade de unir e integrar, eu quero ser un candidato integrador.

- Polo momento xa logrou unir todos os candidatos para rexeitar o acordo da docencia clínica dos reitores e a Xunta...

- Nese acordo, a facultade cedía a capacidade de organizar a titulación de Medicina da USC, iso non ten sentido. Todos os candidatos estamos en contra e plasmámolo nun documento. É un acordo sinxelo que demostra que os conflitos se afrontan con unidade. Se a alguén se lle ocorre outra decisión, que a adopte, porque a USC non pode decidir se hai máis facultades de Medicina ou non.

- Que opina do acordo global de cooperación entre as tres universidades?

- Compartir recursos no sistema universitario é vital. Un dos meus modelos é o de asociación das universidades catalanas, pero hai que recoñecer a singularidade da USC. Cercenala para apoiar outras posibilidades é un pecado para Galicia porque é a única universidade histórica europea que ten, a única completa e internacional. Non se poden tratar as tres universidades da mesma forma. O reparto igualitario é unha pexa. Haberá que establecer mecanismos de competición, de obtención de resultados, no plan de financiamento. A partir de aí, haberá que colaborar, por exemplo, en equipamentos científicos, que son carísimos. Se o fai o goberno galego, mellor, se non farémolo os reitores.

- Que outras vías de financiamento ve?

- Temos que articularnos para conseguir recursos de investigación e docencia nos programas e nos xacementos de recursos que existen. Os fondos públicos non só están en San Caetano, tamén están en Madrid e en Bruselas.

- Fala de contratos públicos. Habería que incentivar o investimento privado?

- A relación coa iniciativa privada prodúcese desde que existe Zeltia, e Sargadelos e o Instituto de Cerámica. Hai unha relación entre a investigación e o I+D sen a cal, nin a USC tería un Instituto de Cerámica nin Sargadelos tería un produto con tanto valor tecnolóxico engadido. Iso hai que resaltalo. Pero o fundamental é o carácter público da institución; iso permite facer todo o demais. Canto máis nos afortalezamos desde o ámbito público, mellor poderemos facer o outro, e con liberdade.

- Como melloraría a investigación?

- Hai que cambiar a dinámica de acumular recursos pola política científica estratéxica, a que nos aplican a nós cando competimos por recursos: prográmase cuns anos, ten que obter sempre uns obxectivos, tes que responder a eles e é financiada en función do seu cumprimento. Trátase de competir internamente, en vez de agardar un reparto desde arriba.

- Hai moitas queixas pola xestión do Campus Vida, que faría vostede con el?

- O Campus Vida é a etiqueta do Campus de Excelencia Internacional (CEI). O CEI é toda a universidade, porque é conseguido con indicadores de todos. Somos a vixésimo quinta universidade europea en Erasmus, a oitava española en doutorandos estranxeiros, temos un 18% de alumnos de fóra, o 10% deles estranxeiros... Temos moitos indicadores que demostran que xa somos CEI. Logo, o Campus Vida é a etiqueta para lograr máis recursos externos e poder liberar recursos internos para outros proxectos. Fronte a isto hai outra opción que nego, usar o Campus Vida para xustificar que se acheguen todos os recursos internos para ese proxecto.

- A queixa vén porque se atenden máis as áreas científicas...

- O problema de Santiago é que se produce unha fractura entre unhas áreas e outras. Iso divídenos e debilítanos. Eu son o candidato que responde a iso, porque son o candidato das Humanidades e as Ciencias Sociais. Explicareino e quedará claro ao longo da campaña.

- Cambiaría a estrutura dos órganos de gobernos da USC?

- Na universidade, o reitor pode tomar decisións totalmente autocráticas. Está o Claustro, pero entre el e o equipo reitoral hai demasiadas instancias, e o poder pérdese por aí. Hai que redefinir onde está o poder. Para o día a día, para poder facer os cambios e redefinir a universidade como queremos, hai que apoiarse nas facultades. Elas teñen que ser o motor do goberno da universidade.

- E onde está o papel do alumnado?

- Os estudantes son un elemento central, porque son a sociedade que está neste momento na universidade. Quero lograr que se involucren e iso faise esforzándose en que participen e garantíndolles información,.

- Cal sería a súa fotografía do éxito?

- A praza do Obradoiro chea de estudantes aplaudindo o equipo reitoral.

Xornal, 30/03/10