Galicia: USC: Fernández Prieto propón un goberno de só sete vicerreitorías

Galicia: USC: Fernández Prieto propón un goberno de só sete vicerreitorías
Presentou onte o avance do seu programa, no que aposta por dar máis voz ás facultades
Concretará as propostas durante a campaña electoral

Lourenzo Fernández Prieto presentou onte o avance do seu programa electoral na loita polo reitorado da USC que se dirimirá a sete bandas o 5 de maio e o 24 na, máis que probable, segunda volta. "Temos orgullo por ser da USC e estamos fartos de oír o que vai mal sen que ninguén achegue solucións", di o catedrático de Historia Contemporánea, que elaborou un proxecto "integrador, aberto, positivo e encamiñado á internacionalización da USC" .O seu será "goberno de principios" sustentado en cinco piares: a universidade pública europea, o compromiso, a codecisión, a calidade e o país. Prieto fixo fincapé na caducidade do actual modelo universitario, que tras 25 anos "xa cumpriu a súa función e remata definitivamente o vindeiro setembro, coa converxencia europea" e aposta por un novo modelo "de futuro" que apontoe a universidade pública e ó servizo da sociedade.

O seu programa artéllase en catro eixos: a estratexia académica, a estratexia científica, a nova xerencia e a calidade. Se ben reservou para o desenvolvemento da campaña electoral concretar cada un destes puntos, si avanzou a necesidade de definir unha "política científica estratéxica", que termine política de investigación "como sinónimo de acumulación de recursos". Na xestión, adiantou que fará goberno máis pequeno, "non por austeridade, senón por eficacia, con só sete vicerreitorías. Esta redución permitiría duplicar a representación no consello de goberno dos centros docentes e do claustro. Este último ratificaría o labor das vicerreitorías.

Acccións de goberno

As súas primeiras accións de goberno serían presentar no claustro os Estatutos para a súa aprobación no primeiro trimestre do vindeiro curso e asinar no primeiro ano de mandato un convenio de financiamento estable coa Xunta para os próximos dez anos que "reflicta á USC como a matriz do sistema universitario galego e a única universidade europea de calidade de Galicia". Ós alumnos -o 25 por cento dos votos- pediulles participación e salientou a necesidade de garantir a súa participación nas comisións de seguimento das titulacións ou nos órganos colectivos ordinarios e, ademáis, comprometeuse a constituír un ámbito consultivo de representación permanente.

El Correo Gallego, 09/04/10

Outras novas relacionadas: