Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 3

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 3

  1. Que opina da "New Public Management" aplicada á Universidade? Considera vostede que a Universidade é unha empresa? Ten que se gobernar como unha empresa? Que opinión lle merece o documento "Estrategia Universidad 2015. La gobernanza de la universidad y sus entidades de investigación e innovación" elaborado pola Fundación CyD co aval do MICINN e a CRUE? Aceptaría que o Reitor e os órganos unipersoais de goberno foran nomeados e non elexidos?

Pilar Bermejo Barrera

- A pregunta ten unha formulación moi complexa, por querer abranguer moitas cousas ó mesmo tempo. Eu podo concretar algo máis comenzando por afirmar que a Universidade, ó non ter fins exclusivamente comerciais, nin é nin pode ser unha empresa. Non pode, pois, ser xestionada como si o fora.

Pero tampouco se pode caer no simplismo de considerar que a Universidade e máis as empresas sexan mundos incompatibles. Pola contra, tendo en conta que un dos obxectivos principais das personas que acuden á Universidade é o da preparación para o exercicio dunha profesión, moitas das veces só accesible dentro dunha empresa, é preciso aceptar que existe e debe existir unha complementariedade entre ámbolos dous mundos, alomenos esa que lle demandan os estudiantes.

Tamén é certo que a Universidade debe fomentar unha formación máis ambiciosa que esta de mera "formación profesional". Pero non pode deixar no camiño, sin atender, ningunha das demandas que se cheguen desde a sociedade. E esta é unha das máis reiteradas e importantes.

Mercedes Brea

- Non é doado responder tantas cousas á vez. A Universidade non é unha empresa; é un organismo público que ten como misión formar persoas, polo que non pode ser xestionada como unha empresa nin estar preocupada por acadar beneficios inmediatos. O que non quere decir que non deba optimizar ó máximo os recursos que lle son asignados e que non deba intentar incrementarlos co seu esforzo. O sistema de elección do Reitor por sufraxio universal (igual que o relativo a Decanos ou Directores de Departamentos e Institutos) paréceme o mellor, porque permite que todos expresemos libremente as nosas preferencias. Outra cousa é que as porcentaxes de ponderación do voto sexan as máis axeitadas, pois, por exemplo, a correspondente ó PAS paréceme escasa.

Lourenzo Fernández Prieto

- Non, a universidade non é unha empresa. Agora ben, o noso modelo de goberno é froito dun tempo, froito da transición á democracia. Nestes 25 anos a universidade, como a sociedade, ten mudado e precisamos revisar os nosos modelos de xestión. Temos universidades máis complexas, máis internacionalizadas, e debemos dotármonos dun modelo de goberno áxil ,e eficaz e que permita aproveitar da mellor forma os nosos recursos. Un modelo no que xunto coa participación vaia a corresponsabilidade na toma das decisións, onde se cumpra algo tan básico como que as normas son iguais para todos. No noso programa dámoslle moita importancia ao modelo xerencial precisamente porque sabemos que é un aspecto que debe ser profundamente reformado, sobre os principios anteriores.

Jaime Gómez Márquez

- Como digo no meu programa, a Universidade non é unha empresa, nin é a súa misión social facer empresas, nin se ten que gobernar como unha empresa. A min paréceme ben que o Reitor sexa elexido por sufraxio universal.

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas)