Galicia: USC: Pilar Bermejo: «É o momento de traballar todos con mentalidade universitaria»

Galicia: USC: Pilar Bermejo: «É o momento de traballar todos con mentalidade universitaria»
A candidata independiente preséntase ás eleccións ao Reitorado cun programa no que propón un goberno participativo para sacar á USC da crise na que se atopa

Pilar Bermejo, catedrática de Química Analítica na USC, non cre nas plataformas universitarias, «que nos levaron a onde estamos agora». Ten claro que sete candidatos son moitos, pero iso revela que «a xente está farta» dun goberno que traballou nestes últimos anos «sen escoitar e dialogar». É hora do cambio.

- Preséntase para sacar á Universidade da crise na que se atopa. ¿Cal é esa crise?

- Todas as universidades do mundo están en crise. Por unha parte, buscando a redefinición dos seus obxectivos e das súas funcións: os tempos cambian e as universidades tamén. Por outra banda, temos o problema da crise económica, agravada pola posición socioeconómica na que nos atopamos, porque aínda sufrimos as consecuencias dunha segregación universitaria mal feita e en terceiro lugar pola xestión dos equipos de goberno nos últimos anos.

- Tamén fala de que quere ter un goberno participativo. ¿Non o foi ata o de agora?

- Moi pouco. Gobernou moitas veces en solitario, sen escoitar e dialogar coa comunidade universitaria, e sobre todo con falta de transparencia nas decisións importantes, nas que cambian a estrutura da Universidade. O modelo de universidade que queremos debe ser dialogado, discutido e aprobado por todos.

- A súa candidatura é independente e cre que o modelo de plataformas está esgotado.

- Non é o momento das plataformas nin dos independentes. É o momento de traballar todos xuntos con mentalidade e visión universitaria, e punto. A nosa candidatura está formada por persoas que non temos ataduras con ninguén e penso que é o que nos diferenza.

- Pero dise que vostede é da órbita da plataforma Universidade Aberta.

- Hai oito anos había dúas candidaturas. Unha dela era a do profesor Sabucedo, na que eu ía, e nesa candidatura había persoas de Universidade Aberta e de aí vén o erro. Sempre pensei que temos que estar á marxe do discurso político, non se pode converter o Claustro nun Parlamento, porque non ten nada que ver.

- Dá vostede 10 razóns para que a comunidade universitaria a vote. Unha delas é o mellor aproveitamento de recursos económicos e técnicos. ¿Como se pode facer iso?

- É moi difícil sabelo porque non sabemos con que recursos conta a Universidade. Sabemos que temos unha importante débeda, que varía segundo se vai falando. O que é certo é que temos un capital humano excelente que necesita apoio. Aínda que exista un problema de recursos hai que establecer prioridades e cremos que deben facerse esforzos no ámbito da docencia. Nos últimos anos fixéronse moitos investimentos en investigación e agora toca implantar Bolonia do mellor xeito posible. Ademais a investigación pode captar máis recursos externos.

- E di que o esforzo dos profesores para a adaptación non se está a recoñecer.

- Hai moitos profesores que teñen unha carga excesiva que non se recoñece no documento onde reflectimos o labor que facemos. Para que se recoñeza é preciso máis profesores. Por iso hai que investir en persoal e tamén en centros. Hainos que está en condicións lamentables e outros que nin sequera se fixeron, como Medicina ou Odontoloxía.

- A internacionalización é outra das prioridades.

- Sobre todo no posgrao, un campo no que poder captar alumnos internacionais e apostar por másteres internacionais. Pensamos en aumentar a mobilidade dos estudantes, que Bolonia establece que sexa un 20%, tamén dos docentes e investigadores, e hai que facilitalo dando, por exemplo anos sabáticos sen cargar co seu traballo ao compañeiro, e aos PAS, porque deben traballar co persoal docente e investigador.

«Queremos crear un programa de emprego no campus para os estudantes, sempre sen entrar en conflito cos PAS»

Os estudantes son a maior prioridade da candidata, e eles mesmos crearon unha web, abreosollos.com, para fomentar a súa participación no proceso.

- Propoñemos crear unha oficina do estudante e un programa de asesoramento integral, con seminarios de introdución ás titulacións e ao funcionamento universitario. Tamén unha oficina de asesoramento legal, con estudantes de Dereito en prácticas. De feito, un dos nosos obxectivos é tamén elaborar un programa de emprego no campus para os estudantes, sempre sen entrar en conflito cos PAS. Por exemplo, as instalacións deportivas están pechadas as fins de semana. Poderían abrirse contratando por horas a estudantes cualificados: se van á piscina terán que ser socorristas. Tamén unha casa do estudante na que poidan desenvolver as súas actividades lúdicas e culturais.

- Os estudantes pérdense moito cos trámites administrativos.

- Hai unha burocratización tremenda na USC. Temos que ir cara á administración electrónica, simplificar estruturas e apostar polo software libre.

- Son tamén os menos participativos e moitos descoñecen a estrutura de goberno.

- O descoñecemento é un problema grande da Universidade. Ás veces botas en falta a USC de hai 20 anos, onde os estudantes eran reivindicativos, pero non todo é culpa súa, a sociedade cambiou. Non é só cuestión de aprobar as materias, hai que formarse persoalmente e a universidade é unha etapa que marca na vida. É un reto importante.

- ¿Sete candidatos animarán a ir votar?

- Debería animar, pero non o sei. O que si que significa é que a xente está farta.

- Se hai segunda volta, haberá pacto?

- Traballamos para gañar en primeira volta, pero é bastante probable que haxa unha segunda. A miña candidatura é de integración e concertación, así que o máis probable é que si, que haxa pacto.

La Voz de Galicia, 24/04/10