Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 4

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 4

  1. Que opinión lle merece a expansión na Universidade do "espíritu emprendedor ou empresarial"? Que lle parecen as denominadas "cátedras de empresa" (Cátedra Elcogás, Cátedra Multicaja, Cátedra de Hostelería del Hotel Doña Pakyta, etc.)? Considera que a Universidade ten que estar ao servizo da competitividade económica?

Pilar Bermejo Barrera

- Repito o que dixen na resposta anterior, a Universidade non é unha empresa, é unha Institución Pública de educación superior, que forma os profesionais do futuro. Pero a Universidade non so ten que xerar coñecemento e transmitilo aos seus estudantes, sinon que tamén ten a obriga de transferilo a sociedade, que en definitiva é de quen recibe os recursos, é preciso regular con claridade como debe facerse esa transferencia, os profesores universitarios non deben nunca esquecer cal é a súa misión na universidade, e por suposto non deben converterse en empresarios, iso é outra cousa.

Mercedes Brea

- A expansión do espíritu emprendedor na Universidade non é incompatible coa transferencia de coñecemento e tecnoloxía á sociedade. O que non pode é primar sobre a función formativa da institución como organismo público. As "cátedras de empresa" poden funcionar se non pretenden controlar a actividade universitaria e só se utilizan para contribuír a financiar accións que entren plenamente dentro da súa competencia.

Lourenzo Fernández Prieto

 - Na sociedade do coñecemento, nunha economía como a nosa na que debemos innovar para progresar é necesario que os nosos egresados teñan espírito emprendedor no seu desenvolvemento profesional. Como actitude a universidade debe promovela. E tamén debe promover a transferencia do coñecemento que crea á sociedade que a sustenta, é a súa responsabilidade. Como se recolle no programa, esta implicación máis directa na transferencia do coñecemento debe facerse desde parámetros de servizo público e sen interferir coas función esenciais da universidade. A universidade non é unha empresa, non se guía por criterios de maximización de beneficio. O seu obxectivo debe ser faciltar o acceso ao coñecemento que xera e ise debe ser tamén o principal obxectivo do seu persoal.

Jaime Gómez Márquez

- Reiterando o que dixen antes, teño que dicir que a misión da universidade é ensinar e investigar (nin máis ni menos). A relación co tecido empresarial ten que ser sempre de simbiose non de parasitismo. En todo caso non debemos competir coas empresas, non é esa a nosa misión social.

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas)