Galicia: USC: Santiago elegirá entre siete rectorables

Galicia: USC: Santiago elegirá entre siete rectorables
La comunidad universitaria escogerá el 5 de mayo a su cabeza visible en los comicios más concurridos

Ha superado incluso a la Universidad Complutense de Madrid, que tuvo seis candidatos disputándose la silla de rector. La Universidade de Santiago (USC) elige el 5 de mayo a su nuevo cabeza visible, después de que Senén Barro, hoy al frente de la USC, haya cumplido el máximo de ocho años como rector. Priman las ciencias sobre las humanidades en esta carrera por llegar a San Xerome, sede del rectorado. Juan Casares Long, que dio la batalla a Barro en los últimos comicios, es catedrático de Enxeñería Química. A las elecciones se presenta también Pilar Bermejo, que ostenta la cátedra de Química Analítica. Y concurren, asimismo, el decano de Bioloxía, Jaime Gómez Márquez, y la catedrática de Xenética y ex conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón. El que dio la campanada al postularse como aspirante un día antes de que se cerrase el plazo de presentación de candidaturas, Juan Varela Durán, es catedrático de Anatomía Patolóxica. Las humanidades están representadas por Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica, y Lourenzo Fernández Prieto - dimitió en marzo del año pasado como vicerrector del equipo de Barro- , que tiene la cátedra de Historia Contemporánea.

Con siete nombres en las quinielas, todos tienen claro que poco se decidirá el próximo 5 de mayo. En todo caso, pasarán a la segunda vuelta solamente las dos listas más votadas. Comenzará entonces el juego de los pactos.

Más de 30.000 personas están llamadas a las urnas

El principal temor de los rectorables es la abstención. Y es que el sufragio universal ponderado - en el que prevalece el voto de los docentes frente al resto de colectivos- hace que la mayor parte de las más de 30.000 personas llamadas a votar decidan pasar por alto las elecciones, implantadas en el 2002 con la Ley Orgánica de Universidades.

Los 7 candidatos

«Non podemos esvaer as fronteiras co tecido empresarial»
Juan Casares Long | Enxeñería Química

O catedrático de Enxeñería Química Juan Casares Long deu a batalla nas anteriores eleccións, pero a ponderación do sufraxio deixouno ás portas de San Xerome. A pesar de empatar en número de votos con Senén Barro, este último tiña o apoio das tres plataformas docentes da USC.

1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

- Ten que haber unha parte que garanta o funcionamento básico das universidades, outra que financie o rendemento social (titulacións, resultados de investigación e transferencia do coñecemento) e unha terceira en base a obxectivos que se cumpran nun tempo determinado. Pero o financiamento básico non pode ser, por exemplo, un 80%, porque estariamos nas mesmas.

2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

- As universidades somos vítimas da falta de planificación e previsión do ministerio. Agora vén a adaptación do que quedou no papel á realidade. O custo cero é imposible nalgúns casos e hai que facer un esforzo para cumprir o que lles prometemos aos alumnos. Obrigará a facer adaptacións importantes.

3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

- Estamos mirando só cara a unha faciana. O resto do mundo está a correr, e hai que mellorar a xestión para correr á súa velocidade. Non podemos quedar na autocompracencia, aínda que temos grandes investigadores, comparables con calquera universidade. O nivel ten que ser igualarnos por riba.

4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

- As empresas teñen que ver na universidade unha vía para solucionar os problemas que teñan e, grazas á capacidade e coñecemento que temos, dar solucións nas que non pensaran. E contribuír á mellora social das empresas de aquí e tamén das de fóra. Esa é unha parte do que temos que facer, pero sempre delimitando o lugar dunhas e doutras. Non podemos esvaer fronteiras coas empresas.

5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

- Temos que sacarlle o máximo rendemento converténdoo nun proxecto incluínte, sempre priorizando as actuacións. É unha oportunidade magnífica para os grupos de investigación, que mellorarán os seus equipamentos e o seu ámbito de traballo, pero temos que pensar en todos cando diriximos a Universidade. Á xente hai que motivala, e un xeito é darlle cousas e, por suposto, tamén esixirlle os resultados. Non podemos igualar por abaixo, sería queimar o futuro.

«En España, a adaptación a Bolonia non foi moi correcta»
Mercedes Brea | Filoloxía Románica

Catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago, Mercedes Brea presenta unha candidatura de corte independente, aínda que foi apoiada pola plataforma docente do actual reitor, a Plataforma Universitaria Progresista. No seu día afirmou que se presentaba para recuperar o diálogo fluído coa comunidade universitaria e tamén para dignificar as carreiras de letras que imparte a institución académica compostelá. E é que teme que a especialización da USC na biomedicina pode restar protagonismo ás outras grandes áreas de coñecemento. Entre as súas prioridades está tamén dar unha volta aos cadros de persoal e procurar que entre sangue novo na USC.

1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

- Debe ser un plan que contemple un fondo incondicionado adecuado á situación real e ás singularidades das universidades, un fondo suficientemente dotado para distribuír por obxectivos, de maneira que a consellería poida establecer prioridades entre todas as propostas que reciba das institucións e logo poida comprobar o grao de cumprimento deses obxectivos. <

2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

- En España, en xeral, o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior non se levou a cabo de xeito moi correcto. Agora teremos que agardar catro anos para avaliar os graos que se implantaron ou implantan este ano, pero debemos empezar xa a revisar a oferta de másteres, e estar pendentes da regulación dos programas de doutoramento.

3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

- Prestar máis atención á investigación básica de calidade, sempre sen descoidar as fortalezas que temos tamén na investigación aplicada. Hai que facer transferencia de coñecemento ademais de transferencia de tecnoloxía.

4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

- Optimizando os recursos que ofrece a USC ás empresas, vendendo patentes, poñendo investigadores formados á súa disposición para que tamén as empresas fagan investigación e innovación, entre outras moitas cousas.

5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

- Un recoñecemento de excelencia internacional para a Universidade de Santiago, que pode servir para reforzar outras accións complementarias. Ademais, serve para dar un pulo a proxectos que xa estaban en marcha ou, polo menos, previstos.

«A relación coas empresas ten que ser como a de Sargadelos»
Lourenzo F. Prieto | Historia Contemporánea

Deixou a vicerreitoría de Relacións Institucionais do goberno de Senén Barro en marzo do pasado ano, acusándoo de non ter cumprido o pacto que o levou a ser reitor. Agora, Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea en Compostela, toma parte na carreira por ocupar a cadeira de San Xerome para «facer Universidade» aínda mellor do que é quen de facelo a comunidade que forma a USC.

1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

- O novo plan de financiamento para as universidades ten que garantir o funcionamento mínimo das actividades docentes e a investigación. Ademais, debe avaliar o custo da implantación de Bolonia, unha lóxica contemplada nunha cláusula do actual plan que non se activou. Por outra banda, teñen que fixarse obxectivos a través de contratos programa sobre principios como internacionalización ou a investigación. Ademais, o novo plan ten que recoñecer o carácter singular de cada universidade e o carácter histórico da USC.

2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

- Hai un certo déficit a causa do custo cero. Ao non ter activado a cláusula do plan actual xeráronse dificultades evidentes, por exemplo no caso de Medicina. O que é importante agora é completar un seguimento da implantación para corrixir as deficiencias que se poidan dar, por exemplo no máster de profesorado.

3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

- Ser polos de referencia sobre cuestións vitais da lóxica de investigación e da lóxica social. Hai que garantir que sexamos libres nalgúns aspectos e mellorar a nosa posición. Non é só xerar coñecemento, senón liderar ese coñecemento. Nas áreas universais, hai que buscar camiños para ser líderes e non ficar só en investigación dependente.

4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

- Como foi a de Zeltia e Sargadelos. Explícome. A Universidade xera un coñecemento básico e tamén aplicado que permite desenvolver proxectos como este. No caso de Sargadelos, a Universidade contaba co coñecemento básico para converter caolíns en cerámica.

5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

- O que interesa é estender ao conxunto da Universidade a etiqueta de prestixio e excelencia que supón Campus Vida, para que pida desenvolverse noutros campos e con outras etiquetas, como por exemplo o campus agrario de Lugo.

«O investimento en investigación básica debe ser incrementado»
Jaime Gómez Márquez | Bioquímica e Bioloxía Molecular

O decano de Bioloxía, Jaime Gómez, ten claro que é o momento de deixar a un lado a «elitocracia» que durante anos gobernou a Universidade de Santiago.

1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

- Entendo que debe basearse en 3 conceptos: un financiamento básico que permita que as universidades poidan abrir as portas todos os días e que todos traballadores cobren a fin de mes, un financiamento por obxectivos, e un financiamento singular que recolla as peculiaridades da USC en tanto que é unha universidade con máis de 500 anos. Engadiría que é necesario outro capítulo para a construción de novos edificios docentes ou remodelacións das actuais instalacións que se xustifique por unha necesidade obxectiva.

2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

- A adaptación a Bolonia en Galicia e en España fíxose dende a improvisación, a tardanza, o descoñecemento, e a boa vontade de profesores, PAS e estudantes. Sempre se dixo que tiña que ser a custo cero, o que é unha falacia. As cousas, se se queren facer ben, necesitan recursos humanos e materiais e isto hai que explicarllo con claridade á sociedade. Dúas das ideas máis positivas deste proceso son centrar a aprendizaxe no estudante, na súa aprendizaxe autónoma, e promover a mobilidade.

3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

- Son 3: a consolidación dos grupos de referencia en investigación, a potenciación das liñas de investigación relacionadas co desenvolvemento de Galicia (acuicultura, agricultura, téxtil, etcétera), e o incremento do financiamento da investigación básica. Hai que apostar pola liberdade de investigación, que, por exemplo, fixo de Estados Unidos a primeira potencia científica mundial e a máis desenvolvida tecnoloxicamente.

4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

- É fundamental que os resultados da actividade investigadora se transfiran á sociedade. A transferencia do coñecemento pasa por aumentar a relación da Universidade coas empresas de xeito que se beneficien ambas: a empresa porque recibe xente preparada e tecnoloxía, e a Universidade porque recibe recursos para o seu desenvolvemento. En todo caso non deberiamos competir co tecido empresarial, é desleal e tampouco é a nosa misión social.

5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

- O prestixio da USC non depende nin pode depender dunha etiqueta que dá o ministerio. A revolución da Universidade faise día a día dende o traballo docente e investigador que produza excelentes titulados e resultados investigadores excelentes.

«Hai que poñer o acento na transferencia en todas as áreas»
Laura Sánchez Piñón | Xenética

A que foi conselleira de Educación durante a etapa do bipartito quere impulsar a multidisciplinaridade nos estudos e devolver ao campus de Lugo o lugar que se merece dentro da USC.

1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

- Debe recoller unha parte dedicada a gastos básicos e outra que financie segundo obxectivos acadados, establecidos con indicadores como a taxa de eficiencia, a empregabilidade dos egresados, os resultados de investigación ou a avaliación e implantación das novas titulacións, xa que o programa coincide coa posta en marcha do plan Bolonia.

2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

- Creo que se está a facer ben. Temos titulacións en marcha con mellora de número de alumnos. É o caso de Matemáticas, no que houbo un repunte no número de novos estudantes, que amosan o seu grao de satisfacción cos novos estudos. O cambio no sistema de docencia, que se centra no alumno a través de titorías, é bo.

3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

- Debemos manter o nivel que xa temos, que é bo, e procurar incrementalo. Ademais, hai que potenciar a investigación en todas as áreas de coñecemento, apostar pola xente nova e pola multidisciplinaridade. Xa non se concibe a investigación en biomedicina, por exemplo, sen ter en conta o eido económico. Hai que pór o acento na calidade e a transferencia do coñecemento, mesmo nas Humanidades e nas Ciencias Sociais e Xurídicas, os menos convencionais, onde se están facendo avances nas TIC - tecnoloxías da información e a comunicación- , por exemplo, co traballo conxunto de pedagogos, psicólogos, enxeñeiros ou matemáticos.

4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

- Ter sempre respecto mutuo e poñer en valor o mellor de cada un sempre de xeito harmonizado. O que non pode ser é competir entre universidades. A competencia é boa no sentido de acadar a excelencia, pero as tres universidades deben cooperar, distinguir o que é bo de cada unha e traballar conxuntamente, como xa se está a facer, por exemplo, no Campus do Mar de Vigo.

5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

- Significa moitas oportunidades. Sempre poño o mesmo exemplo, o do Genome Campus en Cambridge, que despois de 15 anos ten desenvolvido todo tipo de empresas biomédicas con moito potencial económico. Con Campus Vida haberá unha relación profunda entre os centros de investigación, o hospital e empresas de fóra, pero a idea sería que tamén se estableceran empresas propias da área da biomedicina.

«A Xunta debe dedicar o 2% do PIB a financiar as universidades»
Pilar Bermejo | Química Analítica

Aínda que se falou de que Pilar Bermejo é da órbita da plataforma nacionalista Universidade Aberta, ela insiste en que a súa candidatura é independente e que o modelo de goberno dos grupos docentes foi o que levou á USC á actual situación de crise. O seu programa baséase na recuperación do diálogo entre equipo de goberno da Universidade e o conxunto da comunidade universitaria - en especial os estudantes- e en tratar por igual todas as áreas de coñecemento.

1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

- A Xunta debe dedicar o 2% do PIB a financiar as universidades, e o plan debe garantir a suficiencia e a estabilidade. Debe haber unha parte fixa e outra por obxectivos transparentes, consensuados. Non se debe competir entre universidades, senón complementarse, porque somos un único país.

2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

- O Consello de Reitores debeu, no seu momento, presionar máis para que se puxera financiamento enriba da mesa. A adaptación a Bolonia non se pode abordar a custo cero. O máis importante é que os titulados poidan circular libremente por Europa, para iso hai que cambiar o xeito de ensinar e iso custa cartos. O custo cero é unha utopía.

3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

- É preciso fixar un plan estratéxico de investigación, aínda que non defina ata o último detalle. Temos que saber que é o que se está a facer, porque hai un gran descoñecemento e a miúdo acudimos á colaboración con outros investigadores cando hai xente na USC que está a traballar no mesmo ámbito. Despois temos que saber que é o que a sociedade nos demanda. Iso non significa que traballemos só baixo esas demandas, pero somos unha universidade pública e temos que transferir o coñecemento e xerar riqueza.

4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

- Está claro que a universidade non pode permanecer illada do mundo, que ten que manter unha relación coa sociedade, unha comunicación que é imprescindible. Iso, porén, non significa que a universidade sexa unha empresa e os seus membros teñan que comportarse como empresarios.

5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

- A etiqueta de Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida é un recoñecemento. O que queremos é que ese apelido rexional sexa cambiado por internacional. Ademais, ese recoñecemento é para toda a universidade e temos que traballar para que se beneficie toda a universidade.

«Campus Vida puxo á USC no noveno posto de España»
Juan Varela Durán | Anatomía Patolóxica

Foi o derradeiro candidato en facer acto de presenza nas quinielas para o próximo 5 de maio. Apoiado pola plataforma docente Converxencia Universitaria, de corte máis conservador que as outras dúas, Juan Varela Durán buscará centrarse na investigación aplicada, segundo as demandas da sociedade, aínda que sen esquecer a investigación básica.

1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

- O obxectivo último do noso programa electoral é que o plan de financiamento acade o 1% do PIB. Ese 1% sería para as tres universidades, pero tendo en conta que a USC capta o 45% do financiamento, sería máis que suficiente para ter un financiamento e ao mesmo tempo ser quen de pagar a débeda bancaria e os préstamos reembolsables da Universidade. Agora estamos nun 0,74% do PIB, nos últimos anos non pedimos nin un euro e estase a amortizar un 10% da débeda por ano.

2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

- Só con definir Bolonia xa aparecen os problemas que xera. Trátase dun cambio no concepto do ensino, que muda dunha docencia fundamentalmente teórica a unha aprendizaxe das capacitacións, fundamentalmente práctico, cun sistema de control de calidade. Isto conleva un aumento significativo da carga de traballo, por ter que crear grupos máis pequenos e manter unha relación directa co alumno, Non se pode facer a custo cero dando máis traballo a PDI e PAS. Hai que compensar o esforzo, aumentar o profesorado e mellorar as infraestruturas.

3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

- Son dúas as premisas: respectar a liberdade de investigación, non se poden impoñer as liñas a seguir, pero temos que ter en conta que existen demandas da sociedade que nos obrigan a darlles contestación. Por iso deben ser tidas en conta cando se establecen as liñas mestras de investigación.

4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

- Fluída, permanente e realizada de forma progresiva. Campus Vida é un exemplo desta relación. Por outra banda, ten que haber un beneficio mutuo: a universidade obtén recursos (o 30% dos ingresos con autoxerados) e serve de panca para colocar aos licenciados.

5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

- Todas. Atacouse por ser feito de costas á comunidade, pero é o mesmo que o proxecto de Campus da Saúde, en marcha dende hai sete anos. Foi un logro que puxo á USC no noveno posto de España, trouxo ata o de agora 12 millóns de euros e relaciónanos con grandes empresas e entidades bancarias.

La Voz de Galicia, 25/04/10