Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 5

Eleccións na USC: as respostas dos candidatos 5

  1. Cre que a Universidade está a ser mercantilizada? Hai algún indicio de privatización?

Pilar Bermejo Barrera

- En termos xerais en absoluto, a Institución como tal non está a ser mercantilizada. A día de hoxe ningún goberno europeo ditou ningunha norma nese sentido.

Mercedes Brea

- Non creo que a Universidade estea a ser mercantilizada, se ben existen movementos nese sentido que deben ser revisados para evitar que perdan o rumbo. Polo momento, non vexo indicios de privatización.

Juan Casares Long

- Calquera actividade que implique movemento de recursos económicos, é, antes ou despois, obxecto de atención polo sector privado. Hai xa unhas décadas o ensino superior converteuse nunha actividade máis do sector privado. A globalización ven impoñendo pautas de comportamento como a participación en sociedades de capital risco, sociedades participadas públicas/privadas, etc. Pero unha universidade pública non pode perder o seu sentido, que é producir beneficio social e responder ás demandas da sociedade, e substituír o social polo económico.

Lourenzo Fernández Prieto

- Creo que o Ensino Superior como xa o é o resto do ensino, é un nicho de mercado con moito potencial para o investimento privado. Pero nós apostamos pola Universidade Pública como mecanismo de igualación, preciso para que haxa unha efectiva igualdade de oportunidades. Dende hai muitos anos existen nas universidades públicas do Estado español de feito masters a precios non públicos. A construcción do modelo de masters univesitarios públicos precisamente debe servir para reforzar o carácter público da institución.

Jaime Gómez Márquez

- Creo na universidade pública. Está dito no meu programa eleitoral. Non á mercantilización da universidade, non á privatización da universidade.

(Nota: publicamos as respostas recibidas ata agora. Se outros candidatos consideraran oportuno facernos chegar as súas respostas, publicaríamolas no momento de recibilas. As respostas dos candidatos preséntanse por orde alfabética)